Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

1 de abril de 2026

A Coruña acollerá a saída de “O Gran Camiño 2026” cunha contrarreloxo na Torre de Hércules

A contrarreloxo inaugural disputarase o martes 14 de abril na cidade, cun percorrido pola contorna da Torre de Hércules e o paseo marítimo que implicará un amplo dispositivo de mobilidade

A cidade da Coruña volverá ser punto de partida dunha das probas ciclistas máis destacadas do calendario internacional, O Gran Camiño 2026, que se celebrará entre os días 14 e 18 de abril. A competición arrincará cunha contrarreloxo individual, con saída e meta na Torre de Hércules, un dos símbolos patrimoniais máis recoñecidos de Galicia.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia de que A Coruña volva situarse como escenario inicial desta proba: "É unha oportunidade única para proxectar a cidade a nivel internacional e consolidarnos como referencia na organización de grandes eventos deportivos".

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, subliñou o impacto da cita no posicionamento deportivo da cidade: "O Gran Camiño é unha proba de primeiro nivel que nos permite achegar o ciclismo de elite á cidadanía e reforzar a nosa aposta polos eventos deportivos como motor de dinamización económica e promoción exterior".

A quinta edición de O Gran Camiño contará con cinco etapas que percorrerán distintos puntos da xeografía galega, combinando esixencia deportiva e promoción do territorio.

A primeira xornada desenvolverase integramente na Coruña, cunha contrarreloxo que terá como eixe o entorno da Torre de Hércules e o Paseo Marítimo, ofrecendo unha imaxe icónica da cidade ao mundo.

A contrarreloxo individual presenta ademais un valor diferencial ao concentrar toda a atención nun único percorrido urbano, o que permite unha maior visibilidade e identificación da cidade durante a retransmisión e a cobertura mediática.

Na segunda etapa, o pelotón partirá da comarca da Terra Chá, en Lugo, para chegar á costa da Mariña, nun percorrido que conectará o interior coa fachada litoral máis setentrional de Galicia.

A terceira etapa unirá Carballo e Padrón, combinando tramos de interior, montaña e costa, nunha xornada que recolle a diversidade paisaxística galega.

A etapa reina disputarase na provincia de Ourense, entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo, cun percorrido marcado pola dureza da montaña e cun final inédito no ciclismo profesional.

A competición concluirá na provincia de Pontevedra cunha etapa que rematará no Monte Trega, na Guarda, cun final en alto fronte ao Atlántico e con vistas a Portugal.

O Gran Camiño consolídase así como unha proba que combina deporte de alto nivel, innovación nos percorridos e unha forte vinculación co territorio. Ao longo das súas cinco etapas, a carreira servirá como escaparate do patrimonio natural, cultural e paisaxístico de Galicia.

Gran impacto internacional

A relevancia da proba vén avalada polo impacto das súas edicións anteriores, que superaron os seis millóns de espectadores en televisión, preto de 290.000 visitas web e arredor de 24 millóns de interaccións en redes sociais, consolidándose como un escaparate mediático de primeiro nivel.

A retransmisión internacional da proba, a través de canles como Eurosport en máis de 170 países, reforza a proxección exterior da cidade e a súa visibilidade a nivel global.

Alto nivel dos equipos participantes

Ata o momento, a proba xa confirmou a participación dalgúns dos mellores equipos do mundo, como o UAE Team Emirates e o Visma | Lease a Bike, primeiro e segundo clasificados no ránking internacional na pasada tempada. O conxunto UAE contará co británico Adam Yates como líder, terceiro clasificado no Tour de Francia 2023 e vencedor de probas de prestixio como a Volta a Catalunya, o Tour de Romandía, o UAE Tour ou a Volta a Suíza.

Entre os equipos World Tour tamén estará o Movistar Team, que acudirá cun bloque competitivo no que destacan nomes como Iván Romeo, Pablo Castrillo -dobre gañador de etapa na Volta a España- e o ciclista galego Carlos Canal, que buscará un resultado destacado na súa terra.

Ademais, participará o equipo Q36.5 Pro Cycling Team, con licenza suíza e sede en Girona, vinculado entre outros ao exfutbolista Andrés Iniesta, que contará nas súas filas con Alessandro Pinarello, un dos seus corredores máis prometedores, chamado a loitar pola clasificación xeral.

Mobilidade e afeccións ao tráfico

Con motivo da celebración da contrarreloxo inicial na Coruña, establecerase un dispositivo especial de mobilidade e seguridade que implicará cortes de tráfico en distintos puntos do percorrido, especialmente no Paseo Marítimo e nas vías do seu contorno, así como restricións de estacionamento desde días previos á proba.

Para facilitar a consulta da información, o Concello habilitará tres mapas interactivos co detalle das afeccións por sectores: Sector 1, Torre de Hércules-Riazor; Sector 2, das Escravas a Labañou; e Sector 3, Os Rosais e O Portiño. A cidadanía poderá consultar esta información actualizada no seguinte enlace: Mapa interactivo.

Sector 1: Torre de Hércules - Monte Alto - Riazor

Neste ámbito produciranse cortes de tráfico no paseo marítimo en todo o seu percorrido, así como restricións de circulación nas vías de acceso desde Monte Alto e a contorna de Riazor. Recoméndase evitar o uso do vehículo privado nesta zona durante a franxa central da xornada.

Sector 2: zona de Escravas - Labañou

As afeccións centraranse no paseo marítimo e nas conexións con San Roque de Fóra, Labañou e a Rolda de Outeiro. Durante o desenvolvemento da proba, os accesos estarán limitados e regulados, polo que se recomenda planificar os desprazamentos con antelación.

Sector 3: Os Rosais - O Portiño

Nesta zona veranse afectadas as principais vías de acceso aos Rosais e ao Portiño. Durante a carreira, a circulación estará restrinxida e os accesos estarán condicionados ao paso da proba, polo que se aconsella prever os desprazamentos con tempo.

Durante toda a xornada, o acceso estará garantido para servizos de emerxencia.

En materia de estacionamento, estableceranse restricións desde días previos á proba en distintos puntos do percorrido e da súa contorna, así como a prohibición de estacionar ao longo do circuíto durante a xornada do 14 de abril.

Ademais, nas zonas directamente afectadas pola carreira non se permitirá a saída de vehículos estacionados mentres se manteñan os cortes de tráfico.

No referente ao transporte público, as paradas de autobús situadas nas vías con circulación restrinxida quedarán anuladas durante a celebración do evento e veranse afectadas as liñas 3, 3A, 7, 11, 12 e 14. No caso das liñas 12 e 14, perderán temporalmente a súa cabeceira habitual nos Rosais e establecerase unha parada provisional na rúa Manuel Azaña.

O servizo de taxi tamén se verá afectado polas limitacións de acceso ás vías incluídas no percorrido. No caso dos autobuses metropolitanos e interurbanos non se prevén afeccións destacadas, aínda que se recomenda consultar previamente coas empresas concesionarias. O Concello e Tranvías da Coruña aconsellan tamén revisar a información actualizada na páxina web do servizo e na aplicación iTranvías.

Ademais, as estacións de BiciCoruña situadas no percorrido da proba quedarán anuladas durante o 14 de abril.

O Concello recomenda planificar con antelación os desprazamentos e atender en todo momento ás indicacións da Policía Local e dos servizos municipais.

Dispositivo de seguridade

O evento contará cun amplo dispositivo coordinado polo Concello da Coruña, no que participarán a Policía Local, Protección Civil e os servizos municipais, co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da proba.

Este operativo permitirá compatibilizar a celebración do evento coa actividade diaria da cidade, minimizando as posibles afeccións á mobilidade e ofrecendo información segmentada por sectores para facilitar os desprazamentos da veciñanza e das persoas usuarias do transporte público.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión