29 de setembro de 2013
A iniciativa, que conta coa participación da cidadanía, aposta pola sostenibilidade, a seguridade viaria, a accesibilidade e a dinamización económica do barrio.
A concelleira de Mobilidade do Concello da Coruña, Begoña Freire, mantivo unha reunión coas asociacións de veciños da Agra do Orzán, Ventorrillo e Mariñeiros, e coas asociacións comerciais da rúa Barcelona e As Conchiñas co fin de presentarlles o programa de traballo do Plan de Mobilidade Urbana C que o Goberno local vai desenvolver nesta zona da cidade.
O encontro serviu, á súa vez, para contar coa participación dos asistentes e para solicitarlles que sumen as súas suxestións e inquietudes relativas á mobilidade.
A concelleira expresoulles que o contacto directo e continuo coas asociacións é unha das mellores achegas: “Son os que mellor coñecen os barrios e os que nos poden axudar para, entre todos, buscar as mellores medidas. Temos moi claro que a implicación das persoas é o principal puntal para a mellora da mobilidade en cada un dos barrios e na cidade, e tamén temos moi claro que este Goberno municipal quere escoitar e contar coas persoas”, afirmou Begoña Freire.
O Plan de Mobilidade Urbana C foi adxudicado á UTE Iceacsa-Doymo, de entre as 8 propostas presentadas, por importe de 52.272 euros, o que supón un aforro do 28% con respecto ao orzamento de licitación. Esta iniciativa, que se enmarca dentro do Proxecto Urbana C, ten como obxectivo principal mellorar a seguridade viaria, a mobilidade e, en xeral, a calidade de vida nesta zona da cidade, a que maior densidade de poboación ten e a que inclúe vías tan utilizadas polo tráfico rodado como as rondas de Outeiro e de Nelle e a avenida Finisterre.
A concelleira, que estivo acompañada polos técnicos do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e polos técnicos da UTE Iceacsa-Doymo, expúxolles aos representantes veciñais e de comerciantes a metodoloxía de traballo: vanse estudar diferentes indicadores relacionados co uso que peóns, ciclistas, condutores e demais usuarios da vía fan das diferentes rúas para elaborar un diagnóstico e determinar as debilidades e fortalezas específicas do ámbito. A partir de aí, deseñaranse as medidas adecuadas para a mellora da mobilidade e seguridade viaria, e en cuxa elaboración contará coa participación activa dos representantes veciñais e de comerciantes.
“Axiña que teñamos ese diagnóstico do sistema de mobilidade do ámbito de Urbana C, e no que contaremos tamén con enquisas telefónicas sobre pautas de mobilidade, presentarémosllelo ás asociacións para que poidan seguir achegando ideas e suxestións ás propostas que teñamos que deseñar para resolver os principais problemas, porque contar dende o punto 0 ao momento 10 coa participación cidadá é un compromiso irrenunciable para este Goberno municipal”, afirmou Begoña Freire.
O Plan de Mobilidade Urbana C enmárcase no Proxecto Integral de Rexeneración Urbana da Agra do Orzán, Urbana C -www.coruna.es/urban- e conta cun investimento de 11,4 millóns de euros, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Este proxecto integral inclúe a posta en marcha do centro Ágora e 16 actuacións agrupadas en catro programas globais: mobilidade e accesibilidade; fomento do desenvolvemento do tecido económico; integración social e igualdade de oportunidades; e medio ambiente urbano.
Fonte: Concello da Coruña (Comunicado de prensa).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible