Concello da Coruña

Concello da Coruña

Visitas escolares

Oferta escolar curso 2025/2026

CASA DAS CIENCIAS

EXPOSICIÓNS

  • O universo de Fredo. NOVO. Unha exposición retrospectiva con imaxes de Alfredo Madrigal, un dos grandes astrofotógrafos da súa xeración.
  • Exploratorium. Módulos interactivos nos que explorar fenómenos relacionados coa luz, o son, a cor ou as forzas magnéticas. E tamén para aprender a facer preguntas e buscarlles resposta.
  • Pitiños. A nova incubadora de ovos permite ver o proceso de eclosión do ovo e o nacemento de pitiños de galiña.
  • A astronomía como cha contan. Meteoritos, fósiles de dinosauro, fragmentos dunha nave espacial soviética ou dos paneis do telescopio espacial Hubble forman parte desta exposición sobre a forma en que asimilamos noticias de astronomía a través dos medios de comunicación.
  • Puro swing. Unha exposición sobre péndulos cos que xogar e aprender a facer música, abanearse dunha maneira diferente ou sentir no teu corpo as propiedades dos sistemas caóticos. Ademais dunha explicación do funcionamento do famoso botafumeiro.

PLANETARIO

O planetario dixital ofrece mellor calidade de imaxe e recursos espectaculares para viaxar polo sistema solar ou explorar as profundidades do universo. E por suposto, para coñecer os segredos na noite estrelada tal e como a vemos dende a Terra.

  • A grande aventura do sistema solar. NOVO. Un programa que convida a unirse a unha extraordinaria aventura polo noso sistema solar nun percorrido que revela as marabillas e os perigos dos planetas, a nosa veciñanza espacial. Duración: 25 minutos. Idade: de 6 a 13 anos
  • Astronomía en directo. Unha sesión de planetario para descubrir os astros que podemos observar na época na que facedes a visita. Ademais respondemos as vosas preguntas nunha charla ilustrada con todos os recursos audiovisuais do planetario. Duración: 45 minutos. Idade: maiores de 8 anos
  • Hazelnuts. A historia relata como dous esquíos, Nino e Lilli, farían calquera cousa por conseguir abelás ("hazelnuts", en inglés). E máis aínda por conseguir superabelás, que é o que cren que haberá nos brillantes planetas que poden ver todas as noites no firmamento. Así que, embárcanse nunha aventura para intentar conseguilas. Duración: 25 minutos. Idade: de 4 a 7 anos.

Dispoñemos doutros programas adaptados a calquera nivel.

DOMUS

EXPOSICIÓNS

  • MiniDomus. NOVO. Unha exposición interactiva pensada especialmente para o público infantil. Aquí a ciencia e a tecnoloxía descóbrense a través do xogo, a exploración e a creatividade. Inclúe sete espazos diferentes onde podes:
  • Explorar a presión do aire lanzando pelotas por distintos percorridos e descubrindo cal é o máis rápido.

  • Xogar coa luz e as cores, creando obras luminosas con tubos de cores.

  • Construír e experimentar con engrenaxes, poleas e manivelas.
  • Probar o equilibrio e a gravidade, montando estruturas en superficies con diferentes ángulos.

  • Montar máquinas móbiles con rodas, eixes, cordas e circuítos en zigzag.

  • Dar forma a ideas con pezas de construción, usando rodas, soportes e parafusos de bolboreta.

  • Deixar voar a imaxinación creando mundos con grandes bloques: desde dinosauros ata naves espaciais.

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades

  • Intelixencia artificial. NOVO. A intelixencia artificial chega á Domus para complementar os contidos expositivos do museo e ofrece unha experiencia que convida o público a coñecer o ser humano desde novas perspectivas. Poderás explorar dous novos módulos interactivos:
  • Historia da IA. A través dunha liña do tempo visual e lúdica, coñecerás como chegamos ata aquí e como a IA transformou a nosa forma de vivir, traballar, aprender e comunicarnos.
  • EmocionArte. Que pasaría se unha máquina puidese pintar o que sentes? Neste módulo, poderás elixir as túas emocións do día e ver como un modelo de IA xenerativa as transforma nunha obra de arte abstracta. Cada imaxe unirase a unha gran galería colectiva, que crece coas experiencias doutras persoas.

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades

  • Talentos Inclusivos. NOVO. Un proxecto educativo que une ciencia, tecnoloxía e inclusión para descubrir como a tecnoloxía pode ser unha ferramenta para facer a vida máis fácil e como o traballo colaborativo busca o benestar de todas as persoas. Os módulos que se presentan na Domus abordan proxectos sobre fogares intelixentes, actividades de rehabilitación, xogos adaptados, produtos personalizados con impresión 3D, acceso a dispositivos dixitais e sistemas de comunicación alternativa. Son solucións creativas feitas por e para persoas, coa tecnoloxía ao servizo da inclusión.

Talentos Inclusivos é un proxecto do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade da Coruña e ASPACE.

Coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades

  • CINEMA

«Claqueta científica». Asómate á pantalla xigante da Domus. Gratuíto.

Ofrécense estes títulos:

  • The Melting Point. En menos de 50 anos todos os glaciares do Pirineo desaparecerían. Por iso, estudalos e comprendelos antes de que desaparezan é o reto actual. Eses son os principais argumentos sobre os que trata este documental da man de persoas aragonesas expertas en glacioloxía. Duración: 29 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de educación primaria, educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Premio Prismas 2021

  • Descubre con Tadeo. Tadeo Jones é un guía ideal, entrañable, divertido e popular que nos mostra o traballo que realizan os centros de investigación en España. O intrépido explorador, protagonista da película de animación máis exitosa da historia do cinema español, viaxará a diversos enclaves nacionais como as Covas de Altamira, o Parque Natural de Doñana, a Serra de Atapuerca, o Buque de Investigación Oceanográfico ou o Gran Telescopio de Canarias, entre outros. Duración: 20 minutos. Nivel educativo: educación infantil e ata 4.º de educación primaria.

TALLERES E ACTIVIDADES

As solicitudes de reserva para os talleres do Laboratorio Aberto e da Sala maker@domus poderanse realizar a partir do 10 de setembro.

>> LABORATORIO ABERTO

Un espazo para vestir a bata de laboratorio, poñer as lentes de seguridade e manexar os instrumentos que utilizan as persoas científicas no seu día a día, dende micropipetas a centrifugadoras, pasando por axitadores, básculas, tubos e moito máis.

PRAZAS ESGOTADAS EN TODOS OS TALLERES PARA ESTE CURSO. LISTA DE ESPERA

Capacidade máxima de 30 persoas por taller

  • PCR: Investigamos a escena do crime. Experimentando coa técnica da PCR (reacción en cadea da polimerasa), o estudantado poderá simular a elaboración de perfís de ADN tal e como se realizan habitualmente nos laboratorios forenses. Duración: 2 horas e media. Nivel educativo: bacharelato e ciclos formativos
  • Xperimenta coas flores. Cada estudante realizará a súa propia disección de flores con todo o equipo científico que se utiliza ao investigar a natureza. Duración: 1 hora. Nivel educativo: 3.º a 6.º de primaria.
  • Bocados. Un taller para descubrir a nutrición como nunca a vías. Exploraremos os cereais, faremos cociña molecular e aceptaremos o reto dun concurso moi saboroso. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: 5.º de primaria a 2.º da ESO.
  • Como se desenvolven os fármacos? Para participar na síntese dun novo fármaco que se está investigando para o párkinson. Duración: 2 horas. Nivel educativo: educación secundaria (3.º e 4.º da ESO), bacharelato e ciclos formativos.
  • Diseccións en directo. Duración: 1 hora. Nivel educativo: educación primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos.
  • Artistas da prehistoria. Un taller no que converterse nun ou nunha artista prehistórico/a e coñecer os materiais, técnicas e temas favoritos das nosas persoas antepasadas. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: educación primaria (3.º a 6.º) e educación secundaria (1.º e 2.º).
  • ExploraDomus Escola. A cociña é un laboratorio de ciencia! Un taller para explorar a ciencia máis próxima. Duración: 1 hora e media. Nivel educativo: educación primaria (1.º e 2.º)

>> ESPAZO MAKER@DOMUS

O espazo da Domus para experimentar a cultura maker, aprender tecnoloxía con materiais sinxelos e sobre todo con moita imaxinación. Unha oportunidade única para «pensar coas mans».

Impartimos os talleres adaptándoos ás necesidades, coñecementos e habilidades de cada grupo e de cada alumna e alumno.

Ademais destes talleres "listos para usar", o profesorado interesado noutros talleres ou temáticas concretas pode poñerse en contacto co equipo de maker@domus para estudar outras posibles opcións.

PRAZAS ESGOTADAS EN TODOS OS TALLERES PARA ESTE CURSO. LISTA DE ESPERA

Dispoñibles os seguintes talleres "listos para usar":

  • circuitos@domus. Un taller para experimentar con baterías, lámpadas, timbres, interruptores e moitos outros compoñentes eléctricos. Axúdalle ao alumnado a comprender o mundo da electricidade e descubrir como funcionan obxectos cotiáns. Martes das 11:00 ás 12:30 h. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1º e 2º de ESO.
  • robots_garabateadores@domus. O taller empeza construíndo un dispositivo móbil baseado nun motor vibrador, que rexistra o seu percorrido sobre a mesa, describindo formas caóticas inesperadas e garabatos incribles. Un reto é conseguir "domar" o seu funcionamento traballando con pesos e contrapesos, modificando a súa forma e aspecto, o seu equilibrio ou variando calquera outro parámetro físico. Martes das 11:00 ás 12:30 h. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º e 2.º de ESO.
  • electrónica_textil@domus. Neste taller, o alumnado traballa con materiais novos e sofisticados como fío condutor ou LEDs, para deseñar e construír unha creación que ten elementos de arte, tecnoloxía e artesanía. Durante a actividade poden ir definindo e afinando o aspecto final que terá a súa creación. Para aproveitar mellor o taller, é aconsellable (aínda que non imprescindible) que o alumnado teña uns coñecementos básicos de electricidade. Martes das 11:00 ás 13:00 h. Duración: 120 minutos. Nivel educativo: 1.º, 2.º, 3.º e 4.º de ESO.
  • autómatas_de_cartón@domus. Deseña e constrúe un mecanismo con levas e seguidores que che pode servir de base para contar unha historia. O taller é un camiño de ida e volta continua entre a historia que queremos contar e o deseño do mecanismo que mellor se adapte ao relato que imaxinas. Martes das 11:00 ás 13:00 h. Duración: 120 minutos.Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º, 2.º, 3.º e 4.º da ESO.
  • materiais espaciais@domus. O alumnado debe elixir o material máis adecuado para empregalo nunha parte dun proxecto espacial. Para iso terá que analizar as propiedades dun conxunto de probetas de materiais. Quizais ningún dos materiais cumpra completamente con todos os requisitos do proxecto, polo que terán que ser creativos e establecer un compromiso valorando cales son as propiedades máis importantes para este proxecto. Martes das 11:00 ás 12:30. Duración: 90 minutos.Nivel educativo: 5.º e 6.º de primaria; 1.º de ESO.

AQUARIUM FINISTERRAE

EXPOSICIÓNS

  • SALA MAREMAGNUM. Ademais de grandes acuarios, contén decenas de elementos museísticos que propoñen experiencias interactivas. Seguimos renovando os seus contidos, así que este curso incluiremos un xerador de ondas, unha plataforma de equilibrio para practicar surf e un novo sistema de identificación dixital para as especies dos nosos acuarios.

Leva o póster titulado «Preguntas indiscretas do acuario». Só tes que traernos, e entregar en recepción, un conxunto de preguntas que o teu alumnado fai na aula e que están relacionadas coa crise ambiental, especialmente a mariña, que estamos a vivir.

  • SALA ISABEL CASTELO
  • Fotografías da natureza 2025. NOVO. Presenta as imaxes galardoadas na última edición do concurso «GDT European Wildlife Photographer of the Year». De xuño a decembro de 2025
  • Antropoceno. NOVO. Exposición de fotografías sobre o antropoceno, a nova época xeolóxica definida polas modificacións ambientais creadas polo ser humano no noso planeta. De xaneiro a xuño de 2026
  • SALA HUMBOLDT. Exposición Sexo azul. Presenta unha selección curiosa e divertida de especies que representan a variedade de estratexias reprodutivas dos animais acuáticos. Está formada por 20 módulos que inclúen dez acuarios nos que se mostran peixes e invertebrados mariños especialmente elixidos.
  • CORREDOR LÓPEZ SEOANE. Contén exposicións fotográficas sobre historia natural cuxo contido cambia periodicamente. Comezamos o curso coa exposición fotográfica titulada «De auga e terra» sobre anfibios galegos; os anfibios son o grupo zoolóxico máis ameazado do planeta.
  • SALA NAUTILUS. O noso oceanario lembra o gabinete do capitán Nemo a bordo do Nautilus. Ao redor da sala de observación nadan os peixes de maior tamaño do acuario, como as varias especies de tiburóns, corvinas, lirios, rodaballos, douradas, robalizas e meros. Tamén hai bancos de sardiñas e xardas.
  • EXTERIORES. Neles expóñense pezas como a áncora do petroleiro Mar Exeo, que o 3 de decembro de 1992 encallou fronte á Torre de Hércules e provocou unha marea negra, e bolos glaciares. Ademais, nas piscinas viven actualmente tres machos e oito femias de Phoca vitulina.

ITINERARIOS E TALLERES

Os grupos escolares poderán reservar unha visita libre ao Aquarium ou complementala con algún dos nosos itinerarios e talleres.

Atención: se o grupo se atrasa máis de 15 minutos na hora de chegada, perde a opción de realizar o itinerario escollido.

ITINERARIOS XERAIS

  • Veñen os peques. Os grupos terán a posibilidade de reservar unha visita guiada, e adaptada ao seu nivel, polos nosos espazos expositivos. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: educación infantil. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Mundo submarino. Os grupos poderán iniciar a súa visita cun itinerario polos acuarios da Sala Maremagnum e finalizar cunha visita á Sala Nautilus. Duración: 90 minutos. Nivel educativo: educación primaria. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Viaxe ao Nautilus. Os grupos poderán complementar a súa visita cunha charla sobre as especies que habitan o maior tanque do acuario. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: educación secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.

ITINERARIOS TEMÁTICOS

  • Reproducirse baixo o mar. Os grupos poderán complementar a súa visita cunha charla sobre os variados procesos de reprodución que empregan as especies mariñas; centrarémonos nas que mantemos na exposición «Sexo azul». Duración: 45 minutos. Nivel educativo: educación primaria, secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Biodiversidade. Os grupos realizarán un itinerario pola Sala Maremagnum mentres complementan a súa visita cunha charla sobre a biodiversidade e algúns dos conceptos máis importantes relacionados a través dos módulos e especies que mantemos en exposición. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: terceiro ciclo de educación primaria, secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Sinais de alarma. Os grupos realizarán un itinerario pola Sala Maremagnum mentres complementan a súa visita cunha charla sobre algúns dos cambios ambientais que están a sufrir os océanos e que ameazan as especies que os habitan. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: educación primaria, secundaria e bacharelato. Grupos de 50 persoas como máximo.
  • Visita «20.000 leguas de viaxe submarina». PARA CLUBS DE LECTURA. Está dirixida só a clubs de lectura que programen a famosa novela de Xulio Verne entre as súas lecturas. Recibirán unha charla de contextualización e descrición do Gabinete do Capitán Nemo e da Sala Nautilus. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.

TALLERES

  • Taller/itinerario Quenllas á vista. Preséntanse aspectos curiosos da bioloxía das quenllas e do seu estado de conservación. Para abordar a reprodución destas especies visítase o módulo onde se observa o desenvolvemento embrionario. Termina cunha visita ao Nautilus para identificar e recoñecer as cinco especies de quenllas que mantemos no acuario. Duración: 60 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.
  • As focas do acuario. Coincidindo co momento en que se lles dá de comer ás focas, impártense charlas sobre as características destes mamíferos mariños e sobre o seu adestramento. Duración: 30 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.
  • As charcas da baixamar. NOVO. Preséntanse as características xerais das charcas de marea e móstranse exemplos (estrelas de mar, cangrexos, peixes etc.) da biodiversidade destes espazos tan populares e das súas adaptacións biolóxicas. Duración: 45 minutos. Nivel educativo: todos os niveis educativos. Grupos de 25 persoas como máximo.

Normas xerais das visitas

  • Ao acceder ao museo, a persoa responsable do grupo dirixirase á recepción para organizar a visita. Mentres tanto, o grupo deberá permanecer no exterior ou no espazo indicado polo persoal de atención ao público.

  • O persoal docente acompañante será o responsable do cumprimento das normas da visita aos Museos Científicos Coruñeses.

>> INFORMACIÓN ADICIONAL

Prezos

Os grupos escolares gozan de importantes descontos no acceso aos Museos Científicos Coruñeses.

Taxas vixentes ata o 31.12.2025 segundo a Ordenanza fiscal núm. 16 do Concello da Coruña

> Gratuíto *

  • Casa das Ciencias: 0 €
  • Planetario: 0 €
  • Domus: 0 €
  • Aquarium Finisterrae: 0 €

* A gratuidade aplícase aos grupos que fagan a reserva previa nalgún destes casos:

  • Grupos de centros educativos do Concello da Coruña

  • Grupos que nos visiten en xaneiro e febreiro

  • Resto do curso, grupos cuxo profesorado acompañante o día da visita asistise a unha reunión de preparación previa.

  • Centros membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias

  • Profesorado que acompaña o grupo escolar

  • Alumnado con discapacidade física ou psíquica

  • Menores de 4 anos

> Tarifa reducida*

Casa das Ciencias 1,03 €

Planetario 1,03 €

Domus 1,03 €

Aquarium Finisterrae 4,12 €

*A tarifa reducida aplícase aos grupos que fagan a reserva previa e non se axusten a ningún dos casos de gratuidade do apartado anterior.

Se se visitan os tres museos o mesmo día, a sesión de planetario é gratis.

> Xornadas de portas abertas

Os grupos escolares con reserva previa teñen entrada gratuíta estes días en que se realizan xornadas de portas abertas:

  • Semana da Ciencia 2025: do 10 ao 14 de novembro

Onde comer?

  • Picnic da Domus

Traede a vosa comida ao picnic da Domus. Haberá catro quendas de luns a venres, ás 12.00, 13.00, 14.00 e 15.00 horas para unha capacidade máxima de 80 persoas.

  • Comedor do Aquarium Finisterrae

Este curso dispoñemos dun comedor para as visitas escolares cunha capacidade para 80 persoas.

Pódese reservar en dúas quendas das 13.00 ás 13.45 horas e das 14.00 ás 14.45 horas.

A asignación do uso e quenda de comedor, tanto da Domus como do Aquarium Finisterrae, estarán suxeitos á dispoñibilidade do espazo na data solicitada.

Como reservar?

1. Escolle as visitas e/ou actividades que queres levar a cabo co teu grupo escolar nos Museos Científicos Coruñeses.

2. Cubre a folla de reserva que podes descargar ao final desta páxina web. Neste proceso podes seguir unha destas dúas opcións:

  • Descarga o formulario, ábreo con Adobe Acrobat Reader DC, cúbreo e gárdao.
  • Tamén podes imprimir o formulario, cubrilo á man e dixitalizalo despois para envialo.

3. Envíanos a folla de reserva correspondente cuberta a través deste enderezo de correo electrónico:

> Importante

A reserva só quedará formalizada cando comuniquemos a confirmación do número exacto de prazas reservadas, a data ou datas de visita e o programa detallado.

> Máis información:

Teléfono: 981 189 848

Correo electrónico: reservas@casaciencias.org

Documentos relacionados

  • Formulario de solicitude de reserva de visita (galego) (182 KB)
  • Formulario de solicitude de reserva de visita (castelán) (185 KB)

Novidades

Noticias

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión