8 de julio de 2026
Gonzalo Castro puxo en valor unha cita que une música urbana e tradición sinfónica e que reforza o papel da Coruña como referente cultural
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación do concerto Yandel Sinfónico, un espectáculo que reunirá este domingo 12 de xullo, ás 22.00 horas, no Coliseum, ao artista portorriqueño Yandel e á Orquestra Gaos, nunha proposta musical inédita en Galicia. No acto tamén participaron Belén do Campo, delegada da Xunta na Coruña, Raúl Andrade, presidente da Orquestra Gaos, e Antonio Casal, director de Quireza Events.
O concerto supón a fusión de dous universos musicais diferentes, combinando os grandes éxitos dun dos artistas máis recoñecidos da música urbana internacional coa forza e riqueza sonora dunha gran formación sinfónica. A Coruña será a única cidade galega que acolla esta produción.
Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou o carácter singular da proposta e a relevancia da participación da Orquestra Gaos. "É un evento moi especial e singular, unha simbiose entre tradición e modernidade moi propia da nosa cidade, que sen esquecer de onde vén camiñou continuamente no ámbito cultural cara á modernidade", sinalou o edil.
Castro subliñou ademais o valor engadido que supón contar cunha formación nacida na cidade para un espectáculo destas características. "A presenza da Orquestra Gaos converte este concerto nun motivo de orgullo para A Coruña. Falamos dunha entidade cultural que leva anos formando novas xeracións de músicos, difundindo o patrimonio musical galego e achegando a música sinfónica a novos públicos", indicou.
Fundada na Coruña en 2009 e dirixida por Fernando Briones, a Orquestra Gaos consolidouse como un dos proxectos musicais máis relevantes de Galicia. Ao longo da súa traxectoria reuniu máis de 450 músicos de todo o país e desenvolveu máis de 80 concertos, combinando repertorio clásico, música galega, proxectos educativos, propostas corais e colaboracións multidisciplinares.
A agrupación destaca tamén pola súa dimensión social e formativa, cun modelo aberto que aposta pola incorporación de novos talentos, a democratización da música clásica e a difusión da cultura galega entre públicos diversos. A súa actividade contribuíu de forma significativa a reforzar o papel da Coruña como un dos principais centros musicais do noroeste peninsular.
Neste contexto, o concerto de Yandel representa unha nova oportunidade para amosar a versatilidade e capacidade artística da formación coruñesa. A través dos seus arranxos sinfónicos, a Orquestra Gaos achegará unha nova dimensión ao repertorio do artista portorriqueño, protagonizando unha experiencia musical única que combina innovación, excelencia artística e vocación de chegar a públicos moi diversos.
Desde o Goberno de Inés Rey valórase especialmente a celebración de eventos capaces de tender pontes entre distintos estilos musicais e xeracións, ao tempo que proxectan o talento cultural local en producións de grande formato. Neste sentido, a participación da Orquestra Gaos constitúe un dos elementos diferenciais dunha cita chamada a converterse nun dos grandes acontecementos musicais deste verán na cidade.

26 de junio de 2026

25 de junio de 2026

25 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible