Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de marzo de 2024

Comezan as obras de remodelación e ampliación do carril bici de Someso, que mellorará as conexións co campus universitario de Elviña

O Concello iniciou este luns os traballos de demolición no pavimento do antigo treito ciclista lindeiro ao centro comercial Espacio Coruña, un percorrido que será renovado de forma integral

O Concello puxo en marcha este luns as obras de remodelación do treito de carril bici existente no barrio de Someso, co obxectivo de mellorar e ampliar esta infraestrutura para conectala coa rede ciclable que chega ao sector leste do campus universitario de Elviña.

A grandes rasgos, os traballos centraranse en dar continuidade ao treito de carril bici da avenida da Universidade, construído e habilitado a mediados do ano pasado. Desta forma, está previsto ampliar o percorrido actual bordeando o CIFP de Imaxe e Son, a rotonda da propia avenida e a glorieta da rúa José Pascual López Cortón, conectando este novo treito de carril bici cun xa existente, mais infrautilizado ata a actualidade: o que transcorre en paralelo ás ramplas de acceso e saída do aparcadoiro do centro comercial Espacio Coruña.

É precisamente neste treito onde hoxe deron comezo os traballos, coa demolición do antigo pavimento, deteriorado polo paso do tempo. Coa súa próxima renovación, o Concello adaptará e mellorará este percorrido dándolle unha sintonía coa estética xeral da rede ciclable da cidade, na que predomina o pavimento diferenciado en cor granate, para facilitar a distinción das persoas usuarias con respecto ás zonas de paso das e dos ciclistas. Neste sentido, cómpre lembrar que o Concello tamén acometerá as tarefas de pintura necesarias para a sinalización horizontal dos puntos nos que haxa pasos de preferencia peonil.

Esta intervención forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza do barrio de Someso. A folla de ruta para mellorar os espazos públicos do distrito tamén supuxo, meses atrás, a creación da primeira estación de BiciCoruña na propia avenida da Universidade, fronte ao recinto ferial ExpoCoruña.

O carril bici chegará á contorna do pavillón polideportivo da UDC

A mellora e ampliación do percorrido do carril bici de Someso permitirá que as persoas usuarias do mesmo cheguen ao campus universitario de Elviña. Concretamente, á contorna do pavillón polideportivo da Universidade da Coruña (UDC), a escasos metros do estadio universitario e as pistas de atletismo. A conexión ciclista de Someso co campus de Elviña é posible grazas á senda ciclable que, partindo desde a rúa Lamelas, pasa baixo o viaduto da avenida García Sabell e, a continuación, continúa por baixo da rede ferroviaria na que se atopa o apeadoiro Elviña-Universidade. Este treito tamén se renovará e mellorará.

A maiores, é de destacar que o Concello avanza nos traballos de cara á posta en marcha de tres novas bases do servizo municipal BiciCoruña entre os campus universitarios de Elviña e A Zapateira. A primeira estará localizada entre os edificios das facultades de Dereito e Ciencias da Educación, moi preto do pavillón polideportivo. A segunda habilitarase entre os edificios da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais, Portos e Obras Públicas e a Facultade de Informática; e, por outra banda, a terceira das bases, xa do campus da Zapateira, estará na beirarrúa que hai fronte á Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión