Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de marzo de 2009

O proxecto conta cunha axuda de 8 millóns dos fondos europeos Feder

O plan Urban rexenerará a Agra do Orzán cun investimento de máis de 11 millóns

O pleno municipal aprobou hoxe, entre outros asuntos, o acordo coa Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía para a xestión do proxecto Urban, que supoñerá a rexeneración urbana da Agra do Orzán. Ademais aprobouse de forma inicial a modificación da ordenanza de rehabilitación.

O pleno do Concello aprobou hoxe o acordo que establece a atribución de funcións dos dous organismos, Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Economía e o Concello, para a xestión do proxecto Urbana-C. Así, o Concello adquire o compromiso da xestión e as verificacións desta actuación, que supoñerá un investimento total de 11.433.590 euros, dos que 8 millóns corresponden á axuda dos fondos europeos Feder. 

O goberno municipal considera que o apoio da Unión Europea, a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o compromiso do Goberno de España, pon de manifesto o importante labor que se vén desenvolvendo dende A Coruña en materia de rexeneración urbana, o bo resultado obtido no anterior Plan Urban, que permitiu recuperar a zona de San Diego e o Parque Europa, e especialmente o rigor, compromiso e globalidade da actuación proxectada para actuar na Agra e Mariñeiros.

Neste sentido, a tenente de alcalde da Área de Economía, Facenda e Planificación, Carmen Marón, sinalou, tras coñecerse a concesión das axudas Feder, que é unha recompensa ao magnífico proxecto presentado polo Concello, e que permitirá un enorme desenvolvemento da zona e é unha aposta decidida por un barrio que o merece.

Entre os principais obxectivos do proxecto contémplase a humanización de espazos públicos, unha aposta decidida pola mobilidade na zona, así como o apoio á integración social e a participación cidadá. Igualmente, favorecerase a dinamización do tecido económico e do pequeno comercio.

Obras de infraestrutura, mobiliario urbano, xardinería, iluminación e outras actuacións pretenden a rexeneración completa do barrio favorecendo a convivencia e apostando de maneira decidida pola modernización dun barrio que comezou na década dos sesenta. A construción do Ágora empregarase como elemento catalizador do proxecto.

O proxecto ten os seguintes obxectivos fundamentais: mellora da calidade urbana da Agra e Os Mariñeiros, mellora ambiental e humanización de espazos públicos, favorecer a integración social e a participación cidadá, potenciar a mobilidade e accesibilidade, e a dinamización do tecido económico do barrio.

O proxecto pretende aproveitar o futuro equipamento do Ágora como elemento dinamizador e como sinerxía para unir esforzos. É dicir, o novo gran centro cívico servirá de panca que impulse o proxecto e implique o barrio no seu desenvolvemento ata o ano 2013.

Máis en detalle, o proxecto contempla as seguintes actuacións:

+Plan de mobilidade e accesibilidade, proxectos de peonalización.

+Plan de dinamización comercial e axudas ao comercio.

+Plan integral de atención á emigración, plan de emprego e de participación das mulleres, dinamización social e cultural.

+Mellora ambiental do barrio dos Mariñeiros e das vivendas sociais.

+Mellora do mobiliario urbano e plan de iluminación do barrio.

+Urbanización e equipamento da parcela do Observatorio: escola infantil, centro de día, centro de empresas, centro social multiusos, intervención no vello acueduto e a súa contorna, rehabilitación do edificio do Observatorio.

Outros asuntos

Ademais, o pleno municipal deu o visto e prace á aprobación inicial da modificación da Ordenanza de Conservación e Rehabilitación de Inmobles, que introduce un título para fomentar as obras de accesibilidade nas vivendas.

Tomouse coñecemento de diversas sentenzas relacionadas con asuntos urbanísticos e aprobouse de maneira inicial a ordenanza de bolsas de estudos dos Museos Científicos Coruñeses.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión