Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de setembro de 2026

O Concello rehabilitará a Bágoa de San Roque para uso público e mellorará a accesibilidade entre o Barrio das Flores e Elviña con tres novos ascensores

Luz verde para a peonalización parcial da rúa Antonio Viñes, cun proxecto a grande escala que tamén traerá humanizacións e reordenacións noutras zonas da contorna

A alcaldesa, Inés Rey, deu conta hoxe dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local, entre os que destaca o proxecto para mellorar a accesibilidade entre o Barrio das Flores e a 1ª fase de Elviña. A actuación, cun investimento de máis de 870.000 euros, permitirá instalar tres ascensores nos itinerarios peonís que actualmente salvan mediante escaleiras o desnivel entre ambos os barrios. "Falamos dunha actuación moi importante para dous barrios cunha orografía complexa, porque estes tres ascensores van eliminar barreiras que condicionan o día a día de moitas persoas, especialmente das persoas maiores ou con mobilidade reducida", sinalou Rey.

O proxecto, cun orzamento de máis de 870.000 € e un prazo de execución de doce meses, ten como eixe a rolda Camilo José Cela, onde se localizan os tramos de escaleiras. A intervención tamén supón unha mellora xeral da seguridade viaria, a accesibilidade e os equipamentos da zona. Así, elevaranse os pasos peonís como elemento fundamental para reducir a velocidade dos vehículos.

A actuación, explicou a alcaldesa, completarase coa renovación dos pavimentos, do saneamento e da rede de pluviais, a mellora da iluminación e do mobiliario urbano e a incorporación de novas zonas axardinadas con rega automática. Tamén se adaptarán os elementos de recollida de residuos á nova configuración do espazo.

"Seguimos levando investimentos aos barrios para resolver problemas concretos da veciñanza. Neste caso, destinamos máis de 870.000 euros a facer máis cómoda e accesible unha conexión fundamental entre Elviña e o Barrio das Flores", engadiu a alcaldesa,quen destacou que o Plan de Barrios segue a avanzar coa mobilización xa de máis de 83 millóns de euros. 

Recuperación da Bágoa de San Roque

O Concello tamén licitou as obras de recuperación dos locais da Bágoa de San Roque, cun orzamento de máis de 570.000 euros e un prazo de execución de cinco meses. O obxectivo deste proxecto, despois de que o Concello recuperara a totalidade dos locais, é volver poñer en valor este espazo tan significativo para a cidade, conservando a súa estrutura e mellorando as súas condicións de habitabilidade, accesibilidade e funcionalidade.

"O que queremos é poñer en valor estes locais e adaptar o seu uso ás necesidades actuais da cidadanía, construíndo un espazo que será de uso público e que servirá para dinamizar a vida do barrio", apuntou Inés Rey.

Así, os locais pasarán a ser de uso público e aberto para celebracións, eventos ou actividades sociais, formativas e culturais. O edificio conta cunha superficie útil de case 370 metros cadrados distribuídos na planta baixa e na terraza superior. 

Na intervención conservarase a estrutura e ornamentación da fachada e a balaustrada da cuberta, respectando así a obra orixinal de estilo racionalista, deseñada polo arquitecto Antonio Vicéns en 1955. Incorporarase unha celosía para reducir a incidencia solar no interior e permitir unha maior privacidade para a celebración dos eventos. 

A zona da terraza dotarase tamén de novo mobiliario urbano incluíndo bancos, xardineiras e unha pérgola que sirva de soporte a plantas trepadoras que dean sombra nos meses cálidos. Na planta baixa, que é onde se desenvolverán as actividades, disporanse tres zonas diferenciadas pero conectadas espacialmente: unha sala destinada a reunións e presentacións, unha zona de traballo, e unha área infantil e de xogos.

A prioridade na nova ordenación do edificio será buscar a facilidade de uso, a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas. En definitiva, desenvolverase un proxecto que se caracteriza polo respecto á edificación existente e pola súa capacidade para transformar este espazo nun equipamento público activo, flexible e sostible, reforzando o papel do edificio como motor cultural, social e educativo. Esta intervención forma parte da estratexia de rehabilitacións e recuperación do patrimonio da cidade, explicou a alcaldesa. 

Peonalización de Antonio Viñes

O Concello deulle tamén luz verde á licitación da peonalización parcial e humanización da rúa Antonio Viñes, no tramo entre a rúa Asturias ata Oidor Gregorio Tovar, cun proxecto que inclúe tamén intervencións de humanización nas rúas próximas. O proxecto ten un orzamento base de case 600.000 euros e un prazo de execución duns seis meses. 

"Cremos que esta intervención é unha necesidade non só para a veciñanza da zona senón para miles de coruñeses e coruñesas, debido principalmente á intensa actividade hosteleira que concentra esta zona dos Mallos e á pouca afluencia de tráfico rodado, que fai posible este cambio integral no ordenamento da área", explicou Inés Rey.

En Antonio Viñes prevese a execución dunha plataforma única, peonalizando parcialmente a rúa. Tamén se colocarán espazos axardinados, arboredo e bancos, para crear pequenas zonas de estar. Instalaranse así mesmo nova iluminación para mellorar as prestacións luminosas actuais. 

No cruzamento da rúa Antonio Viñes coa rúa Asturias crearanse pasos de peóns elevados que melloren a seguridade viaria nestes puntos. Ademais, o mesmo proxecto inclúe tamén a intervención na rúa Oidor Gregorio Tovar, entre as rúas Vizcaya e Cronista Pacheco, onde tamén se instalará unha plataforma única, pero con distintos acabados para diferenciar claramente as zonas que manteñen o tráfico rodado e as que serán exclusivamente peonís. 

Tamén neste tramo se colocarán xardineiras con árbores e bancos, e habilitarase un carril diferenciado e específico para bicicletas en sentido só ascendente, dando continuidade ao existente na rúa Mariscal Pardo de Cela e posibilitando desta forma a conexión destes medios de transporte co resto de vías rodadas cara o barrio dos Mallos de xeito seguro. 

Asi mesmo, na rúa Cronista Pacheco, co obxectivo de reordenar o tráfico rodado que atrae a presenza do aparcadoiro subterráneo da praza Monforte, instalarase unha glorieta central para canalizar a entrada e saída do aparcadoiro. 

Tamén nesta zona se ensancharán as beirarrúas e se habilitarán espazos axardinados e novo mobiliario urbano. Para cumprir cos criterios de accesibilidade e seguridade viaria, en todo o ámbito de intervención procederase a elevar pasos peonís e a adaptar a contorna para facilitar o tránsito de persoas con mobilidade reducida.

Humanización de Vicente Aleixandre

Iníciase tamén o proceso de licitación da remodelación da rúa Vicente Aleixandre, no Castrillón, cun orzamento de máis de 500.000 euros e un prazo de execución de seis meses. Este proxecto traerá unha reordenación do espazo urbano poñendo no centro o peón e adaptando a contorna aos criterios de accesibilidade e seguridade viaria.

Renovaranse tamén os pavimentos e o mobiliario urbano, engadindo ademais elementos axardinados. Manteranse as árbores existentes e plantaranse outras tres especies máis. A nova ordenación garantirá un ancho de beirarrúa de, como mínimo, 1,80 metros para garantir o tránsito peonil. A obra tamén traerá a renovación da sinalización. "O Concello reitera así o seu compromiso con mellorar os equipamentos e servizos no barrio do Castrillón, como xa demostramos con outras intervencións tan importantes como a da praza José María Hernansaez", lembrou Inés Rey.

Bolsas Norteamérica

Tamén se aprobaron as bases específicas para a nova edición das Bolsas Norteamérica, que lle ofrece ao alumnado residente na Coruña a posibilidade de cursar o equivalente a 1º de Bacharelato, nun instituto do Canadá, convivindo cunha familia canadense. O investimento para a xestión dos servizos destas bolsas cífrase en case 650.000 €.

A estadía no Canadá comezará a finais de agosto de 2027 e finalizará en xuño de 2028, incluídas as vacacións escolares de Nadal e Semana Santa. As datas de saída e regreso varían en función do estado ou territorio de destino. 

O servizo das bolsas inclúe todos os trámites e o seguimento necesario para poder levar a cabo esta actividade, incluído a celebración de xornadas formativas, a obtención de visados e a repartición das axudas en metálico para a estadía e traslado do alumnado. 

Como noutros anos, o alumnado que queira optar a esta bolsa deberá acreditar ter aprobado todas as materias en 4.º da ESO e ter todos os documentos en regra para a tramitación do visado ou permiso de estudo. 

Ademais, estableceranse uns criterios de inclusión que terán como obxectivo achegar esta experiencia a todos os alumnos e alumnas que queiran optar, con independencia do nivel socioeconómico das familias. A achega do Concello cóbrelle entre o 80% e o 100% dos custos ás familias seleccionadas, dependendo das condicións de cada unha.

"Apostamos un ano máis por un dos programas máis representativos de intercambio cultural e educativo. Unha forma accesible e inclusiva para que o alumnado coruñés coñeza de preto outra cultura e viva unha experiencia única no estranxeiro", indicou Inés Rey.

Mantemento biolóxico do Aquarium Finisterre

Adxudicouse á empresa Servicios y Materiales S.A. os servizos de mantemento biolóxico no Aquarium Finisterre, cun investimento de máis de 936.000 €. A compañía asumirá as tarefas para asegurar que as condicións do Acuario son as correctas para o desenvolvemento dos ecosistemas actualmente existentes no complexo. O prazo é para un ano e con posibilidade de prórroga para un ano máis.

Máis de 83 millóns do Plan de Barrios

A alcaldesa tamén puxo en valor os investimentos levados a cabo polo Concello no marco do Plan de Barrios 2025-2027, que xa mobilizou máis de 83 millóns de euros. "Traemos tres novos investimentos esenciais dentro da nosa filosofía: a do coidado do patrimonio e mellora dos servizos e a da humanización das nosas vías. Iso na mesma semana na que inauguramos a nova escola infantil de Monte Alto e a renovación integral do parque de Santa Margarida. Empezamos o chamado curso político con forza e seguimos a avanzar na dirección correcta para facer da Coruña unha cidade mellor para todos os veciños e veciñas", reivindicou Inés Rey.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión