Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de marzo de 2023

O Concello proxecta melloras nos espazos públicos do lugar de Eirís de Abaixo e tamén en Mesoiro Vello

O Goberno municipal vén de ratificar a participación do Concello no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS) da Deputación da Coruña, co obxectivo de cofinanciar estes traballos

A Xunta de Goberno Local ratificou a participación do Concello no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais (POS) da Deputación da Coruña, co obxectivo de cofinanciar traballos de mellora previstos no lugar de Eirís de Abaixo e tamén en Mesoiro Vello.

No caso de Eirís de Abaixo, o Concello prevé acometer unha intervención para recuperar o caudal de auga da fonte dos Caños, un enclave histórico de alto valor patrimonial para o barrio, situado entre Eirís de Abaixo e a parte superior do parque de vivendas do Ofimático.

"O noso obxectivo é a recuperación, tanto estética como funcional, da fonte dos Canos. En primeiro lugar para devolverlle a súa funcionalidade co subministro de auga, polo que se prevé conectala á rede municipal de abastecemento e, ademais, construír unha conexión da fonte coa rede de pluviais que transcorre pola rúa", apuntou Inés Rey.

En paralelo, remodelarase a contorna da fonte, coa modificación do pavimento da rúa, substituíndo o asfalto por outro firme, de granito. No acceso á fonte, ademais, colocarase outro pavimento de lousas de granito. A isto sumarase a construción dunha nova beirarrúa e un espazo axardinado na contorna inmediata da fonte, adaptándoo acorde á súa situación entre o lugar de Eirís de Abaixo e as parcelas de Xuxán. O investimento previsto é de case 110.000 euros.

A substitución da pasarela peonil na rúa Fonte Grande, en Mesoiro Vello

En Mesoiro Vello, e tamén baixo un formato de cofinanciación ao abeiro do POS, o Concello ten previsto acometer unha intervención para a reconstrución da pasarela de madeira existente sobre o río Mesoiro e que forma parte do itinerario peonil que conecta a rúa Fonte Grande coa Rúa Horta.

A pasarela, que será completamente nova, terá sete metros de lonxitude e atenderá a normativa vixente en termos de accesibilidade. O proxecto, xa aprobado, contempla tamén a adecuación do leito do río Mesoiro neste mesmo enclave, mediante o perfilado das ribadas e a rectificación do leito, xa que na actualidade sofre unha desviación non natural provocada por un muro de peche dunha parcela privada. Mitigarase, así, o risco de inundación na contorna. En paralelo, mellorarase a rede de saneamento na contorna. O orzamento previsto para acometer esta obra é de 128.000 euros.

Balance de licenzas

Este mércores, a Xunta de Goberno Local tamén fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 10 e 23 de febreiro, con 187 expedientes notificados, dos que 33 foron licenzas urbanísticas e 97 foron obras en réxime de comunicado.

Entre as licenzas concedidas destaca a que permitirá acometer a ampliación do edificio que acolle o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), no campus universitario de Elviña.

Adxudicación de catro locais no Mercado de San Agustín

Ademais, o Goberno municipal resolveu hoxe a adxudicación definitiva de tres das catro cantinas exteriores do Mercado de San Agustín, así como un posto máis, tamén no exterior da instalación, dando continuidade ao proceso de impulso comercial que o Concello está levando a cabo nos postos que estaban baleiros ou carentes de actividade en continuidade.

Os postos adxudicados abranguen dúas cantinas situadas nos laterais do acceso principal ao mercado, así como outra cantina e un local comercial orientado á repartición de mercadorías, dous negocios que están localizados na rúa Pío XII.

A xestión dos postos, que se levará a cabo en réxime de concesión por unha duración inicial de quince anos, poderá prorrogarse por outros dez anos máis, ata un máximo de 25. "Desta forma, o Concello avanza na revitalización do mercado de San Agustín, onde a súa contorna foi obxecto dunha reurbanización completa con renovación de todo o firme e instalación de plataforma única para fomentar o uso peonil do espazo. Nesta intervención, o Goberno municipal levou a cabo un investimento de algo máis de 619.000 euros", lembrou Inés Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión