A derradeira sesión deste ano reunirá un dos nomes sobranceiros saídos do Batallón Literario da Costa da Morte -Miro Villar- xunto a gran dama da poesía de Romanía, a célebre Ana Blandiana.
Para público en xeral
14/12/2015 ás 20:30
Xa rematou
Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña
Entrada libre, até completar capacidade.
ANA BLANDIANA é o pseudónimo literario de Otilia Valeria Rusan, nada en Timisoara e hoxe convertida na poeta máis internacional de Romanía. Autora de vinte e seis libros de poemas, relatos, novela e ensaio escritos orixinalmente en romanés, son xa corenta e seis obras as que ten traducidas ata a vinte e catro linguas distintas. Constituíndo unhas das conciencias artísticas e cívicas máis importantes da súa contorna, Blandiana é unha figura lexendaria das Letras Romanesas contemporáneas.
Destacada opositora ao réxime de Ceaucescu, e mesmo se os seus poemas circulaban en miles de exemplares de maneira clandestina, os seus libros estiveron prohibidos no seu país dende 1959 ata 1964, e tamén en boa parte da segunda metade dos anos oitenta. Así, foi no exterior que recibiu o recoñecemento merecido, acadando prestixiosos galardóns literarios internacionais.
Dende 1989 e tras da caída do comunismo en Romanía, ademais de refundar e presidir o PEN Club, botou tamén a andar a Fundación Academia Cívica que, baixo a súa presidencia, contribuíu á democratización do país e erixiu un memorial polas vítimas baixo o patrocinio do Consello de Europa. Membro da Academia de Poesía Stephane Mallarme, da Academia Europea de Poesía e da Academia Internacional de Poesía da UNESCO, Ana Blandiana é tamén Chevalier de la Legion d’Honneur, a máis alta distinción da República Francesa.
Igrexas fechadas
Igrexas fechadas
como casas cuxos donos partiron
sen dicir por canto tempo
nin deixar enderezo ningún.
Corren tranvías e bicicletas
pola cidade arriba e abaixo.
Berros, bucinas,
os habitantes apresurados
compran e venden, compran e venden,
comen de pé
e, moi de cando en vez,
sentan a tomar café
nunha terraza
a carón dunha catedral do século XI
á que miran sen ver
porque andan a falar por teléfono
e nin se lles ocorre preguntar
quen foi que viviu
algún día, hai moito tempo,
nunha casa tan grande.
MIRO VILLAR. Nado en Cee en 1965, é Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada ademais de profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, tradutor e crítico literario para diversas revistas. É un dos nomes máis salientables que fixeron parte do Batallón Literario da Costa da Morte, o célebre colectivo poético tan activo nos anos noventa.
Como poeta debutou en 1992 con Ausencias pretéritas, ao que seguiron 42 décimas de febre (1994), Abecedario da desolación (1997; premio Tívoli-Europa 1998), Equinoccio de primavera (1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999), Gameleiros (Xerais, 2002), As crebas (2011; premio Concello de Carral 2010) e Breizh (2012). Os seus poemas figuran en numerosas revistas literarias e en varias antoloxías, ou foron traducidos a linguas coma o castelán, portugués, italiano, francés, alemán, inglés, ruso, albanés e serbo-croata. Tamén prosista e autor de literatura infanto-xuvenil, nesta última faceta acadou o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores, mentras que, como narrador, recibiu nos anos 1985 e 1987 o premio de relato curto Modesto R. Figueiredo, entre outros. É tamén autor de ensaios e dunha chea de edicións críticas ou comentadas, o que se suma a outros traballos como estudoso da literatura. A súa bitácora persoal, www.crebas.blogaliza.org, foi Premio da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega ao mellor blog literario no 2012.
As sabas a clareo
Recordar sempre doe, porque aínda que laves con lixivia as sabas nunca branquea a dor que impregna cada engurra do algodón dos abrazos e segues os consellos que escoitaches da nai para a roupa encoirada, darlle xabón lagarto e logo deitar na herba as sabas a clareo.
Agardas unha tarde, non de sol formigueiro, de sol de primavera nunha herba soalleira e deitas os recordos de manchas amarelas, prendidos entre as sabas como piolla vella.
E observas con asombro que a túa nai coñece os segredos da vida e agora no tendal penduras a memoria branca e o seu recendo asolaga os recantos dos teus espazos íntimos.

15/12/2025
Acceso libre até completar a capacidade
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible