5 de novembro de 2025
A área de xogos terá capacidade para 150 nenas e nenos, contará con columpios adaptados e unha estrutura ondulante de 55 metros, cun circuíto de obstáculos
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobaron importantes investimentos para a cidade, por valor de máis de 4 millóns de euros, co obxectivo de construír novos equipamentos públicos ou renovar instalacións municipais xa existentes.
Algo máis da cuarta parte desta partida económica destinarase á ampliación e remodelación da área infantil da praza de Portugal, en Riazor. Ao abeiro do Plan de Parques Infantís 2025-2030, o Goberno de Inés Rey impulsa unha intervención que contará cun orzamento de 1,4 millóns de euros e que permitirá adaptar un recinto de xogos que, a día de hoxe, ten capacidade para 11 persoas usuarias. Cando se completen os traballos -que saen xa a concurso-, a superficie será de 800 metros cadrados e haberá unha capacidade para case 150 nenas e nenos.
A alcaldesa apuntou que esta actuación permitirá dar resposta ás necesidades das familias e as crianzas nesta parte da cidade, atendendo á cercanía de tres centros educativos na contorna e á saturación existente en puntos como a área infantil da praza Mestre Mateo.
Neste sentido, o futuro parque infantil da praza de Portugal contará cunha nova estrutura ondulante de 55 metros de longo -concibida como un circuíto de xogos e obstáculos- e columpios adaptados a nenas e nenos con mobilidade reducida. Ademais, aproveitarase un dos espazos laterais da praza para crear unha nova área deportiva de calistenia.
O investimento permitirá crear na cidade Coruña un parque que será un referente en Galicia neste tipo de instalacións.
Un parque infantil a dez minutos ou menos do fogar de cada familia
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, a alcaldesa lembrou que o Plan de Parques Infantís 2025-2030 prevé dedicar máis de 10 millóns de euros no vindeiro lustro, co obxectivo de que, de aquí a 2030, todas as familias, vivan onde vivan na cidade, conten cun parque infantil a dez minutos ou menos da súa vivenda.
Cómpre lembrar que a folla de ruta do Goberno municipal inclúe a construción de, polo menos, tres parques infantís cubertos. Un deles, o do Ventorillo, xa está licitado.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible