28 de xullo de 2026
O concerto completa o programa das Noites de María Pita e permitirá escoitar por primeira vez en Galicia algúns dos grandes himnos do pop británico dos anos oitenta
As Festas de María Pita 2026 incorporan á súa programación un dos nomes máis recoñecidos do pop internacional. Tony Hadley, histórico cantante e voz de Spandau Ballet, ofrecerá un concerto o vindeiro 16 de agosto na praza de María Pita, dentro do programa de actuacións musicais Noites de María Pita.
O artista británico chegará á cidade acompañado da súa Fabulous TH Band, coa que repasa os grandes éxitos da súa carreira ao fronte de Spandau Ballet e tamén a súa etapa en solitario. O público poderá volver escoitar clásicos como 'True', 'Gold' ou 'Through the Barricades', cancións convertidas en símbolos dunha das bandas máis emblemáticas do pop británico dos anos oitenta. A actuación terá ademais un carácter especialmente singular para o público galego, xa que supón a primeira oportunidade de escoitar en directo en Galicia estas composicións interpretadas pola voz orixinal da formación, que nunca chegou a actuar nos escenarios galegos durante a súa traxectoria.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a relevancia desta incorporación á programación das festas. "As Festas de María Pita continúan consolidándose como unha referencia cultural do verán no noroeste peninsular. A presenza dun artista internacional da dimensión de Tony Hadley demostra a aposta do Goberno de Inés Rey por ofrecer unha programación diversa, de calidade e capaz de atraer públicos de diferentes xeracións", sinalou.
Castro subliñou tamén que a programación deste ano combina figuras internacionais con artistas galegos e estatais de primeiro nivel. "Queremos que A Coruña sexa durante todo o mes de agosto unha gran capital cultural ao aire libre. A chegada de Tony Hadley reforza unha programación que reúne algúns dos nomes máis destacados da música actual e que permitirá gozar de concertos gratuítos nun espazo tan emblemático como a praza de María Pita", indicou.
Líder dunha das formacións máis exitosas da escena británica dos anos oitenta e estiveron en activo ata a primeira década dos 2000, Hadley acadou fama internacional coa publicación de discos como 'True' e converteuse nunha das voces máis recoñecibles do movemento New Romantic. Tras a disolución da banda, desenvolveu unha destacada carreira en solitario, mantendo vivo o legado musical de Spandau Ballet e ampliando o seu repertorio con novos proxectos artísticos.
A actuación do artista británico engádese a unha programación das Festas de María Pita 2026 que volve apostar pola variedade de estilos e públicos, combinando música, cultura e actividades para toda a cidadanía ao longo do verán.

28 de xullo de 2026

14 de xullo de 2026

14 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible