5 de agosto de 2025
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o domingo 7 de setembro
O 14 de setembro celebrarase a XII Carreira Popular Volta a Oza, que marca o retorno do circuíto Coruña Corre tras o parón de verán. A inscrición para dita carreira xa está aberta a través de www.coruna.gal/carreiraspopulares ou www.corunacorre.com. "Desde o Goberno de Inés Rey seguimos impulsando iniciativas que fomenten a práctica deportiva entre persoas de todas as idades como este circuíto, que percorre ao longo do ano diferentes barrios da cidade", indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. O período de inscrición pecharase o vindeiro domingo 7 de setembro. As persoas inscritas no conxunto do circuíto deberán confirmar tamén a súa participación nesta proba.
A xornada de competición desenvolverase de 10.00 a 13.00 horas, e abrirase coa disputa en categoría absoluta, cun percorrido de 6.250 metros que dará comezo no parque de San Diego, en dirección á rotonda de cruzamento entre a rolda de Outeiro, rúa Posse e avenida do Exército, onde se enfilará o camiño de subida cara á avenida da Pasaxe e, posteriormente, unha nova subida pola avenida da Concordia. A partir de aí, o percorrido adéntrase no barrio do Castrillón, polas rúas Alacante e José María Hernansáez, para chegar ao parque de Eirís, con volta posterior pola avenida Casanova de Eirís, pasando por diante do Centro Deportivo do Castrillón, que marca o ecuador da carreira. Desde este punto, descenso polas sendas interiores do parque de Oza, dous treitos de subida e baixada pola rolda de Outeiro e chegada final ao parque de San Diego.
Xa a continuación, a partir das 11.30 horas, comezarán as saídas progresivas das categorías inferiores, tamén desde o parque de San Diego, con percorridos que van dos 2.430 aos 150 metros en función da idade das e dos rapaces participantes.
As entregas de premios terán lugar na zona de saída e meta -ou no Polideportivo Municipal de San Diego, en caso de choiva-. Ás 11.15 horas, ás e aos atletas vencedores da proba absoluta. E xa as 13.00 horas, aos gañadores en categorías inferiores.
A recollida de dorsais terá lugar o propio domingo da competición no Complexo Deportivo Municipal de San Diego, desde as 9.00 horas e ata unha hora antes do comezo de cada unha das probas. Haberá servizo de duchas e gardarroupa no Complexo Deportivo, así como un avituallamento na liña de meta.

30 de noviembre de 2025

21 de noviembre de 2025

17 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible