24 de xuño de 2026
Recolléronse 22,7 toneladas nos areais fronte ás 44 do ano pasado
O Concello despregou hoxe un operativo a gran escala para proceder ao limpado das praias e os barrios tras as celebracións da noite de San Xoán deste ano. Segundo observaron os servizos, a cantidade total de residuos recolleitos diminuíu en 50 %, o que, apuntou a alcaldesa, Inés Rey, "é un claro síntoma de que a cidadanía cada vez está máis concienciada, e de que se divirte dunha forma cada vez máis responsable. Quero felicitar a todos os que fixeron as cousas ben e demostraron que desfrutar da festa non impide manter unha actitud cívica e responsable". O número de toneladas de residuos retiradas nas praias foi de 22,76 fronte as 44 no ano pasado, no que tamén caera o volume de residuos con respecto ao anterior exercicio.
Ademais, a zona do proxecto piloto na que se reservaron parcelas en Riazor para entidades coa condición de que estas se fixesen responsables de recoller os seus propios residuos resultou, segundo valorou a alcaldesa, "un éxito", xa que estas zonas quedaron substancialmente máis limpas que o resto de lugares dos areais onde se fixeron fogueiras.
"Unha vez máis, a maioría dos coruñeses e coruñesas demostraron sentido da responsabilidade e concienciación co coidado da cidade, tamén nas datas sinaladas. Non obstante, imos seguir pelexando por unha festa cada vez máis limpa, sendo conscientes de que é imposible alcanza os residuos cero, ainda que só sexa polos restos das fogueiras, que sempre estarán aí. Tamén agradecemos ás 55 entidades do plan piloto de parcelas o seu comportamento exemplar. Na súa zona, os residuos recollidos foron practicamente cero. Todos xuntos, imos polo bo camiño", rematou a alcaldesa.
A reducción dos residuos responden tamén as campañas de concienciación levadas a cabo polo Concello nos últimos meses. Rey recordó que o residuo cero é imposible porque sempre se retiraran os restos das lumeradas co aporte de area correspondente. "Mais o noso obxectivo é que esa sexa a única cifra de residuos que compute", dixo a alcaldesa, que agradeceu aos coruñeses e coruñesas unha vez máis un comportamento exemplar nunha noite sen incidencias reseñables e que foi a máis limpa en décadas malia ser tamén das máis concorridas.
Menos intoxicacións etílicas
A noite de San Xoán reuniu a máis de 200.000 persoas entre os areais e os barrios, un despregamento que para o Concello supuxo un reto de seguridade e loxístico, e ao que se respondeu coa creación dun operativo de máis de 1.000 persoas entre servizos de emerxencias e persoal de limpeza. O dispositivo preventivo organizado polos servizos sanitarios rexistrou un total de 174 asistencias e 28 traslados hospitalarios, segundo o balance dos propios efectivos.
"O labor de todos os efectivos que se mobilizaron como parte do operativo de San Xoán foi fundamental. Cada ano achegámonos máis a ter unha celebración máis limpa e con menos accidentes, e para iso son fundamentais os profesionais que, en nome do Concello, coidan da cidade e da cidadanía", valorou a alcaldesa, Inés Rey.
Entre as principais tipoloxías asistenciais, destacan as queimaduras (56), as feridas e laceraciones (32), as intervencións relacionadas co servizo de salvamento e socorrismo (30), as intoxicacións etílicas (25), os accidentes e traumatismos (19) e as limpezas oculares (11).
A distribución das asistencias foi de 79 homes (45,4%) e 95 mulleres (54,6%). Por puntos de atención, o Posto Sanitario Avanzado foi o que rexistrou máis actividade, con 119 asistencias, seguido do posto do Orzán, con 30, e do posto de Riazor, con 25. A franxa horaria de maior actividade foi entre as 1.00 e as 3.00 horas. En canto ao punto violeta, atendeuse a un total de 1.011 persoas, das cales 624 foron mulleres (61,7%) e 387 homes (38,3%).
O número total de incidencias mantense en cifras similares ás do ano pasado, cun leve aumento de atencións por queimaduras e un descenso significativo (-25%) das atencións por intoxicación etílica.

10 de xuño de 2026

9 de xuño de 2026

4 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible