1 de abril de 2026
A convocatoria, dotada con 150.000 euros, está dirixida a deportistas federados que compitan en disciplinas individuais e acrediten traxectoria e proxección
O Concello da Coruña vén de convocar unha nova edición das bolsas deportivas dirixidas a deportistas individuais empadroados na cidade, unha liña de axudas coa que se busca apoiar o seu rendemento e facilitar a súa participación en competicións oficiais ao longo do ano.
A convocatoria está dotada con 150.000 euros e ten como finalidade contribuír a sufragar gastos derivados da práctica deportiva, como desprazamentos, licenzas federativas ou equipamento, favorecendo así a preparación e a presenza en competicións de distinto nivel.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor o compromiso municipal co deporte coruñés e destacou que "estas bolsas son unha inversión directa en talento, esforzo e valores que representan o mellor da nosa cidade".
Nos últimos anos, este programa permitiu apoiar a deportistas de referencia no panorama nacional e internacional como Julia Benedetti, Enmanuel Reyes, Paula Otero, Ignacio Mateo, David Arcay, Jacobo Garrido ou Irene Blanco, entre outras e outros representantes do deporte coruñés en múltiples disciplinas.
As axudas distribúense en catro categorías en función do ámbito competitivo -campionatos do mundo, de Europa, de España e de Galicia- con contías que oscilan entre os 800 e os 5.000 euros .
Poderán optar a estas bolsas deportistas individuais federados, de entre 12 e 40 anos, que acrediten arraigamento na cidade e unha traxectoria deportiva nos últimos anos, así como proxección de futuro.
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
Con esta convocatoria, o Goberno de Inés Rey continúa reforzando o seu apoio ao deporte base e de alto nivel, contribuíndo a impulsar o talento local e a proxección da cidade no ámbito deportivo.
As bases completas e toda a información sobre a convocatoria poden consultarse na páxina web municipal: Bolsas para deportistas individuais - Ano 2026

26 de marzo de 2026

26 de marzo de 2026

23 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible