Concello da Coruña

Concello da Coruña

Axenda | Evento

Opcións

Qué?
Cuándo?
Dónde?
Distancia (metros)
É necesario que proporcione a súa localización actual para usar esta opción

En Pretérito Seguinte

Unha coidada selección de seis dos/das principais artistas coruñeses/as que permitirá visibilizar e proxectar a arte contemporánea creada dende A Coruña

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 30/03/2023 ata o 28/05/2023

Xa rematou

Horario:

Luns a domingo das 12.00 ás 14.00 h e das 18.00 ás 21.00 h

Enderezo:

Quiosco Alfonso. Xardíns de Méndez Núñez 3, Bj. 15006 A Coruña

Prezo:

Entrada libre

Organiza:

Concello da Coruña

Obras de Correa Corredoira, Lara Pintos, Manuel Suárez, Mico Rabuñal, Pilar Cancio e Samuel Castro, acompañadas por textos de Yolanda Castaño, conforman unha mostra que terá carácter anual e que supón unha decidida aposta do Goberno municipal pola cultura e os/as artistas da cidade.

Coincidindo co ano Picasso na Coruña, preséntase esta mostra de seis autores/as de ámbito local, seis artistas profesionais no momento máis álxido da súa carreira con proxección nacional, e que ofrece a posibilidade de contemplar o pulso da arte contemporánea e cara a onde se dirixe, a calidade dos/as nosos/as artistas e a arte que vén, de aí o seu título.

A mostra, comisariada por Manuel Suárez, encaixa a seis autores/as de moi diferentes rexistros nun espazo como o Quiosco Alfonso, o que require unha coidada exposición arroupada cos textos dunha das escritoras galegas máis internacionais como é Yolanda Castaño, para desta maneira tratar de achegar máis se cabe as obras ao público espectador. Os perfís dos autores e das autoras, un excelente catálogo e o momento da exposición, fan dela un acontecemento imperdible para amantes da arte.

En Pretérito Seguinte pretende converterse nun antes e un despois para o mundo da arte na Coruña xa que se trata dunha decidida aposta do Goberno municipal para proxectar o traballo dos/as artistas coruñeses/as máis aló das nosas fronteiras, co que se converterá na presentación da marca A Coruña no mundo da arte contemporánea.

Deste xeito, a mostra nace da posta en valor dos e das artistas coruñeses/as por parte do Goberno municipal, precisamente neste ano tan significativo, no que mundialmente se conmemora o 50 aniversario do falecemento do universal Picasso, e no que as miradas do mundo enteiro se volven cara a aqueles lugares que foron determinantes para o pintor español, para realzar o talento que xurdiu precisamente na Coruña.

A Coruña é unha das poucas cidades picassianas. Aquí viviu a súa adolescencia e a cidade viuno nacer como artista, xa que foi na cidade herculina onde Picasso expuxo por primeira vez. Os/as seis artistas da exposición En Pretérito Seguinte pretenden tamén mostrarlle ao mundo a influencia da cidade sobre eles e elas, esas mesmas rúas, ese mesmo mar, esa mesma sociedade coruñesa que marcou a Picasso e que é determinante tamén nas súas creacións.

A exposición supón ademais un punto de partida para unha política cultural que pretende non só dar a coñecer a arte contemporánea da cidade en Galicia senón proxectar o seu traballo, xa que con esta mostra serán convocadas as persoas creadores da cidade para que presenten un proxecto colectivo que se realizará con carácter anual no Quiosco Alfonso.

En Pretérito Seguinte achéganos á obra de seis creadores/as inspirados/as na Coruña e pola Coruña.

Cunha técnica moi traballada, MICO RABUÑAL talla obxectos da cultura popular en pedra. O seu traballo encádrase dentro da Pop Art aínda que a súa particular talla en pedra fai aínda máis especiais todos os produtos e obxectos que representa.

A pintora PILAR CANCIO, no intento de vincular sonoridades e imaxes, consegue atrapar as persoas espectadoras cun manexo incrible da tinta chinesa e a súa obra reflicte o que foi o seu desexo, que non é outro que atopar o pouso do que a rodea.

A plástica de LARA PINTOS abarca diferentes rexistros, aínda que a representación do espazo foi sempre unha constante no seu traballo, de tal maneira que os interiores e os seus bosquexos destacan pola composición coa súa luz e a cor case pop con añoranzas do tecnicolor e unha visión propia do deserto interior dos espazos.

MANUEL SUÁREZ nunca se imaxinou noutro ámbito que non sexa o da creación artística. Este coruñés de nacemento déixanos nesta exposición a súa particular visión do mar da súa infancia, o Atlántico.

SAMUEL CASTRO proponnos un achegamento ás cadencias da materia e da propia escultura, con enfoques temporais que se cruzan para ofrecer instalacións robóticas con alto contido poético, no que é unha fusión do artista, o artesán e o inventor.

O xa máis que consolidado CORREA CORREDOIRA pecha a mostra coa súa bagaxe e o seu brutalismo cárnico tan de vangarda con pezas inéditas.

Por outra banda, destaca tamén a edición dun catálogo que ten un deseño específico e diferenciado do resto das edicións expositivas municipais. Será unha publicación que apoiará as/os artistas a modo de traballo de presentación que co selo do Concello da Coruña constate a súa calidade como denominación de orixe.

Unha publicación que será moito máis que un catálogo, xa que se converte nunha crónica anual da arte contemporánea do momento e que lles dá voz aos/ás propios/as artistas, incorporando para iso o testemuño na propia voz dos/as creadores/as da mostra ao incluír un código QR que leva directamente a un documento sonoro no que os autores e as autoras das obras explican tanto a obra da exposición como o seu proceso creativo.

Ese mesmo código QR pode ser descargado polas persoas visitantes á exposición, que desta maneira terán a súa disposición unha particular audioguía coa que serán os/as propios/as artistas quen nos conducirán a través dos seus procesos creativos e das obras expostas.

A ligazón para este código e a seguinte: https://manuelsuarez.art/en-preterito-seguinte/

De forma paralela á exposición haberá ademais diversas actividades complementarias, entre as que se inclúen varias charlas-coloquio sobre o proceso creativo e sobre o actual momento da arte contemporánea, así como varias visitas guiadas.

Tamén che pode interesar...

Axenda

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión