Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

12 de maio de 2026

A Coruña celebra o Día Internacional dos Museos 2026 reivindicando os museos como espazos de encontro, diálogo e construción colectiva

O Concello impulsará unha ampla programación nos museos municipais, Museos Científicos, Casas Museo e Salas Municipais de Exposicións arredor do lema internacional “Museos unindo un mundo dividido”

O Concello da Coruña súmase á celebración do Día Internacional dos Museos 2026, promovido polo Consello Internacional de Museos (ICOM), cunha programación especial que se desenvolverá o sábado 23 de maio nos museos municipais, Museos Científicos, Casas Museo e Salas Municipais de Exposicións. "Con esta programación, o Goberno de Inés Rey reafirma o seu compromiso cos museos e centros culturais como servizos públicos esenciais, espazos de coñecemento, convivencia e participación cidadá, capaces de fortalecer o diálogo social e a construción colectiva a través da cultura", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Baixo o lema "Museos unindo un mundo dividido", o ICOM reivindica nesta edición o potencial dos museos para actuar como pontes fronte ás divisións culturais, sociais e xeopolíticas, promovendo o diálogo, a inclusión, o entendemento mutuo e a paz entre comunidades. Neste contexto, a cidade da Coruña propón unha programación que entende os espazos museísticos e expositivos como lugares vivos de participación cidadá, intercambio cultural e creación compartida.

As actividades principais das Salas Municipais de Exposicións desenvolveranse ao longo do sábado 23 de maio. No Kiosco Alfonso, a exposición Trazos, de David Pintor, completarase cun programa específico de mediación e participación arredor da ilustración contemporánea. Ás 12.00 horas terá lugar o obradoiro infantil e familiar "Repintamos ao Pintor!", unha proposta dirixida a público a partir de 5 anos que invita a percorrer o universo gráfico de David Pintor a través da caricatura, a fantasía e o debuxo como ferramentas de transformación da realidade. A actividade concluirá cun taller creativo no que as persoas participantes desenvolverán as súas propias creacións. Xa pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase unha visita comentada á exposición, favorecendo a achega colectiva á obra artística e o diálogo arredor dos procesos creativos vinculados á ilustración contemporánea.

No Palacio Municipal, a exposición RESIS 2026: TO HO BOC GE a/v, de Juan Lesta e Marco Maril, acollerá ás 22.00 horas unha sesión performativa audiovisual en directo na que os artistas combinarán son, imaxe e acción en tempo real para construír unha experiencia inmersiva e efémera. A actividade estará precedida dunha charla introdutoria e dun encontro aberto co público, convertendo a visita nun espazo de reflexión compartida arredor da creación contemporánea.

As Casas Museo municipais sumaranse tamén á celebración cun programa especial de actividades o sábado 23 de maio, reforzando o seu papel como espazos de memoria, mediación cultural e conexión entre patrimonio e cidadanía. A Casa Museo Casares Quiroga ampliará o seu horario de apertura, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e ofrecerá ás 12.00 horas unha visita guiada aberta a todos os públicos, ademais dun concerto acústico de Silvia Penide ás 19.00 horas. A artista coruñesa, cunha ampla traxectoria musical e literaria, desenvolverá unha proposta íntima e próxima, moi vinculada á emoción e ao compromiso social.

Na Casa Museo María Pita desenvolveranse dúas sesións dun escape room dramatizado ás 12.00 e ás 18.00 horas, orientado a público familiar con menores de 12 anos. A propia María Pita interactuará coas persoas participantes nun percorrido lúdico-didáctico en formato "gamer", no que os grupos deberán resolver un enigma vinculado á historia da cidade.

Pola súa banda, a Casa Museo Picasso ampliará tamén o seu horario de apertura e acollerá ás 11.00 e ás 18.00 horas a actividade teatral Vinte, da compañía Os Náufragos, unha proposta escénica con percorridos dramatizados polo espazo museístico para lembrar a vida do artista. Cada sesión contará con 30 prazas divididas en dous grupos.

Os Museos Científicos Coruñeses celebrarán tamén esta xornada con entrada gratuíta á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae o sábado 23 de maio, en horario de 10.00 a 19.00 horas. Na Casa das Ciencias, a visita ás salas de exposición será libre, mentres que para asistir ás sesións do Planetario será preciso retirar invitación previa na plataforma ticketing.coruna.gal. Na Domus, o acceso será libre sen reserva previa, aínda que o acceso ao espazo MiniDomus, destinado á primeira infancia, requirirá reserva anticipada. No Aquarium Finisterrae será imprescindible realizar reserva previa debido á elevada demanda prevista. Co obxectivo de facilitar a accesibilidade, as persoas maiores de 65 anos poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan.

Pola súa banda, o Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón desenvolverá unha programación específica ao longo do sábado 23 de maio centrada na arqueoloxía, a creación artística, a memoria e a divulgación histórica. Todas as actividades serán gratuítas e requirirán inscrición previa a través do correo museo.arqueoloxico@coruna.gal ou do teléfono 981 189 850. O prazo de inscrición abrirase o mércores 13 de maio ás 10.00 horas.

Entre as actividades programadas destacan os obradoiros infantís "A arte do repuxado", ás 11.45 horas, e "Mans á obra! Creamos como na prehistoria", ás 17.00 horas, nos que a rapazada poderá achegarse ás técnicas artísticas da antigüidade e ás primeiras formas de representación humana a través de experiencias creativas e participativas.

A programación inclúe tamén unha actividade para público adulto: "As Venus do paleolítico: beleza, misterio e significado", ás 19.00 horas, centrada nas primeiras manifestacións artísticas da humanidade desde unha perspectiva divulgativa e crítica. O museo ofrecerá ademais dúas visitas guiadas ao Castelo de San Antón e ás distintas seccións do Museo Arqueolóxico e Histórico, ás 12.00 e ás 21.00 horas, permitindo ao público coñecer tanto o edificio histórico como os fondos e coleccións do museo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión