Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de setembro de 2022

A Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe o servizo de monitorización enerxética de edificios residenciais na Coruña, que permitirá analizar o consumo en 240 vivendas da cidade na procura dunha maior sostibilidade

O Concello aproba a liña de axudas de creación artística para artistas empadroados na Coruña, coa que reforza a aposta polo talento cultural local

Ademais, aprobouse definitivamente o proxecto de urbanización do soar no que lindan as rúas Antonio Ríos, A Cerca e a travesa da Cerca, situado no barrio do Castrillón

O Goberno municipal aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local as novas axudas de creación artística para artistas individuais empadroados na Coruña, unha iniciativa orientada a fomentar o tecido cultural local desde a proximidade e que forma parte do acordo entre o executivo de Inés Rey e a Marea Atlántica para a aprobación dos Orzamentos 2022.

As axudas á creación xa tiveran unha primeira fase piloto dentro do PRESCO, mais agora incrementaranse tanto a súa contía total, un 50 % máis, desde os 120.000 ata os 180.000 euros, como o importe máximo que pode recibir unha persoa beneficiaria, ata 10.000 euros. Axilízanse tamén os trámites para solicitalas e procúrase que sexan o máis útiles posibles no fomento da produción cultural na cidade da Coruña.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor esta proposta, "que reforza a nosa aposta polo talento local e estimula a dinamización cultural da cidade, coa finalidade de promover a investigación, creación e difusión de actividades e servizos culturais en disciplinas plásticas, audiovisuais, escénicas, literarias e musicais". 

Esta liña de axudas ten como obxectivo contribuír aos gastos ocasionados pola creación de proxectos artísticos durante este ano 2022, polo que só serán subvencionables os gastos orixinados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro deste exercicio. Un dos requisitos esixidos ás persoas solicitantes -que poderán achegar a documentación xustificativa ata o día 31 de xaneiro de 2023-, é estaren empadroadas no Concello da Coruña cunha antigüidade de, polo menos, dous anos. É dicir, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.

Monitorización enerxética

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local reunida hoxe tamén aprobou a adxudicación do servizo de monitorización enerxética de edificios residenciais na Coruña á UTE formada polas empresas Kaizen Integral, Entidad Supervisora Independiente de Proyectos Energéticos (ESIPE) e RG Gestión y Energía, cun contrato valorado en 387.417,80 euros. Desde a súa posta en marcha, o servizo terá unha vixencia de 34 meses.

Este programa, integrado na Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS) e cofinanciado nun 80 % con Fondos FEDER, permitirá que o Concello da Coruña analice o consumo enerxético en 240 vivendas da cidade, na procura dun maior aforro e sostibilidade e coa finalidade de impulsar un cambio de modelo enerxético na cidade, que permita convertela nun lugar máis sostible, reduza a demanda enerxética do parque residencial e impulse os procesos de rehabilitación que melloren a calidade de vida e o confort das persoas residentes.

Neste sentido, e tras un proceso de identificación inicial, nas 240 vivendas escollidas para o proxecto instalarase un sistema de monitorización "que permitirá seguir no tempo o grao de confort interior e o impacto da enerxía nas familias, coa consecuente optimización de recursos nos fogares", explicou hoxe a alcaldesa, Inés Rey.

Novos equipamentos para a futura Zona de Baixas Emisións (ZBE)

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación de dous dos lotes para a subministración e instalación de equipamento complementario á futura Zona de Baixas Emisións (ZBE), destinado á avaliación ambiental da contorna no marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia correspondente aos fondos Next Generation.

O primeiro destes lotes, destinado á instalación dunha nova estación para medir a calidade do aire, resolveuse a favor da empresa Sequopro. O contrato, que terá unha duración de dez meses desde a súa posta en marcha, suporá un investimento de 254.287,55 euros.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á adxudicación dun segundo lote, correspondente á instalación de oito estacións para medir a contaminación acústica, a favor da empresa HOP Ubiquitous (HOPU). Ao igual que o primeiro lote, o contrato terá unha duración de dez meses, e suporá un investimento de 59.347,91 euros.

Proceso de urbanización do soar na confluencia de Antonio Ríos e A Cerca

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou definitivamente esta mañá o proxecto de urbanización do soar no que lindan as rúas Antonio Ríos, A Cerca e a travesa da Cerca, "unha demanda das veciñas e veciños do barrio do Castrillón que xa está máis próxima a verse cumprida", sinalou Inés Rey.

A urbanización da dita parcela permitirá crear unha praza e beirarrúas e embelecer a contorna, grazas á instalación de novo mobiliario urbano e zonas axardinadas.

O proxecto de urbanización deste ámbito presentouse o pasado día 28 de xuño e, tras a súa aprobación inicial, foi sometido a información pública durante o prazo dun mes, tal e como se notificou tras a Xunta de Goberno Local do día 6 de xullo.

A concesión de licenzas entre os días 27 de agosto e 8 de setembro

Este mércores, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 27 de agosto e 8 de setembro, con 157 expedientes notificados, dos que 11 foron licenzas urbanísticas e 98 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destacan as que permitirán instalar ascensores nos edificios situados na avenida Peruleiro, 28; rúa de San Andrés, 14-16; e a rúa Pintor Seijo Rubio, 15, onde tamén se autorizou a rehabilitación do inmoble.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión