27 de febrero de 2026
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe os traballos, que avanzan a bo ritmo e nas vindeiras semanas continuarán entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande
A alcaldesa, Inés Rey supervisou hoxe as obras de remodelación dos Cantóns, unha das intervencións máis relevantes de humanización do espazo público no presente mandato. Os traballos, que avanzan a bo ritmo, con máis de 12.000 metros cadrados pavimentados, chegan xa ao seu ecuador en termos de prazos e superficie total executada.
Ata agora, as actuacións centráronse no treito que vai da Mariña ao Cantón Grande e que pasa por rúas como Alcalde Manuel Casás, Ambrosio Feijóo e a beirarrúa do Teatro Colón, que vai pola praza da Aduana. Neste sector, durante os pasados meses traballouse na execución das novas redes de saneamento e servizos municipais (iluminación pública, semáforos), comezouse coa execución do mobiliario urbano instalando as bases pétreas dos bancos -que terán asentos de madeira- e, ademais, tamén se executou o bordo separador entre o carril bici e a beirarrúa desde Entrexardíns ao Teatro Colón e completouse a superficie peonil coas novas baldosas, explicou a alcaldesa.
Agora, o foco estará posto entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande, que concentrarán a meirande parte de actuacións da próxima fase, a cal arrincará o vindeiro martes 3 de marzo.
Na visita desta mañá, e acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, Inés Rey informou de que o Concello "avanzará na pavimentación e enlousado da superficie que anteriormente se peonalizou de forma provisional, para que pase a estalo de xeito definitivo e cunha sintonía estética con respecto á contorna".
Será nesta fase de obras cando serán visibles varias das grandes novidades dos novos Cantóns: o chanzo que envolverá a antiga saída do parking e tamén o novo ascensor que conectará o aparcadoiro subterráneo coa superficie, elevador que ata agora non existía e, de feito, permitirá mellorar a accesibilidade universal entre o espazo peonil e o soto destinado ao estacionamento de vehículos.
Na visita desta mañá aos Cantóns tamén participaron os arquitectos José Manuel Vázquez Mosquera e Carmen Calatayud, así como o xefe de obra, Javier Vázquez.
Desde o día 3, reorganización de servizos entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande
A fase de traballo que arrincará o vindeiro día 3 implicará unha redistribución dos servizos entre o Cantón Pequeno e o Cantón Grande, co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das obras neste sector.
O tráfico rodado pasará a circular polo Cantón Pequeno, cun carril por sentido. Ademais, a circulación dos ciclistas será compartida cos vehículos dende a praza de Mina -en ambos os sentidos-, ata completar a execución do carril bici definitivo.
No caso dos taxis, iniciarase o traslado da súa parada á súa localización definitiva, fronte á Fundación Barrié. Por outra banda, os espazos de carga e descarga pasarán a operar en Durán Loriga (neste caso, de forma definitiva) e na rúa Nova.
No referente ao servizo municipal BiciCoruña, iniciarase o traslado provisional das bases do Obelisco (a Santa Catalina) e do Cantón Pequeno (á avenida do Porto, tras a Rosaleda).
Como xa se está a facer con cada unha das principais fases de obra, o Concello volverá a reforzar os avisos informativos con respecto a esta nova quenda de actuacións.
A información dos traballos correspondentes á vindeira fase, a que comeza o martes 3, estará visible desde hoxe nas canles oficiais do Concello e con soportes físicos que se habilitarán no Cantón Grande, Entrexardíns e no sector dos Cantóns máis próximo á Mariña. Ademais, días atrás xa se deu preaviso interno desde a asistencia técnica da obra para minimizar posibles incidencias en materia de mobilidade, transporte ou loxística.
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible