Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de marzo de 2026

A Orquestra Sinfónica de Galicia regresa a Musika-Música con dous concertos baixo a dirección de Andrew Litton

O evento reúne en Bilbao ás principais orquestras do panorama estatal

A Orquestra Sinfónica de Galicia volverá esta fin de semana ao festival Musika-Música de Bilbao, unha das grandes citas do calendario musical estatal, cun dobre compromiso no Palacio Euskalduna baixo a dirección de Andrew Litton. A formación ofrecerá un primeiro concerto este sábado 7 de marzo, ás 12.30 horas, coa Sinfonía n.º 9 en mi menor, op. 95, "Do Novo Mundo" de Antonín Dvořák, e regresará ao escenario o domingo 8, ás 17.00 horas, cun programa integrado pola abertura de 'Os mestres cantores' de Richard Wagner e o Concerto para violonchelo en mi menor, op. 85 de Edward Elgar, con Asier Polo como solista. 

"Entre os obxectivos marcados pola alcaldesa, Inés Rey, para a OSG está a súa expansión e chegada a novos públicos nacionais e internacionais, que estamos a acadar coa participación da orquestra en eventos da relevancia deste", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Na súa edición de 2026, Musika-Música celebra vinte e cinco anos de traxectoria, consolidado como un encontro de referencia que reúne en Bilbao formacións e intérpretes de primeiro nivel e que converte durante tres días a cidade nun gran escaparate da música clásica. 

A presenza da OSG nesta cita reforza unha relación xa plenamente asentada co festival. A súa primeira participación en Musika-Música produciuse en 2017, e desde entón a formación galega converteu Bilbao nunha das súas paradas máis recoñecibles fóra de Galicia, cunha conexión cada vez máis sólida co público do Euskalduna. 

O programa do sábado estará centrado nunha das obras máis emblemáticas do repertorio sinfónico: a Novena de Dvořák, unha partitura de enorme forza melódica e gran capacidade de comunicación, chamada a ocupar un lugar destacado nesta nova visita da orquestra a Bilbao. 

Xa na xornada do domingo, a OSG presentará unha proposta de gran intensidade expresiva, que abrirá coa brillantez orquestral de Wagner e continuará co lirismo e a fondura do concerto de Elgar, unha das páxinas máis emblemáticas da literatura para violonchelo, coa participación de Asier Polo como solista convidado. 

A edición de 2026 volve reunir en Musika-Música algunhas das principais orquestras do panorama estatal, e a presenza da OSG neste cartel reafirma o seu papel nos grandes encontros musicais e a boa acollida que adoita acompañar cada regreso da formación galega a Bilbao.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión