12 de mayo de 2026
O Concello impulsará unha ampla programación nos museos municipais, Museos Científicos, Casas Museo e Salas Municipais de Exposicións arredor do lema internacional “Museos unindo un mundo dividido”
O Concello da Coruña súmase á celebración do Día Internacional dos Museos 2026, promovido polo Consello Internacional de Museos (ICOM), cunha programación especial que se desenvolverá o sábado 23 de maio nos museos municipais, Museos Científicos, Casas Museo e Salas Municipais de Exposicións. "Con esta programación, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso cos museos e centros culturais como servizos públicos esenciais, espazos de coñecemento, convivencia e participación cidadá, capaces de fortalecer o diálogo social e a construción colectiva a través da cultura", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Baixo o lema "Museos unindo un mundo dividido", o ICOM reivindica nesta edición o potencial dos museos para actuar como pontes fronte ás divisións culturais, sociais e xeopolíticas, promovendo o diálogo, a inclusión, o entendemento mutuo e a paz entre comunidades. Neste contexto, a cidade da Coruña propón unha programación que entende os espazos museísticos e expositivos como lugares vivos de participación cidadá, intercambio cultural e creación compartida.
As actividades principais das Salas Municipais de Exposicións desenvolveranse ao longo do sábado 23 de maio. No Kiosco Alfonso, a exposición Trazos, de David Pintor, completarase cun programa específico de mediación e participación arredor da ilustración contemporánea. Ás 12.00 horas terá lugar o obradoiro infantil e familiar "Repintamos ao Pintor!", unha proposta dirixida a público a partir de 5 anos que invita a percorrer o universo gráfico de David Pintor a través da caricatura, a fantasía e o debuxo como ferramentas de transformación da realidade. A actividade concluirá cun taller creativo no que as persoas participantes desenvolverán as súas propias creacións. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase unha visita comentada á exposición, favorecendo a achega colectiva á obra artística e o diálogo arredor dos procesos creativos vinculados á ilustración contemporánea.
No Palacio Municipal, a exposición RESIS 2026: TO HO BOC GE a/v, de Juan Lesta e Marco Maril, acollerá ás 22.00 horas unha sesión performativa audiovisual en directo na que os artistas combinarán son, imaxe e acción en tempo real para construír unha experiencia inmersiva e efémera. A actividade estará precedida dunha charla introdutoria e dun encontro aberto co público, convertendo a visita nun espazo de reflexión compartida arredor da creación contemporánea.
As Casas Museo municipais sumaranse tamén á celebración cun programa especial de actividades o sábado 23 de maio, reforzando o seu papel como espazos de memoria, mediación cultural e conexión entre patrimonio e cidadanía. A Casa Museo Casares Quiroga ampliará o seu horario de apertura, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e ofrecerá ás 12.00 horas unha visita guiada aberta a todos os públicos, ademais dun concerto acústico de Silvia Penide ás 19.00 horas. A artista coruñesa, cunha ampla traxectoria musical e literaria, desenvolverá unha proposta íntima e próxima, moi vinculada á emoción e ao compromiso social.
Na Casa Museo María Pita desenvolveranse dúas sesións dun escape room dramatizado ás 12.00 e ás 18.00 horas, orientado a público familiar con menores de 12 anos. A propia María Pita interactuará coas persoas participantes nun percorrido lúdico-didáctico en formato "gamer", no que os grupos deberán resolver un enigma vinculado á historia da cidade.
Pola súa banda, a Casa Museo Picasso ampliará tamén o seu horario de apertura e acollerá ás 11.00 e ás 18.00 horas a actividade teatral Vinte, da compañía Os Náufragos, unha proposta escénica con percorridos dramatizados polo espazo museístico para lembrar a vida do artista. Cada sesión contará con 30 prazas divididas en dous grupos.
Os Museos Científicos Coruñeses celebrarán tamén esta xornada con entrada gratuíta á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae o sábado 23 de maio, en horario de 10.00 a 19.00 horas. Na Casa das Ciencias, a visita ás salas de exposición será libre, mentres que para asistir ás sesións do Planetario será preciso retirar invitación previa na plataforma ticketing.coruna.gal. Na Domus, o acceso será libre sen reserva previa, aínda que o acceso ao espazo MiniDomus, destinado á primeira infancia, requirirá reserva anticipada. No Aquarium Finisterrae será imprescindible realizar reserva previa debido á elevada demanda prevista. Co obxectivo de facilitar a accesibilidade, as persoas maiores de 65 anos poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan.
Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón desenvolverá unha programación específica ao longo do sábado 23 de maio centrada na arqueoloxía, a creación artística, a memoria e a divulgación histórica. Todas as actividades serán gratuítas e requirirán inscrición previa a través do correo museo.arqueoloxico@coruna.gal ou do teléfono 981 189 850. O prazo de inscrición abrirase o mércores 13 de maio ás 10.00 horas.
Entre as actividades programadas destacan os obradoiros infantís "A arte do repuxado", ás 11.45 horas, e "Mans á obra! Creamos como na prehistoria", ás 17.00 horas, nos que a rapazada poderá achegarse ás técnicas artísticas da antigüidade e ás primeiras formas de representación humana a través de experiencias creativas e participativas.
A programación inclúe tamén unha actividade para público adulto: "As Venus do paleolítico: beleza, misterio e significado", ás 19.00 horas, centrada nas primeiras manifestacións artísticas da humanidade desde unha perspectiva divulgativa e crítica. O museo ofrecerá ademais dúas visitas guiadas ao Castelo de San Antón e ás distintas seccións do Museo Arqueolóxico e Histórico, ás 12.00 e ás 21.00 horas, permitindo ao público coñecer tanto o edificio histórico como os fondos e coleccións do museo.

12 de mayo de 2026

11 de mayo de 2026

25 de abril de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible