8 de enero de 2026
“Con esta medida tamén buscamos contribuír á dinamización comercial da Sagrada Familia”, expuxo a rexedora
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o primeiro treito peonalizado na rúa Sagrada Familia, un percorrido renovado e máis accesible que terá continuidade ao longo de Antonio Carballo, en dirección á Agra do Orzán
O barrio da Sagrada Familia xa forma parte dun dos grandes proxectos da cidade en materia de mobilidade sostible, a Rolda Peonil, que avanza agora ao longo da rúa Sagrada Familia e, proximamente, a través de Antonio Carballo, en dirección á Agra do Orzán.
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá o treito que se humanizou recentemente na Sagrada Familia, entre as rúas Nosa Señora da Luz e San Xaime, onde se peonalizou unha superficie de 2.200 metros cadrados, renovada baixo a premisa de gañar espazos públicos de máis calidade, máis accesibles e osixenados entre os bloques de vivendas. Rey estivo acompañada polas concelleiras Noemí Díaz e Montse Paz.
"Con esta medida tamén buscamos contribuír á dinamización comercial da Sagrada Familia, promovendo o tránsito peonil e dándolles máis visibilidade aos pequenos negocios da zona, como xa se fixo en puntos como Alcalde Marchesi ou Primavera", explicou a rexedora, que fixo fincapé na importancia de vertebrar os barrios a través de novas arterias como a Rolda Peonil, concibidas para as persoas.
A Rolda Peonil, que se proxectou para conectar os parques de San Diego e do Observatorio, pasa pola peatonal da Gaiteira e barrios como Catro Camiños e Os Mallos a través de rúas como Puga y Parga e Ramón Cabanillas, entre outras. Agora, con continuidade pola Sagrada Familia para unila coa Agra do Orzán.
A humanización da rúa, en datos: máis árbores, áreas verdes e mobiliario urbano
Nos 2.200 metros cadrados xa humanizados na rúa Sagrada Familia, o Concello dispuxo case 30 novas árbores e 438 plantas repartidas entre diversas áreas verdes.
Ademais, tamén se aproveitou a intervención para renovar as luminarias da rúa e, de paso, instalar novo mobiliario urbano (24 bancos e 10 papeleiras), en base ás demandas veciñais.
A actuación, que supuxo un investimento de 573.000 euros, terá continuidade cunha formulación semellante na segunda fase de humanización da rúa Sagrada Familia, que aparellará a da rúa Antonio Carballo. Isto suporá un investimento engadido de case un millón de euros, coas obras xa adxudicadas á empresa Construcciones Cernadas.
As próximas melloras no barrio: no pavillón polideportivo
O plan de actuacións previsto polo Concello no barrio da Sagrada Familia avanzará proximamente coas melloras proxectadas para o pavillón polideportivo. A finais do ano pasado, a Xunta de Goberno Local deulle luz verde á saída a concurso dos traballos para reformar a cuberta da instalación. A intervención sufragarase cunha partida de 182.000 euros.
Ademais, a ampliación da biblioteca municipal do barrio entra xa na súa recta final, só a expensas de tarefas no sistema de climatización e trámites asociados á subministración eléctrica. As melloras na instalación permitirán incrementar a superficie de uso da biblioteca, co obxectivo de contar cunha nova sala polivalente no seu interior.

17 de diciembre de 2025

17 de diciembre de 2025

15 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible