Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

14 de septiembre de 2026

A Coruña celebrará a Semana Europea da Mobilidade con actividades na praza de Tabacos

Do 16 ao 22 de setembro, o Concello programa rutas, educación viaria, deporte, cine e actividades para todos os públicos

O Concello da Coruña celebrará do 16 ao 22 de setembro unha nova edición da Semana Europea da Mobilidade (SEM), cunha ampla programación para todas as idades que terá como punto central a praza de Tabacos. A iniciativa busca achegarlle á cidadanía as diferentes alternativas para os seus desprazamentos cotiáns e fomentar unha mobilidade a pé, en bicicleta e en transporte público cada vez máis cómoda, accesible e segura.

"Queremos que a Semana Europea da Mobilidade saia á rúa e que a cidadanía participe, coñeza e probe as diferentes alternativas que ten para desprazarse pola Coruña", sinalou a alcaldesa, Inés Rey, que destacou o carácter aberto dunha programación pensada tanto para persoas que xa empregan estes medios de transporte como para aquelas que queiran coñecelos ou probalos.

Durante toda a semana, a praza de Tabacos funcionará como punto de encontro da SEM, cun toldo triple e outro multiusos nas que se concentrarán actividades, exposicións e diferentes espazos informativos. A instalación completarase cunha ortofoto da cidade, que permitirá observar A Coruña e a súa configuración urbana desde unha perspectiva diferente, e cun xadrez xigante de 3x3 metros elaborado con rodas recicladas, unha proposta lúdica que combina reutilización de materiais e participación cidadá.

Medio Ambiente contará cunha proposta dedicada á calidade do aire e á súa relación coa mobilidade, mentres que o CIMoB achegaralle á cidadanía o funcionamento do centro mediante unha pequena maqueta da súa sala e paneis explicativos dos sistemas de contaxe. Estes sistemas poderán verse tamén na práctica, xa que permitirán contabilizar en directo as persoas que pasen pola Semana Europea da Mobilidade.

Pola súa banda, o Concello, en colaboración coa Compañía de Tranvías, sorteará bicicletas pregables e bonos de autobús de 200 viaxes cada día entre as persoas que participen nas actividades da Semana Europea da Mobilidade. Tranvías Coruña contará cun stand propio no que se facilitará a participación nestes sorteos. BiciCoruña disporá tamén dun punto informativo para resolver dúbidas sobre o funcionamento do servizo e facilitar a alta a novos usuarios e usuarias directamente na praza de Tabacos.

"A praza de Tabacos converterase durante estes días nun espazo para coñecer, probar e participar. Queremos que a xente se achegue tamén fóra das actividades programadas, porque durante toda a semana haberá exposicións e propostas abertas coas que descubrir a mobilidade e a propia cidade dunha maneira diferente", destacou a alcaldesa, Inés Rey.

Unha fin de semana para vivir a mobilidade na rúa

A programación intensificarase de cara á fin de semana con propostas pensadas para fomentar a participación cidadá e trasladar a mobilidade sostible a diferentes puntos da cidade.

O venres 18, ás 21.30 horas, Galicia Rollers celebrará a Friday Mobility Night, nesta ocasión con temática verde e saída desde María Pita. Será un percorrido nocturno aberto á participación de diferentes vehículos de mobilidade sostible, co que se busca reivindicar dunha maneira lúdica a convivencia entre as distintas formas de desprazarse pola cidade. A actividade incluirá ademais o sorteo dunha bicicleta.

O sábado 19 terá lugar 'O Mestre da Mobilidade', unha ruta veciñal pola rolda Peonil organizado en colaboración coa Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e coa participación das entidades dos barrios que percorre este itinerario. A actividade permitirá correr e coñecer sobre o terreo este novo eixe peonil, que une o parque de San Diego coa rúa Observatorio ao longo de 3,5 quilómetros e que conecta cinco barrios da cidade.

O domingo 20, ás 11.00 horas, será a quenda da Ruta Familiar da Mobilidade, organizada con Galicia Rollers e con saída desde María Pita. Trátase dun percorrido sinxelo e inclusivo, especialmente pensado para que nenos, nenas e familias poidan participar xuntos e gozar doutra maneira de moverse pola cidade. A mañá completarase cunha proposta de VMP Coruña, que instalará un circuíto de habilidades e realizará exhibicións de vehículos de mobilidade persoal.

Cine ao aire libre

A programación incorporará tamén o cine como ferramenta para abordar desde outra perspectiva a relación entre mobilidade e cidade. O venres, ás 20.30 horas, proxectarase "El 47", unha película especialmente vinculada ao espírito da Semana Europea da Mobilidade pola súa historia arredor do papel do transporte público na conexión dos barrios e na transformación da vida da súa veciñanza.

O sábado, tamén ás 20.30 horas, terá lugar unha segunda sesión coa proxección de "ET: El Extratarrestre", unha proposta orientada ao público familiar que estará acompañada do sorteo dunha bicicleta.

Concepción Arenal convértese no escenario do Día sen Coches

A Semana culminará o martes 22 de setembro coa celebración do Día sen Coches, unha xornada na que a propia transformación do espazo público será parte da programación. Durante a tarde, Concepción Arenal cortarase ao tráfico para converter temporalmente a calzada nun espazo para as persoas, no que se desenvolverán actividades abertas á participación da cidadanía.

Neste espazo haberá un circuíto de habilidades e educación viaria coa colaboración da Xefatura Provincial de Tráfico, propostas de patinaxe con Galicia Rollers, actividades deportivas e de sensibilización ambiental e diferentes accións de animación. A programación completarase cun pasarrúas da Coral Polifónica El Eco.

A alcaldesa incidiu en que a programación destes sete días é tamén unha oportunidade para trasladar á rúa o modelo de mobilidade no que traballa o Concello durante todo o ano. "Unha Coruña na que sexa máis fácil camiñar, utilizar a bicicleta ou o transporte público é tamén unha cidade máis accesible, máis segura e máis habitable" sinalou.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión