22 de octubre de 2025
O encontro, que se celebra hoxe e mañá en Palexco, reúne a máis de medio cento de representantes públicos e expertos en políticas urbanas
A alcaldesa interviu esta mañá o III Foro Urbano de España
A cidade da Coruña acolle dende esta mañá o III Foro Urbano de España, a principal cita estatal para o debate e intercambio de experiencias en materia de políticas urbanas sostibles, inclusivas e resilientes. O encontro, organizado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana en colaboración co Concello da Coruña, desenvolverase durante dúas xornadas no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco).
Inés Rey apelou á cooperación entre administracións e á forza transformadora dos concellos. "Os concellos non somos meros xestores do inmediato; somos axentes de cambio, capaces de mover os marcos, de ampliar os límites do posible e de facer política con maiúsculas dende o cotián", afirmou.
A rexedora destacou que a cooperación institucional "non pode limitarse ás grandes obras ou aos proxectos que cortan cintas; debe alcanzar tamén o que sostén a vida diaria de miles de veciños e veciñas". Nese sentido, chamou a un consenso en materia social para facer fronte aos coidados, por exemplo co Servizo de Axuda do Fogar.
Rey reivindicou o municipalismo como o espazo político máis próximo á cidadanía e o que mellor entende as necesidades reais da xente: "A nosa tarefa é traducir os grandes conceptos como resiliencia ou refuxio climático en políticas que melloren a vida da maioría social", afirmou.
A alcaldesa puxo tamén o foco na transformación urbana que vive A Coruña, tanto na apertura do porto á cidade como na mobilidade sostible e a recuperación do espazo público, "un proceso que está cambiando a forma de vivir e de entender a cidade, cun modelo máis humano, máis equitativo e máis sostible". Nese sentido, subliñou que "as cidades son o verdadeiro motor do cambio e o lugar onde se afrontan os grandes retos do século XXI".
Mesa de debate: Axenda Urbana e Vivenda
Na sesión "Axenda Urbana e Vivenda", Rey defendeu o papel dos concellos na resposta ao problema de acceso á vivenda e presentou as medidas que está a desenvolver o Goberno local. "A vivenda é un tema que nos preocupa, pero sobre todo que nos ocupa", afirmou a rexedora, quen lembrou que, aínda que os concellos non teñen competencias directas, "temos unha responsabilidade política e social".
Rey explicou que "en A Coruña decidimos actuar, porque sabemos que a vivenda non é un luxo, é un dereito" e destacou que a cidade foi a primeira de Galicia en declararse Zona de Mercado Residencial Tensionado, unha medida que "permite conter prezos, mobilizar vivendas baleiras e ampliar o parque público".
A alcaldesa sinalou que "non é unha variña máxica coa que imos solucionar o problema dun día para outro pero o que non é aceptable é mirar cara outro lado". Lembrou que "durante catorce anos de Goberno de Feijóo, a Xunta non entregou nin unha soa vivenda pública na cidade", e defendeu o traballo do Goberno local en materia de vivenda co desenvolvemento dos polígonos de Xuxán e Visma, coa cesión de solo á Xunta de Galicia para a construción de vivenda ou a posta en marcha un edificio de 50 vivendas en Xuxán.
Mesa de debate "Axenda Metropolitana"
O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro da área de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, participou na mesa de debate "Axenda Metropolitana", na que puxo en valor o modelo de planificación estratéxica que está a desenvolver o Concello da Coruña.
Lage defendeu que "a planificación estratéxica é hoxe unha ferramenta indispensable" e destacou a aposta da alcaldesa, Inés Rey, por crear unha área específica de planificación estratéxica desde a que se está a impulsar unha folla de ruta a medio e longo prazo para o desenvolvemento da cidade. "Temos un proxecto de cidade claro, con obxectivos definidos e unha visión compartida que pensa na maioría social", sinalou.
Lage explicou que esta planificación permite orientar os investimentos, coordinar as políticas urbanas e anticipar os retos económicos, demográficos e ambientais. "Planificar é gobernar con sentido de cidade e con visión colectiva", engadiu.
O tamén voceiro do Goberno municipal defendeu a necesidade de avanzar cara modelos metropolitanos de cooperación que permitan compartir proxectos e recursos entre municipios, e destacou a importancia de "pensar a cidade máis alá dos seus límites administrativos, entendendo que os grandes desafíos urbanos son comúns e requiren respostas conxuntas".

21 de noviembre de 2025

19 de noviembre de 2025

18 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible