Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xuño de 2026

O barrio de Xuxán intégrase desde hoxe na rede municipal de transporte urbano da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, achegouse ao barrio no día da implantación da liña 4, que suma tres novas paradas de autobús na avenida das Fresas e a avenida de Xuxán

O barrio máis novo da Coruña, Xuxán, conta desde hoxe con servizo de transporte urbano. Esta mañá, ás 10.00 horas, a liña 4 completou o seu primeiro percorrido ao longo do barrio, que pasa a integrarse na rede municipal sumando tres novas paradas de autobús, xa operativas: dúas, na avenida das Fresas e unha terceira na avenida de Xuxán.

A alcaldesa, Inés Rey, formou parte desta primeira viaxe da liña 4 en dirección a Xuxán, que mantén o seu trazado habitual, con paso previo pola avenida de Monelos, antes de acceder ao barrio a través da rúa da Canteira.

A rexedora valorou o impacto positivo desta medida, que non só reforza os servizos públicos no barrio, senón que tamén permitirá mellorar as conexións de Xuxán en materia de mobilidade: "No seu momento, a aparición do autobús urbano foi vital para coser as costuras da cidade, para conectar núcleos e persoas fronte ao esparexemento e os illamentos do pasado. Foi, e segue a ser, en definitiva, unha ferramenta clave para vertebrar A Coruña que hoxe coñecemos. Agora, integrando un barrio en crecemento, como Xuxán, no mapa de liñas que cobre o conxunto da cidade".

Acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage -responsable tamén do Distrito 8, no que se integra Xuxán-, polo responsable de Tranvías Coruña, Ignacio Prada, e de integrantes da AAVV de Xuxán -coa súa presidenta, María Sierra, á fronte- a alcaldesa amosoulle o seu agradecemento á asociación veciñal do barrio "polo seu esforzo e paciencia". Rey indicou que, con menos dun ano de vida, "a asociación e o seu equipo directivo amosaron ao longo destes meses unha capacidade de diálogo e espírito de colaboración que valoramos moi positivamente desde o Concello, porque é o camiño que permite consensuar as melloras que demanda a veciñanza, tanto en cuestións do día a día como a medio e longo prazo".

Máis vivenda pública e máis servizos públicos de transporte no barrio

A chegada do transporte urbano a Xuxán dá continuidade aos avances experimentados polo barrio desde que se completaron as obras para a súa urbanización en xullo de 2024, nas que o Concello efectuou un investimento de 11,5 millóns de euros.

A creación e acondicionamento dos espazos públicos do barrio tamén permitiu, ese mesmo ano, a inclusión de Xuxán na programación municipal de actividades ao aire libre, como o circuíto de carreiras populares Coruña Corre.

Dende entón, o Goberno municipal traballou a fondo para promover o desenvolvemento da bolsa residencial do barrio. Construíndo máis vivenda pública, como os 50 inmobles que o Concello destinará a alugueiro social na parcela Z-37 do barrio, mais tamén mobilizando solo municipal para sacalo a concurso en réxime de cesión a cooperativas e promotoras.

En paralelo, o Concello tamén avanzou na implantación de melloras na mobilidade do barrio, coa posta en servizo das súas primeiras bases de BiciCoruña, habilitadas a finais do ano pasado.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión