28 de julio de 2026
O festival presenta un cartel formado por once artistas nacionais e internacionais e reafirma o seu compromiso coa cultura, a comunidade e a proxección da cidade
Os próximos 14 e 15 de agosto, o auditorio do parque de Santa Margarida volverá converterse nun punto de encontro para a música electrónica cunha nova edición de Festival de Electrónica Coruñés, FEC, un proxecto integrado na programación das Festas de María Pita que continúa consolidando unha proposta cultural única en Galicia.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a nova edición deste evento xunto aos seus organizadores, Roi Grobas e Pablo Cubeiro. "A nosa alcaldesa, Inés Rey, aposta por unha ampla diversidade de propostas nas nosas festas e froito desa directriz volver a apoiar un evento único en Galicia de música electrónica, que atraerá á cidade a un importante número de persoas grazas a un cartel que conta con referentes nacionais e internacionais", indicou Gonzalo Castro.
A edición de 2026 reunirá a Kangding Ray, Surgeon, DJ SWISHERMAN, Slit Observers, Russ, Reeko, Objekt, Weisheit, Steve Bug, Breixo Martínez e Roi, configurando un cartel que combina referentes internacionais con artistas nacionais e locais, mantendo unha liña artística baseada na calidade, a personalidade e a coherencia.
FEC nace cunha idea moi clara: contribuír a que a música electrónica ocupe o lugar cultural que merece e demostrar que pode formar parte da programación pública dunha cidade, convivindo co seu patrimonio, os seus espazos e a súa identidade. Por iso, o festival volverá celebrarse no anfiteatro do parque de Santa Margarida, un enclave que forma parte da propia filosofía do proxecto e que permite vivir a música nunha contorna singular, ao aire libre e en pleno corazón da Coruña.
Desde a súa creación, FEC traballou para construír unha comunidade ao redor da música electrónica, entendéndoa non só como unha proposta de lecer, senón como unha manifestación cultural capaz de xerar encontro, creatividade e convivencia. Os organizadores defenden que o verdadeiro valor de FEC non reside unicamente nos artistas que conforman a súa programación, senón na capacidade do proxecto para xerar un impacto positivo na cidade e contribuír a posicionar A Coruña como un referente para a cultura electrónica. O obxectivo é seguir construíndo un proxecto sostible, aberto e con vocación de futuro, capaz de atraer público, impulsar o talento e reforzar a imaxe da cidade como un espazo de innovación e creación cultural.
Os abonos e as entradas por día están á venda en www.fec-festival.com.

28 de julio de 2026

14 de julio de 2026

14 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible