9 de marzo de 2026
A sesión constitutiva celebrada marca a recuperación dun órgano chamado a reforzar o diálogo co tecido social da cidade
O Concello da Coruña realizou hoxe a sesión constitutiva do Consello Local de Igualdade, un órgano de participación orientado a fortalecer o diálogo, a corresponsabilidade e o traballo compartido arredor das políticas públicas de igualdade na cidade. O acto desenvolveuse no Salón de Sesións do Palacio Municipal e contou coa asistencia da alcaldesa, Inés Rey, que foi a encargada de saudar e darlles a benvida ás persoas asistentes no inicio da sesión.
"A creación deste órgano é unha boa noticia para a loita pola igualdade na cidade. Un espazo no que debatimos e traballamos representantes de todos os grupos políticos e as asociacións civís. Cando traballamos xuntas, todo sae mellor e máis fácil", subliñou a alcaldesa Inés Rey.
Tras esa apertura institucional, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, continuou coa orde do día xunto coa secretaria e a responsable técnica do Consello. Na súa intervención, Canosa subliñou a importancia de recuperar un espazo estable e útil para a cidade, chamado a servir de canle real de escoita, contraste, participación e formulación de propostas en materia de igualdade.
A concelleira puxo o foco na necesidade de consolidar este órgano como unha ferramenta útil tanto para o Concello como para o tecido asociativo e os distintos axentes implicados, co obxectivo de compartir diagnósticos, identificar necesidades emerxentes e fortalecer as políticas públicas desde unha mirada plural e conectada coa realidade social da Coruña. Ademais, sinalou que un dos principais retos para as seguintes convocatorias será ampliar e reforzar a participación para que o Consello represente cada vez mellor a diversidade de entidades, experiencias e realidades que traballan pola igualdade na cidade.
A sesión contou coa participación de representantes dos grupos políticos municipais e tamén de entidades veciñais, feministas, sindicais, profesionais, sociais e LGTBI, nun primeiro espazo de encontro para reactivar este órgano no actual mandato. Entre os asuntos abordados figuraron as comunicacións previas da Secretaría relativas á designación da Secretaría, da responsable técnica e á delegación da Presidencia. Tras estes trámites, quedou formalmente constituído o Consello Local de Igualdade do Concello da Coruña.
"Quero agradecer a todas as presentes, procedentes de moi diversos ámbitos, a súa presencia neste órgano, no que loitaremos por dar pasos adiante na conquista da igualdade real e efectiva para todas e todos", engadiu Inés Rey.
Na sesión tamén se informou as persoas integrantes do Pleno sobre a forma e o prazo de presentación de propostas e candidaturas para elixir os órganos do Consello, proceso que se abordará na seguinte sesión ordinaria. O Concello avanzou ademais a vontade de lle dar continuidade ao traballo deste órgano nos vindeiros meses, coa previsión de realizar unha nova sesión no mes de setembro.

4 de marzo de 2026

2 de marzo de 2026

28 de enero de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible