10 de abril de 2026
O Bristol Beacon acolle o primeiro concerto dunha histórica xira internacional, cun programa que percorre a tradición española e europea
A Orquestra Sinfónica de Galicia inaugurou este venres en Bristol a súa esperada xira polo Reino Unido cun concerto no Bristol Beacon que marca o inicio dun percorrido sen precedentes para a formación galega.
Baixo a dirección de Roberto González-Monjas, a orquestra ofreceu un programa de gran riqueza e contraste, no que dialogaron a tradición musical española e a elegancia do repertorio francés, nunha cita que tamén contou coa presenza de Rogelio Groba Otero.
A velada abriuse precisamente cunha obra do pai deste último, 'Danzas meigas' de Roxelio Groba, unha obra profundamente enraizada no imaxinario galego, que despregou desde o primeiro momento unha atmosfera evocadora e chea de carácter.
O percorrido continuou coa Suite nº 2 de 'El sombrero de tres picos' de Manuel de Falla, na que a orquestra mostrou a súa capacidade para transitar entre a intensidade rítmica e a sutileza expresiva, antes de abordar o soado 'Concierto de Aranjuez' de Joaquín Rodrigo, un dos fitos do repertorio español, interpretado con delicadeza e profundidade, que contou coa interpretación do afamado guitarrista Thibaut Garcia, cunha execución exemplar.
A segunda parte do concerto levou ao público cara aos universos sonoros de Maurice Ravel, coa suite de 'Mi madre la Oca', de refinada orquestración e carácter evocador, para regresar despois ao repertorio español coa 'Sinfonía sevillana, op. 23', de Joaquín Turina, onde tradición e lirismo entrelázanse cunha marcada identidade andaluza. O concerto culminou co 'Bolero de Ravel'.
"Esta xira internacional da Orquestra Sinfónica de Galicia supón un dos grandes fitos culturais de Galicia no que vai de século, ademais de ser o momento clave na expansión da formación que estamos a impulsar desde o Goberno municipal", sinalou Inés Rey, alcaldesa da Coruña, que acompañará á formación na súa actuación en Londres.
"Con gran orgullo, a Orquestra Sinfónica de Galicia asume esta xira como un paso importante na súa proxección internacional. Trátase da primeira xira destas características realizada por unha orquestra profesional española no Reino Unido, e nela representaremos a Galicia e a España cun repertorio que reflicte a excelencia artística e a identidade que construímos desde A Coruña ao longo de case 35 anos", sinalou o seu xerente, Juan Antonio Cuellar.
Pola súa banda, Roberto González-Monjas destacou tras o concerto o carácter especial deste primeiro encontro: "A xira da Orquestra Sinfónica de Galicia polo Reino Unido é un momento verdadeiramente especial da nosa tempada. Comezala nunha cidade como Bristol e sentir esta acollida é profundamente emocionante".
O concerto de Bristol supón o punto de partida dunha xira que levará á Orquestra Sinfónica de Galicia a cidades como Birmingham, Basingstoke, Manchester, Londres, Nottingham ou Sheffield nos próximos días , consolidando así a súa presenza no circuíto internacional.
"Este primeiro concerto non é só unha apertura de calendario, senón a afirmación dunha identidade musical que, desde Galicia, comeza a resoar con forza nos escenarios internacionais", apuntou Inés Rey, que acudirá persoalmente a apoiar á orquestra coruñesa no seu concerto do vindeiro dia 15 en Londres.

29 de mayo de 2026

28 de mayo de 2026

27 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible