Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de marzo de 2024

O Concello concede licenza para a construción dun novo edificio de 74 vivendas no barrio de Xuxán

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o proxecto de normalización de predios no sector lindeiro á avenida do Ferrocarril e a rúa Blanco White, o que permitirá o desenvolvemento da estación intermodal

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 1 e 14 de marzo, con 233 expedientes notificados, dos que 24 foron licenzas urbanísticas e 134 foron obras en réxime de comunicado.

Como expediente particular, cómpre destacar a licenza concedida á promotora Urbanizadora Herculina (UrbHer) para acometer a construción dun novo edificio residencial no barrio de Xuxán. O edificio en cuestión estará localizado na parcela Z-45, e terá catro sotos, planta baixa e nove alturas máis ático. Incluirá un total de 74 vivendas, 132 prazas de estacionamento e outras seis específicas para motocicletas. Haberá, ademais, espazo para 74 rochos.

O orzamento para a execución material das obras é de 6,2 millóns de euros. A promotora terá un prazo de seis meses para iniciar os traballos de construción, e de 30 meses en total para completalos desde a notificación da licenza.

"Desta forma, dámoslle un novo impulso á urbanización do barrio de Xuxán, onde hai poucas semanas tamén aprobamos o proxecto de execución para construír un edificio de 50 vivendas de promoción pública, locais comerciais e sotos con garaxes, que estará localizado na parcela Z-37, un soar de titularidade municipal situado entre as rúas Longarela e Cernadas", lembrou a alcaldesa. 

Para construír este edificio de vivenda pública na parcela Z-37, o Concello levará a cabo un investimento de máis de dez millóns de euros, dos que 2,4 son procedentes de fondos europeos Next Generation.

Normalización de predios na avenida do Ferrocarril

Noutro dos puntos destacados da orde do día, a Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o proxecto de normalización de predios na avenida do Ferrocarril, 24, un trámite asociado ao convenio urbanístico de planeamento e execución das parcelas catastrais situadas na avenida do Ferrocarril asinado en xaneiro de 2021 e ratificado en xaneiro do ano pasado.

Neste proxecto de normalización inclúese unha cesión de parcelas derivada do cumprimento dese mesmo convenio, o que na práctica supón que o Concello obtén, baixo a fórmula de cesión gratuíta, máis de 11.400 metros cadrados de superficie en solos clasificados como equipamento, espazos libres e viario, comprendidos no espazo existente entre as vías e a avenida do Ferrocarril, ata o límite coa rúa Blanco White.

Cómpre destacar, ademais, que destes máis de 11.400 metros cadrados uns 4.600 permitirán o desenvolvemento da estación intermodal.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión