27 de xaneiro de 2014
"O peón gañará espazo fronte ao tráfico rodado, xa que se habilitarán beirarrúas máis amplas, reducirase o ancho do carril e colocarase mobiliario urbano e árbores", anuncian dende o Concello.
A Área de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que dirixe Martín Fernández Prado, informa de que mañá martes, 28 de xaneiro, comezan os traballos de remodelación da rúa Entrepeñas, enmarcados no programa Urbana C.
Os traballos adxudicáronse por un importe final de 182.347 euros, o que supón un aforro do 22% -de 51.497 euros- con respecto ao orzamento de licitación, que acadou os 233.844 euros. "Con esta actuación, o Goberno local persegue un dobre obxectivo: fomentar a peonalización para que a cidadanía teña o máximo protagonismo e contribuír á aposta municipal pola recuperación do barrio da Agra do Orzán", destaca o Goberno local nun comunicado.
Dende María Pita sinalan que "a rúa Entrepeñas encóntrase en estado de deterioración e, ademais, as beirarrúas son moi estreitas, pois a maior parte do espazo dedícase a calzada e para aparcamento en liña nas dúas marxes" e adiantan que "co novo proxecto, o peón gañará espazo fronte ao tráfico rodado, pois habilitaranse beirarrúas máis amplas, reducirase o ancho do carril e colocarase mobiliario urbano e árbores para favorecer a humanización da contorna".
Os responsables municipais consideran que esta remodelación da rúa Entrepeñas "non só permite recuperar esta vía complementaria á rúa Barcelona para o barrio da Agra do Orzán, senón que ademais executarase de acordo a todos os requisitos necesarios para cumprir coas normativas relacionadas co medio ambiente -retirada dos cascallos de obra a vertedoiros autorizados- e a supresión de barreiras arquitectónicas e a accesibilidade integral". O proxecto tamén mellorará e modernizará a rede de sumidoiros.
O Goberno local lembra que "esta actuación súmase a outras que se están levando a cabo na zona, como o proxecto de revitalización da praza das Conchiñas -que inclúe a construción dun aparcadoiro subterráneo-, os 415.000 euros que se destinan a 90 obras de accesibilidade, ou os 250.000 euros para a reforma da rúa Cuba"
Fonte: La Opinión A Coruña
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible