27 de septiembre de 2018
Estableceranse dous percorridos con diferentes lonxitudes “para adaptarse a todos os niveis de uso da bici”, expón o edil Díaz Grandío. A inscrición é gratuíta e pódese realizar a través do web de Decathlon, entidade colaboradora na organización do evento
A Coruña celebrará o vindeiro domingo 30 pola mañá a Festa da Bicicleta, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Mobilidade Sostible e que porá o broche á programación municipal de actividades Combina e móvete, posta en marcha polo Concello co gallo da Semana Europea da Mobilidade. O acto, aberto á veciñanza, consistirá nunha serie de roteiros que partirán ás 12.00 horas da mañá da Praza de María Pita, nos que se ofertarán dúas modalidades en función da lonxitude do percorrido "para adaptarse así aos diferentes niveis de uso deste medio de transporte", tal e como explica o edil Daniel Díaz Grandío.
"Esta iniciativa lúdica segue a liña de traballo posta en marcha pola Concellería de fomentar o uso e o coñecemento modalidades de transporte alternativas ao vehículo privado para desprazarse no termo municipal", sinala, ao lembrar que, durante a programación de Combina e móvete "puxéronse en marcha distintas propostas neste sentido", como a Feira da Bicicleta, na que se organizaron talleres de ergonomía e autorreparación, ademais dunha Escola da Bici "para dar a coñecer entre toda a veciñanza este medio de transporte, así como indicar os primeiros pasos que se deben dar para o seu correcto uso". Así, a Festa da Bicicleta, organizada en colaboración con Decathlon A Coruña, contará cun percorrido curto que contará cun circuíto de 2,55 quilómetros e que transitará polos treitos, postos recentemente en funcionamento, do carril bici metropolitano que transcorren entre a Praza de María Pita e a Praza de Ourense, ademais das rúas Compostela e Padre Feijoo. "Debido ao carácter participativo e lúdico da proposta, establecerase un punto de reagrupamento na metade do percorrido, á altura do quilómetro 1,3, en Padre Feijoo, para chegar todas e todos xuntos de volta á María Pita", explica Grandío. Este reagrupamento terá lugar contra as 12.15 horas, para saír do punto de encontro ás 12.25 horas.
Por outra banda, o percorrido longo será de 7 quilómetros e ampliará o circuíto da primeira proposta a partires da rúa Compostela, onde continuará por Ferrol, Juan Flórez, Fernando Rey, Alexandre Bóveda, Catro Camiños, Fernández Latorre, Marqués de Amboage, Cabaleiros, Monelos e a rotonda do Mercado de Elviña, punto no que grupo dará a volta por Salvador de Madariaga, Monelos, Pérez Ardá, Ramón y Cajal, avenida do Exército, Primo de Rivera, Linares Rivas e Praza de Ourense até chegar a María Pita. Este percorrido contará con dous puntos de reagrupamento. O primeiro deles situarase á altura do quilómetro 2,18, na rúa Fernando Rey --antes de chegar ao cruzamento coa Ronda de Nelle--. A chegada prevista a este punto está prevista contra ás 12.15 horas e a saída ás 12.35 horas. O seguinte espazo situarase no quilómetro 4,85, na avenida Ramón y Cajal antes do cruzamento coa avenida do Exército, sobre as 13.05 horas. Desde aquí, o grupo partirá cara a María Pita contra ás 13.15 horas.
A inscrición para participar este domingo é gratuíta e pódese formalizar a través da páxina web de Decathlon A Coruña.
Cortes de tráfico
A celebración desta Festa da Bicicleta provocará algúns cortes de tráfico nas zonas polas que transitará o grupo, a medida que pase o pelotón. Entre as 12.00 e as 12.45, así como entre as 13.30 e as 13.40 horas, está previsto que o grupo pase, tanto á ida como á volta, pola zona da avenida da Mariña e os Cantóns. De 12.15 a 12.35 horas, prevese o paso do grupo que realice o percorrido longo pola rúa Ferrol e Juan Flórez, e de 12.35 horas a 13.05 horas por Catro Camiños, Caballeros, mercado de Elviña e Ramón y Cajal. Finalmente, entre as 13.20 e as 13.30 horas, o grupo transitará pola avenida do Exército, Linares Rivas e Praza de Mina, antes de achegarse aos Cantóns e avenida da Mariña. O tránsito do transporte público compaxinarase, na medida que sexa posible, co paso do pelotón.

17 de diciembre de 2025

16 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible