Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

14 de julio de 2026

A eclipse poderá contemplarse desde múltiples puntos de proximidade nos barrios da Coruña, identificados polos servizos municipais e xa visibles para a súa consulta na web do Concello

Case 300 persoas integrarán o dispositivo especial de seguridade previsto polo Concello o mércores 12 de agosto, día da eclipse total de sol

A alcaldesa, Inés Rey, avanzou hoxe os preparativos que se están a ultimar de cara á xornada: estase a traballar para habilitar aparcadoiros disuasorios no campus e haberá liñas de reforzo no transporte urbano

Queda menos dun mes para que A Coruña acolla un dos eventos astronómicos máis especiais deste século: a eclipse total de sol que se poderá contemplar o vindeiro mércores 12 de agosto, un fito histórico que non se vive na Península Ibérica desde hai máis de cen anos e que terá lugar coa cidade herculina como a mellor posicionada de Europa para poder desfrutar por máis tempo deste espectáculo astronómico, durante minuto e medio.

Ante a previsión dunha xornada multitudinaria nas rúas da Coruña, o Concello vén traballando arreo nos últimos meses co obxectivo de coordinar un dispositivo especial de seguridade, mobilidade e transporte que permita que todas as persoas que escollan a cidade para presenciar a eclipse gocen ao máximo dunha experiencia única.

Esta mañá a alcaldesa, Inés Rey, avanzou as primeiras medidas deste dispositivo, fundamental para facilitar o desenvolvemento sen incidencias do 12 de agosto, no que ademais da eclipse tamén está prevista a chegada de diversos cruceiros aos peiraos e, en paralelo, tamén se disputará en Riazor o partido de fútbol entre o Deportivo e o Real Madrid polo trofeo Teresa Herrera.

"Será un día de moito tráfico. E isto lévanos á importancia de evitar, na medida do posible, os desprazamentos innecesarios en coche no conxunto da Coruña", expuxo a rexedora.

Para propiciar isto, e co obxectivo de minimizalos, os servizos municipais identificaron múltiples enclaves de proximidade nos barrios, desde os que asistir e desfrutar da eclipse. Estes puntos de proximidade están xeolocalizados e expostos á cidadanía a través dun visor interactivo dispoñible na páxina web do Concello.

"É unha ferramenta moi útil que non só se formulou para contribuír a reducir os desprazamentos e o tráfico rodado, senón tamén para que o día da eclipse se conciba como unha oportunidade para reforzar a convivencia nos barrios, como unha oportunidade de asistir a un evento único moi preto de casa, coa veciñanza, coa nosa xente", indicou Rey.

A meirande parte destes puntos de proximidade son espazos abertos e sen obstáculos visuais, tamén caracterizados por dispor dunha superficie ampla. É o caso dos parques de Oza, San Diego, Eirís e Novo Mesoiro, mais os servizos municipais tamén recomendan visualizar a eclipse desde a explanada do Parrote, na contorna da Solana; a praza do Galatea (Durmideiras); o aparcadoiro do Aquarium Finisterrae; a contorna do Ágora; a praza central de Xuxán e a explanada lindeira ao edificio sindical do Sector 7.

"Visualizar estes puntos tamén é moi importante en materia de inclusión, porque o noso obxectivo é que toda a cidadanía, sen excepción, poida gozar do 12 de agosto. E iso pasa por ter en conta factores como a accesibilidade e a mobilidade reducida. Factores como a pirámide demográfica dos barrios, porque hai distritos da Coruña onde a porcentaxe de poboación maior de 65 anos é máis acentuada que noutros. Por iso, cómpre facer máis visibles os espazos de proximidade", razoou a alcaldesa.

Riazor e Orzán, zonas de observación prioritaria

As praias de Riazor e o Orzán son opcións moi recomendables para persoas que, por exemplo, teñan previsto asistir posteriormente ao partido de fútbol entre o Dépor e o Real Madrid polo trofeo Teresa Herrera. "Pola súa proximidade ao estadio entendemos que é o máis práctico, xa que simplifica os desprazamentos a pé cando remate a eclipse", explicou Inés Rey, que tamén informou de que o mércores 12 de agosto -e como xa é habitual noutras celebracións masivas, como o San Xoán- está previsto habilitar na Coiraza un punto de mando central desde o que se coordinará o seguimento do plan de seguridade e mobilidade da xornada. As estimacións iniciais do Concello son que, só no referente a persoal destinado a tarefas de seguridade e emerxencias, se disporá duns 300 efectivos.

Será tamén na Coiraza, entre as praias de Riazor e o Orzán, onde se habilitará unha zona específica PMR, para facilitar que as persoas con mobilidade reducida dispoñan dun espazo no que seguir a eclipse con todas as garantías e sen obstáculos.

A previsión do Concello é que a media tarde (18.00 horas) se corte o tráfico no paseo marítimo de Riazor e a contorna do estadio municipal (avenida da Habana e Manuel Murguía), co obxectivo de reforzar a seguridade viaria ante o tránsito de persoas previsto pola contorna. O tráfico irase restablecendo por sectores, de forma progresiva, cando remate a eclipse e, xa máis tarde, o trofeo Teresa Herrera. Desde o Concello recoméndase, sempre que sexa posible, evitar o coche e desprazarse a pé ou en transporte público. 

O acceso ao Portiño e o parque do monte de San Pedro, a pé

Outras dúas zonas de observación nas que se augura unha importante afluencia de persoas serán O Portiño e o monte de San Pedro. En ambos os casos, tamén con factores especiais que cómpre ter en conta. 

"Tanto O Portiño como o monte de San Pedro, polo seu simbolismo e atractivo, son puntos que suscitan o interese de moitas persoas para contemplar a eclipse, mais é fundamental insistir na necesidade de que a eses espazos só se poderá acceder a pé, porque as conexións por estrada son limitadas e carecen de estacionamento suficiente, polo que se decidiu pechar ao tráfico para evitar retencións", indicou a alcaldesa.

A este respecto, está previsto que o servizo especial de transporte urbano que haberá o 12 de agosto pase polas rotondas de acceso á estrada dos Fortes e O Portiño, para facilitar a aproximación inicial e, xa a posteriori, continuar o camiño a pé, xa que o paso do tráfico rodado só se habilitará para vehículos autorizados por cuestións de emerxencias e seguridade.

En casos concretos como o do monte de San Pedro, é vital ter en conta dous factores: as limitadas dimensións do seu acceso e o imprescindible de preservar a contorna dun espazo natural tan importante coma este. Por iso, o acceso ao parque do monte de San Pedro estará pechado ao tráfico rodado (agás vehículos autorizados) desde primeira hora do día 12 de agosto.

"Obviamente, e sendo como é un espazo de uso público, o acceso a pé estará habilitado para toda a cidadanía e haberá conexións vía autobús para facer máis áxil e sinxela a chegada ás proximidades do parque. Mais non se poderá chegar en vehículo privado precisamente para evitar aglomeracións", avanzou Rey.

Aparcadoiros disuasorios nos campus universitarios de Elviña e da Zapateira

Outro dos eixes clave no desenvolvemento do mércores 12 de agosto será o reforzo do servizo de transporte urbano, atendendo aos fluxos e desprazamentos previstos tanto no interior da cidade como en sentido de entrada e saída cos concellos da área.

Neste sentido, o Concello, coa colaboración da Universidade da Coruña (UDC) está a traballar para habilitar unha serie de aparcadoiros disuasorios nos campus universitarios da Zapateira e Elviña, para que as persoas que cheguen á Coruña en vehículo particular poidan estacionar o seu automóbil e, a continuación, usar a liña especial de transporte urbano que percorrerá a cidade.

Porque o día da eclipse manteranse as liñas regulares coas variacións habituais nas liñas 3, 3-A, 7 e 11 polos cortes de tráfico no paseo -como na festa de San Xoán-, mais a estas liñas regulares sumarase unha liña especial que conectará o campus da Zapateira coa praza de Pontevedra, e recollerá as persoas usuarias dos disuasorios de Ciencias, Filoloxía e o campus de Elviña. Esta liña circulará todo o día e, xa ás 18.00 horas, reforzarase con outros dous buses máis, e manterá unha frecuencia de dez minutos. Ademais, reforzarase a liña 3-A para facilitar os desprazamentos aos accesos principais do Portiño e do monte de San Pedro.

Xa no referente á volta, o transporte urbano manterá as liñas regulares ata un pouco despois das 23:00 h, para facilitar os regresos das persoas que vaian ao partido en Riazor. E a estas liñas sumarase tamén a especial que volverá aos campus desde a praza de Pontevedra, con frecuencias de 15 minutos. Ademais, a 3-A tamén terá reforzo para levar a xente de volta tras ver a eclipse.

También te puede interesar

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión