30 de junio de 2026
José Manuel Lage propuxo apostar por unha visión compartida e integral do territorio, priorizando os servizos aos cidadáns antes que crear unha nova estrutura
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, fixo fincapé hoxe na necesidade de sustentar a política metropolitana entre A Coruña e os municipios da área "priorizando os servizos á cidadanía, con fórmulas de cooperación entre concellos".
O edil presidiu esta mañá a Comisión Informativa Especial creada para abordar este eido, co obxectivo de plantexar e activar ferramentas eficaces de coordinación e xestión, atendendo a factores como os fluxos diarios de mobilidade, o mercado de traballo, a localización empresarial, os equipamentos, a vivenda e as dinámicas económicas que transcenden, desde hai décadas, aos límites administrativos municipais.
Na reunión de hoxe, celebrada no Palacio Municipal de María Pita, Lage defendeu a cooperación voluntaria, a prestación compartida de servizos, a planificación conxunta e a construción progresiva de confianza entre municipios como os catro eixos clave para avanzar na liña doutras iniciativas previas que obtiveron bos resultados, como a área Metropolitana de Barcelona.
Lage lembrou que "máis do 80% das relacións funcionais entre os municipios da área materialízanse diariamente mediante desprazamentos por motivos laborais, educativos ou de acceso a servizos". Con todo, o sistema actual continúa fragmentado entre transporte urbano e interurbano, operadores distintos e competencias administrativas separadas. Por iso, o edil defendeu a creación do Consorcio Metropolitano de Transportes da área da Coruña -non entendido como unha nova administración política, senón como un organismo de cooperación participado-, que o Concello plantexa coa finalidade de propiciar a planificación conxunta do transporte público, coordinar as liñas urbanas e interurbanas e camiñar na senda dunha integración tarifaria.
Unha visión compartida do territorio
Na sesión desta mañá, os grupos políticos municipais acordaron ter un calendario de traballo entre setembro e marzo do 2027 para formular propostas que axuden a conformar a proposta da Coruña con todos os concellos limítrofes, integrando aspectos e cuestións que van máis alá da mobilidade en si mesma.
"Cada municipio continúa planificando de forma independente cuestións que afectan ao conxunto da área. O que entendemos é que este documento axudaría a superar a competencia entre municipios mediante unha visión compartida do territorio", dixo Lage, que apuntou que, a súa elaboración tamén permitiría acceder con máis facilidade a financiación a través de fondos da Unión Europea.
Isto é o que, según o edil, abriría camiño a un Marco Metropolitano de Planificación Territorial que simplificaría a localización de novos desenvolvementos empresariais, a coordinación de grandes bolsas de vivenda, a protección de espazos ambientais, a ordenación das áreas loxísticas e a coordinación dos grandes equipamentos.
Desenvolver infraestruturas metropolitanas compartidas
Na sesión desta mañá, Lage instou a que todos os concellos da Gran Coruña traballen xuntos para definir e desenvolver infraestruturas compartidas, cunha rede metropolitana de aparcamentos disuasorios, unha rede ciclista intermunicipal, corredores verdes, unha plataforma dixital única de mobilidade, a coordinación de infraestruturas hidráulicas e a coordinación de redes de saneamento e abastecemento.
"A competencia xa non se produce entre municipios veciños. Prodúcese entre áreas metropolitanas. Por iso A Coruña debe presentarse cara ao exterior como un único espazo económico de aproximadamente 450.000 habitantes, con capacidade para atraer investimento, talento e empresas. Unha estratexia conxunta multiplica a capacidade de captación de investimentos nacionais e europeos", recalcou Lage.
O edil indicou que, en todo caso, este proxecto pasa por construír unha identidade metropolitana compartida: "Non se trata de diluír a identidade de cada municipio, senón de reforzar unha identidade complementaria. Barcelona amosa que é posible manter identidades municipais fortes e, simultaneamente, desenvolver unha visión metropolitana compartida. A futura da área metropolitana da Coruña non depende de crear unha nova administración, senón de crear unha nova forma de cooperar".

26 de junio de 2026

22 de junio de 2026

21 de mayo de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible