16 de agosto de 2026
A programación das Festas de María Pita ofrecerá cinco noites consecutivas de música clásica e sinfónica con máis de 300 intérpretes sobre o escenario
A praza de María Pita volverá converterse no gran auditorio ao aire libre da cidade coa celebración dunha nova edición da Semana Clásica, unha das citas máis destacadas da programación das Festas de María Pita 2026. Entre os días 18 e 23 de agosto, as principais formacións musicais coruñesas ofrecerán concertos gratuítos ás 21.00 horas, con propostas que abranguen desde a música sinfónica e operística ata o repertorio cinematográfico.
A alcaldesa, Inés Rey destacou a relevancia dunha programación que pon en valor o talento musical da cidade. "A Semana Clásica é unha das grandes tradicións culturais das Festas de María Pita e unha oportunidade para achegar a música clásica a toda a cidadanía nun espazo aberto e accesible. Reúne ás mellores formacións da Coruña e amosa o extraordinario nivel artístico que existe na nosa cidade", sinalou.
A programación arrancará o martes 18 de agosto coa actuación da Orquestra Gaos, que presentará o proxecto 'Boleros Sinfónicos', unha proposta que contará coas voces dos tenores Celso Albelo e Pancho Corujo, así como da soprano Candelaria Hernández, nun percorrido por algúns dos grandes clásicos do xénero.
O mércores 19 de agosto será a quenda da Orquestra de Cámara de Galicia, que ofrecerá o programa 'Una noche española', con obras de Rogelio Groba, Isaac Albéniz, Enrique Granados e Manuel de Falla, baixo a dirección de Rogelio Groba Otero e coa participación do pianista Pablo Diago Busto.
Tras a pausa do día 20, a Semana Clásica continuará o 21 de agosto coa Xoven Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixida por Alejandro Posada, que presentará o espectáculo 'América, un percorrido musical polo continente americano' con composicións de Leonard Bernstein, José Pablo Moncayo, Arturo Márquez, Alex Tovar, Santiago Castellanos e Alberto Ginastera.
O 22 de agosto chegará unha das citas máis esperadas da programación coa actuación da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Roberto González-Monjas e coa participación do pianista Javier Perianes. O concerto será unha homenaxe a Manuel de Falla no 150 aniversario do seu nacemento e incluirá obras do compositor gaditano xunto a pezas de Fernando Buide e Joaquín Turina.
A Semana Clásica pecharase o 23 de agosto coa Banda Municipal de Música da Coruña, que presentará o espectáculo 'Grandes corais de película'. A formación estará acompañada pola Coral El Eco, o Coro Gaos, o grupo de gaitas de Cántigas da Terra e a cantante coruñesa Irene Cerqueiro, nunha produción que reunirá máis de cen músicos e intérpretes sobre o escenario. O programa incluirá bandas sonoras de películas como 'Titanic', 'O bo, o feo e o malo', 'Excalibur', 'O mago de Oz' e 'Mar adentro', combinadas con proxeccións audiovisuais de gran formato.
"Estamos ante unha das programacións máis ambiciosas da Semana Clásica dos últimos anos. É unha mostra do compromiso do Goberno de Inés Rey coa música, coa creación artística e co apoio ás entidades culturais da cidade, que volverán ofrecer ao público cinco noites excepcionais na praza de María Pita", concluíu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
PROGRAMACIÓN DA SEMANA CLÁSICA

15 de agosto de 2026

10 de agosto de 2026

6 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible