20 de agosto de 2026
O Concello colabora con ambas as festas, que forman parte da programación festiva dos barrios da cidade
A Sagrada Familia desenvolverá a súa programación desde o venres 21 ata o domingo 23, mentres que Pedralonga concentrará as súas celebracións o sábado 22
Os barrios da Sagrada Familia e Pedralonga celebrarán esta fin de semana as súas festas, con propostas musicais, actividades infantís, gastronomía e iniciativas pensadas para públicos de todas as idades. As celebracións contan coa colaboración do Concello da Coruña e forman parte do calendario festivo dos barrios da cidade.
Na Sagrada Familia, as festas comezarán mañá, venres 21, ás 21.30 horas coa lectura do pregón. A continuación celebrarase a primeira gran cita musical da fin de semana coa "Festa Rachada" a cargo da orquestra Alaska.
O sábado 22 a programación continuará durante toda a xornada. O barrio acollerá o mercado de artesanía Brota do Norte - Sagrada Familia e, pola mañá, haberá actividades para as nenas e nenos con PekeSFesta, inchables e festa da escuma. Posteriormente terá lugar a sesión vermú coa actuación de Alma Libre.
Pola noite chegará unha nova verbena, que contará coa música de DJ By Kokee e da orquestra Los Platinos.
As festas da Sagrada Familia rematarán o domingo 23. A partir das 13.00 horas haberá unha pulpeira na pista polideportiva, con prezos populares, nunha xornada que tamén contará coa música das corais polifónicas Aires Novos de Pravío, Canticorum, Sagrada Familia e Follas Novas. O peche da programación correrá a cargo de Maghúa Cantareiros.
Pedralonga celebra o sábado as súas festas no aparcadoiro da Fábrica de Armas
O barrio de Pedralonga concentrará a súa programación festiva o sábado 22 no aparcadoiro da Fábrica de Armas.
As actividades comezarán ás 17.00 horas cun programa infantil gratuíto que se prolongará ata as 20.00 horas e que contará con inchables e merenda. Entre as 19.40 e as 20.00 horas celebrarase tamén unha festa da escuma.
Ás 20.00 horas será a quenda de Gaiteir@s Donaire, coincidindo coa celebración dunha gran churrascada a prezos populares.
A música continuará ás 22.30 horas coa gran verbena amenizada pola orquestra Trébol. Finalmente, ás 00.00 horas, un espectáculo de fogos artificiais porá o broche á xornada festiva en Pedralonga.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia destas celebracións "como espazos de encontro e convivencia que contribúen a dinamizar os barrios e a reforzar os vínculos entre a veciñanza". Neste sentido, Castro salientou "o compromiso do Goberno de Inés Rey co tecido asociativo da cidade e co impulso dunha programación cultural e festiva descentralizada, que achegue propostas de lecer para todas as idades aos distintos barrios da Coruña".
O Concello da Coruña apoia un ano máis a celebración das festas nos barrios, colaborando co tecido asociativo para favorecer unha programación descentralizada e achegar propostas culturais, musicais e de lecer aos distintos puntos da cidade.

11 de agosto de 2026

14 de julio de 2026

30 de junio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible