Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de marzo de 2026

A alcaldesa esixe á Xunta a apertura na Coruña dun Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual

O Concello presenta a campaña do 8M baixo o lema 'Mulleres reais liderando o cambio'

A programación municipal arrinca hoxe co encontro ‘Mulleres que son e están’ e inclúe o ciclo ‘Mulleres e saúde’, con cinco sesións divulgativas en marzo

O Concello presentou esta mañá a campaña e a programación municipal do 8-M, Día Internacional das Mulleres, que se desenvolverá ao longo de todo o mes baixo o lema "Mulleres reais liderando o cambio". A alcaldesa, Inés Rey, puxo o foco no contexto actual de retrocesos e novas formas de violencia, especialmente no eido dixital, e apelou a un "compromiso democrático básico" coa igualdade: "Sen igualdade real, non hai liberdade plena".

No marco da súa intervención, Rey reiterou tamén a demanda á Xunta de Galicia para que A Coruña conte cun Centro de Crise 24 horas para vítimas de violencia sexual, lembrando que "máis dun ano despois" da posta en marcha destes recursos en Galicia a cidade segue sen un dispositivo propio: "A Coruña precisa un Centro de Crise 24 horas propio".

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, explicou o enfoque da campaña e reivindicou que "mulleres reais" significa falar de vidas atravesadas por desigualdades múltiples. Canosa advertiu tamén do papel da tecnoloxía e dos algoritmos como "novos axentes socializadores", e chamou a reforzar a presenza das mulleres nos espazos onde se deseñan datos, regras e decisións para evitar que a desigualdade "se converta en automática, natural e invisible".

A programación arrinca esta mesma tarde (18.00 horas) co encontro "Mulleres que son e están", no Auditorio AFUNDACIÓN (Cantón Grande, 8), un espazo de reflexión feminista, decolonial e interseccional para abordar como se cruzan xénero, racialización, clase social, orixe e situación administrativa e como estas dimensións condicionan o acceso aos dereitos e ao recoñecemento. Participan Ebbaba Hameida Hafed, xornalista e escritora saharauí; Suiry Sobrino, xornalista peruana e activista feminista antirracista e decolonial; e María José Jiménez Cortiñas, traballadora social e activista feminista e antirracista vinculada á defensa dos dereitos do pobo xitano. A conversa estará moderada por Estíbaliz Veiga e contará cun peche musical a cargo de Lis Teuntor; haberá tamén intérprete de lingua de signos.

No eido da divulgación, o Concello impulsa o ciclo "Mulleres e saúde", un espazo aberto á cidadanía para achegar información solvente e accesible sobre a saúde das mulleres desde unha perspectiva integral e de xénero. Ao longo de cinco sesións en distintos puntos da cidade, abordaranse cuestións como a nutrición, o envellecemento saudable, a importancia do exercicio físico, a menopausa e a saúde mental, atendendo ás diferentes etapas e realidades vitais.

A programación incorpora tamén unha liña prioritaria de coeducación, con propostas nos centros educativos para traballar a igualdade desde a infancia, como o concerto-contacontos coeducativo "Cambia o conto" e os obradoiros de creación de xoguetes igualitarios, orientados a desmontar estereotipos de xénero a través do xogo e a creatividade.

No ámbito da mocidade, o Concello reforza a dimensión pedagóxica da campaña con actividades que poñen o foco na cultura dixital, a ética e a igualdade, abordando de maneira específica a participación nas redes, a misoxinia dixital e os retos que abre a intelixencia artificial para a democracia e os dereitos.

A cidade suma ademais unha programación ampla e descentralizada no eido cultural e comunitario, con accións nas bibliotecas municipais -entre elas propostas sobre saúde e unha mostra bibliográfica arredor de masculinidades e igualdade- e iniciativas nos centros cívicos, onde se traballará durante todo o mes de forma transversal con dinámicas participativas e referentes femininos.

Como grandes citas abertas á veciñanza, o Teatro Colón acollerá o ciclo "Mulleres de cine", unha proposta que sitúa no centro creadoras e referentes culturais ao longo do mes de marzo; e, no eido deportivo, o sábado 14 de marzo celebrarase a Carreira Popular Torre de Hércules e a Andaina conmemorativa do 8M nas inmediacións do monumento, facendo visible tamén no espazo público o compromiso colectivo coa igualdade.

A programación completa, con detalles e vías de inscrición, poderá consultarse na páxina web municipal e nos perfís oficiais do Concello nas redes sociais.

Documentos:

DESCARGA AQUÍ a programación completa do Concello polo 8-M (5 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión