9 de xullo de 2014
Wood Feelings, unha empresa de deseño e fabricación de mobles artesanais, fará a súa presentación oficial no local da rúa Barcelona, 58. O C23 acollerá unha proposta comercial relacionada co mundo da papelería, as manualidades e os agasallos.
A Coruña, 9 de xullo do 2014.
A iniciativa TEST do Concello da Coruña continúa probando a eficacia comercial dos negocios do barrio da Agra do Orzán, e esta semana acollerá novos proxectos nos seus locais da rúa Corcubión 23 e Barcelona 58, que recibirán tamén asesoramento comercial.
No local B58 da rúa Barcelona contará coa presenza da empresa de nova creación Wood Feelings, unha empresa dedicada ao deseño e fabricación de mobles artesanais con altos estándares de calidade e un proceso de creación sostible e respectuoso co medio ambiente.
Non só estarán á venda os seus produtos senón que poderemos gozar de distintos eventos e actividades. O xoves 10 de xullo a partir das 17.30 horas, terá lugar o evento Wood Feelings music, unha sesión musical a cargo do DJ Cuco, un experto en sons jazz, nu soul, funk & deep music. O venres 11 ás 19.30 horas, o fondo de conservación da natureza das Mariñas, Fragas do Mandeo, impartirá unha conferencia sobre preservación da biodiversidade a través da custodia do territorio. O sábado 12 de xullo ás 13.00 horas terá lugar a última das sesións musicais “Wood Feelings and Friends”, unha sesión vermut con música e petiscos.
O local da Rúa Corcubión 23 contará coa presenza do proxecto Top Papelería, unha tenda especializada en material de oficina e escolar cunha ampla gama de produtos de manualidades, consumibles de informática, servizos de imprenta, fotocopias e fax, reserva de libros de texto e agasallos. Ademais, Top Papelería ofrece talleres de manualidades dirixidos a todas as idades e atención personalizada. Esta proposta comercial complétase con distintas actividades. Ao longo dos tres días de estancia no local, o proxecto Top Papelería organiza o concurso para nenos “Debuxa o teu papelería” no que os tres finalistas serán premiados. Ademais o xoves 11 e o sábado 12 de xullo ás 18.00 horas, o parque infantil Bulebule organiza actividades de pintacaras e globoflexia para os nenos e nenas que se acheguen ao local da rúa Corcubión 23.
O movemento Pop Up da Agra do Orzán
TEST ten como obxectivo probar a eficacia de novos proxectos comerciais a través de accións efémeras na Agra do Orzán, e involucrar a cidadanía e os emprendedores na creación e valoración do comercio do seu barrio. Neste sentido, e a través das ferramentas dispoñibles na web e a páxina en Facebook do proxecto, poderase valorar cada un dos negocios, facilitándolles así unha valiosa información aos comercios participantes.
Todas as persoas interesadas en participar co seu proxecto ou actividade deberán cubrir unha ficha de inscrición que está dispoñible na páxina web www.testpopup.com.es.
Cofinanciamento europea
TEST está incluído no Plan de acción de estratexias innovadoras para o comercio da Agra do Orzán e está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do programa Urbana C.
Contacto: info@testpopup.com.es
Máis información: http://testpopup.com.es
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible