Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

15 de agosto de 2026

Tony Hadley, a histórica voz de Spandau Ballet, pechará este domingo as Noites de María Pita

O artista británico actuará ás 22.00 horas dentro da programación das Festas de María Pita 2026

As Noites de María Pita despediranse este domingo 16 de agosto cun dos concertos máis agardados da programación das Festas de María Pita 2026. O escenario da praza de María Pita recibirá ás 22.00 horas a Tony Hadley, unha das grandes voces da historia do pop británico e líder da mítica banda Spandau Ballet, nunha actuación de acceso gratuíto para toda a cidadanía. 

O artista londiniense repasará os grandes éxitos que o converteron nunha das figuras máis recoñecibles da música dos anos oitenta, nun espectáculo acompañado pola súa habitual Fabulous TH Band. O público poderá volver escoitar temas convertidos en clásicos internacionais como 'Gold', 'True' ou 'Through the Barricades', cancións que marcaron a historia do pop europeo e que continúan formando parte da memoria musical de varias xeracións. 

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a relevancia da actuación para o peche do ciclo. "Desde o Goberno de Inés Rey quixemos que as Noites de María Pita rematasen cun artista de dimensión internacional e cun repertorio capaz de conectar con públicos moi diversos. Tony Hadley é unha das voces máis emblemáticas da música popular contemporánea e a súa presenza reforza o extraordinario nivel da programación deste verán", sinalou.

Con case catro décadas de carreira, Tony Hadley consolidouse como unha das figuras fundamentais do movemento New Romantic e do pop británico. Á fronte de Spandau Ballet, acadou un éxito mundial que converteu á banda nun dos grandes fenómenos musicais dos anos oitenta, encabezando listas de vendas en numerosos países e protagonizando xiras internacionais multitudinarias. Tras a súa etapa na formación británica, Hadley desenvolveu unha destacada carreira en solitario, publicando diversos traballos discográficos e actuando por escenarios de todo o mundo. Nos últimos anos alternou os seus proxectos pop con propostas vinculadas ao swing e ás grandes bandas, confirmando a versatilidade dunha das voces máis recoñecibles da música británica. Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos recoñecementos, entre eles a Insignia de Ouro da Academia Británica de Compositores e Letristas e a distinción de Membro do Imperio Británico (MBE) pola súa actividade solidaria e benéfica. 

A actuación de Tony Hadley servirá para clausurar unha edición das Noites de María Pita que reuniu ao longo de agosto artistas galegos, estatais e internacionais de primeiro nivel, consolidando un ano máis a praza de María Pita como un dos grandes escenarios musicais do verán galego.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión