24 de junio de 2026
Recolléronse 22,7 toneladas nos areais fronte ás 44 do ano pasado
O Concello despregou hoxe un operativo a grande escala para proceder a limpar as praias e os barrios tras as celebracións da noite de San Xoán deste ano. Segundo observaron os servizos, a cantidade total de residuos recollidos diminuíu nun 50%, o que, apuntou a alcaldesa, Inés Rey, "é un claro síntoma de que a cidadanía cada vez está máis concienciada, e de que se divirte dunha forma cada vez máis responsable. Quero felicitar a todas as persoas que fixeron as cousas ben e demostraron que desfrutar da festa non impide manter unha actitude cívica e responsable". O número de toneladas de residuos retiradas nas praias foi de 22,76 fronte ás 44 no ano pasado, no que tamén caera o volume de residuos con respecto ao anterior exercicio.
Ademais, a zona do proxecto piloto na que se reservaron parcelas en Riazor para entidades coa condición de que estas se fixesen responsables de recoller os seus propios residuos resultou, segundo valorou a alcaldesa, "un éxito", xa que estas zonas quedaron substancialmente máis limpas que o resto de lugares dos areais onde se fixeron fogueiras.
"Unha vez máis, a maioría dos coruñeses e coruñesas demostraron sentido da responsabilidade e concienciación co coidado da cidade, tamén nas datas sinaladas. Non obstante, imos seguir pelexando por unha festa cada vez máis limpa, sendo conscientes de que é imposible alcanzar os residuos cero, aínda que só sexa polos restos das fogueiras, que sempre estarán aí. Tamén lles agradecemos ás 55 entidades do plan piloto de parcelas o seu comportamento exemplar. Na súa zona, os residuos recollidos foron practicamente cero. Todas e todos xuntos, imos polo bo camiño", rematou a alcaldesa.
A redución dos residuos responde tamén ás campañas de concienciación levadas a cabo polo Concello nos últimos meses. Rey recordou que o residuo cero é imposible porque sempre se retirarán os restos das lumeiradas coa achega de area correspondente. "Mais o noso obxectivo é que esa sexa a única cifra de residuos que compute", dixo a alcaldesa, que lles agradeceu aos coruñeses e ás coruñesas, unha vez máis, un comportamento exemplar nunha noite sen incidencias destacables e que foi a máis limpa en décadas malia ser tamén das máis concorridas.
Menos intoxicacións etílicas
A noite de San Xoán reuniu máis de 200.000 persoas entre os areais e os barrios, un despregamento que para o Concello supuxo un reto de seguridade e loxístico, e ao que se respondeu coa creación dun operativo de máis de 1.000 persoas entre servizos de emerxencias e persoal de limpeza. O dispositivo preventivo organizado polos servizos sanitarios rexistrou un total de 174 asistencias e 28 traslados hospitalarios, segundo o balance dos propios efectivos.
"O labor de todos os efectivos que se mobilizaron como parte do operativo de San Xoán foi fundamental. Cada ano achegámonos máis a ter unha celebración máis limpa e con menos accidentes, e para iso é fundamental o persoal profesional que, en nome do Concello, coida da cidade e da cidadanía", valorou a alcaldesa, Inés Rey.
Entre as principais tipoloxías asistenciais, destacan as queimaduras (56), as feridas e laceracións (32), as intervencións relacionadas co servizo de salvamento e socorrismo (30), as intoxicacións etílicas (25), os accidentes e traumatismos (19) e as limpezas oculares (11).
A distribución das asistencias foi de 79 homes (45,4%) e 95 mulleres (54,6%). Por puntos de atención, o Posto Sanitario Avanzado foi o que rexistrou máis actividade, con 119 asistencias, seguido do posto do Orzán, con 30, e do posto de Riazor, con 25. A franxa horaria de maior actividade foi entre as 1.00 e as 3.00 horas. En canto ao punto violeta, atendeuse un total de 1.011 persoas, das cales 624 foron mulleres (61,7%) e 387 homes (38,3%).
O número total de incidencias mantense en cifras similares ás do ano pasado, cun leve aumento de atencións por queimaduras e un descenso significativo (-25%) das atencións por intoxicación etílica.

12 de agosto de 2026

11 de agosto de 2026

10 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible