5 de agosto de 2026
Hoxe publicouse o bando municipal que inclúe as pautas xerais de seguridade e mobilidade, así como a normativa especial para os establecementos de hostalaría
O Concello publicou hoxe o bando municipal que regula as actividades na rúa de cara ao vindeiro mércores 12, xornada na que A Coruña será unha das cidades nas que se poderá seguir a eclipse solar, sendo unha das urbes europeas que máis tempo poderá gozar deste evento astronómico único.
A previsión dos servizos municipais é que sexa unha xornada de grande afluencia no conxunto da cidade. Por iso, e co obxectivo de evitar desprazamentos innecesarios e minimizar as incidencias de mobilidade, o Concello recomenda o seguimento da eclipse desde puntos de proximidade existentes nos dez distritos da Coruña. O mapa de puntos de visión confirmados nos barrios xa está habilitado na web do Concello.
Con todo, e como medida preventiva, o Executivo local tamén ten previsto un dispositivo especial de transporte, tráfico e seguridade no conxunto do termo municipal. Haberá cortes de tráfico en puntos coma o paseo marítimo -as praias de Riazor e o Orzán serán dúas zonas de observación prioritaria-, a estrada do Portiño e o acceso ao monte de San Pedro, tamén na contorna do estadio municipal de Riazor, onde ese mesmo día, á tarde noite, terá lugar o Trofeo Teresa Herrera.
Cómpre subliñar que, co obxectivo de fomentar os desprazamentos en transporte público compartido, deseñouse un dispositivo especial con lanzadeiras que conectarán os campus da Universidade da Coruña (UDC), na Zapateira e Elviña -onde haberá aparcadoiros disuasorios- coa praza de Pontevedra. Tamén se activará o servizo especial de fútbol, habitual en xornadas de partido en Riazor. E, ademais, a liña 3A reforzará o seu servizo desde Porta Real cara o monte de San Pedro e o Portiño, aumentando a súa frecuencia de paso que, nese día, será cada 15 minutos.
Neste sentido, o Concello habilitou xa un mapa interactivo que recolle toda a información necesaria para a consulta da cidadanía, tanto en termos de mobilidade como de recomendacións e achegas xerais durante o desenvolvemento da xornada.
Normativa especial para os establecementos de hostalaría
O 12 de agosto -de forma excepcional e previa comunicación por escrito á Área de Seguridade Cidadá- aqueles establecementos de hostalaría que o desexen poderán instalar barras na rúa, sempre e cando isto non afecte á circulación de vehículos.
Poderán instalarse elementos como neveiras, mostradores, barras ou similares, garantindo a seguridade e accesibilidade no espazo de titularidade municipal. Ademais, os establecementos que instalen barras no exterior deberán permitir o acceso das persoas clientes aos aseos do local ou, alternativamente, instalar un aseo público accesible.
É de subliñar que, entre as 20.15 e as 20.45 horas, coincidindo coa fase de totalidade da eclipse, non estará permitido o uso de altofalantes, equipos de música nin sistemas de reprodución sonora na vía pública.
O texto do bando tamén se pode consultar na web do Concello. Concretamente, aquí: A Coruña, CidadEclipse .
Puntos violetas ao longo do paseo marítimo de Riazor e Orzán
Na xornada da eclipse está previsto que se instale un punto violeta fixo situado na Coiraza e outros puntos violeta itinerantes, que percorrerán todo o paseo marítimo, desde a zona das Escravas ata a fonte dos Surfeiros e os areais das praias do Orzán e Riazor.
Estes puntos son espazos seguros que lle ofrecen información á cidadanía en xeral e, no seu caso, asesoramento e atención psicolóxica ás persoas que sufran violencias machistas, contando con persoal especializado no ámbito da psicoloxía. Ademais o persoal especializado repartirá pulseiras de detección de substancias químicas.
Con esta medida o Concello contribuirá a favorecer o gozo da eclipse libre deste tipo de violencias. O horario de atención dos puntos será de 18.00 a 22.00 horas da noite.
"O noso desexo é que todas as persoas que escollan A Coruña para presenciar a eclipse gocen ao máximo desta experiencia inesquecible. E para o bo funcionamento da cidade durante a xornada é fundamental seguir estas pautas, evitando riscos innecesarios e molestias á veciñanza. Deste xeito, poderemos gozar dunha cidade que vivirá un acontecemento único desde a convivencia, o respecto e a tolerancia", indicou hoxe a alcaldesa, Inés Rey.
También te puede interesar
También te puede interesar
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible