7 de julio de 2026
A programación, que será todos os mércores e xoves de xullo, inclúe películas de autores como John Carpenter, Alfred Hitchcock ou Jean Renoir, entre outros
O Fórum Metropolitano acollerá o ciclo de cinema ao aire libre Cinenterraza, unha proposta organizada polo Concello que durante o verán trasladará as proxeccións desde as habituais salas Fernando Rey e Marilyn Monroe ata o vestíbulo do centro. Estas sesións terán lugar os mércores e xoves de xullo, sempre ás 22.30 horas, e contarán coa participación dun convidado ou convidada especial en cada proxección.
Cinenterraza 2026 ofrecerá un total de oito filmes de culto procedentes de diferentes países e épocas da historia do cinema. Ademais da exhibición das películas, o público poderá participar nun coloquio posterior cos convidados, enriquecendo así a experiencia cinematográfica.
O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para as persoas maiores de 65 anos, desempregadas e usuarias do Carné Xove. Os billetes poderán adquirirse con antelación na praza de Ourense e a través de Ataquilla, así como no propio Fórum Metropolitano antes de cada sesión.
Este xullo cúmprense 13 anos de Cinenterraza versión "cult movies". Máis dunha década de selección de xoias cinéfilas en versión orixinal e de convidados de altura do eido da cultura. "A fórmula non se esgota e o público renóvase", apuntaba Gonzalo Castro.
Cada ano, xunto aos espectadores xa habituais, a media de idade baixa máis. Isto confirma que a cultura do audiovisual e da sala ten aínda moita forza na cidade. Ademais, os coloquios ofrecidos con figuras relevantes do cinema e doutras disciplinas tamén contribúen a facer a proposta máis atractiva para o público xeral. "Este ano estamos diante dunha das edicións máis potentes, tanto en filmes a proxectar como en "guest stars". "Veñen curvas", advirten desde a organización do ciclo.
Logo da extraordinaria experiencia do ano pasado con "La Passion de Jeanne d´Arc" de Dreyer, vólvese a inaugurar o ciclo co danés e co seu derradeiro filme, a asombrosa "Gertrud". A intérprete todoterreo Bárbara Grandío será a convidada. A noite seguinte chegará "Scum", un filme feroz e relativamente descoñecido dirixido polo gran Alan Clarke, onde carga contra os terribles reformatorios da Inglaterra dos anos 70. Para falar dela estará Patricia Acinas, libreira e axitadora cultural.
Tamén haberá espazo para un dos grandes: Hitchcock estará presente con "Notorious", coa dupla invencible de Ingrid Bergman-Cary Grant. Protagonizará o coloquio o actor Denís Gómez. A sorpresa deste ano será "Smooth Talk", abraiante filme dos oitenta, sepultado entre centos de títulos no videoclub, pero que é un dos "coming of age" máis poderosos do século pasado. A escritora Blanca Lacasa visitará a cidade para protagonizar o coloquio posterior.
A cota de cinema de terror está representada por un clásico moderno: "Re-Animator" unha divertida adaptación de Lovecraft á gran pantalla. O realizador especializado no xénero David Salgado falará en detalle do filme. Tamén haberá espazo para o cinema asiático da man dun dos grandes: Kenji Mizoguchi, cuxa "Akasen Chitai" (A rúa da vergoña) será analizada polo fotógrafo e editor Mark Zlick.
Proxectarase tamén por vez primeira un filme do mestre John Carpenter: a mítica "Assault on Precint 13", xoia do thriller que bebe do western e do terror e que será comentado coa deseñadora de xoias Carla Souto.
O remate chegará cun fermoso e luminoso homenaxe ao Moulin Rouge por parte de Jean Renoir en "French Cancan". Para falar dela estará a actriz Iolanda Muíños. Oito filmes e oito convidadas que farán das noites de xullo no Fórum Metropolitano un dos lugares máis especiais da cidade.
As películas emitiranse en horario nocturno, 22:30 a 00:30, como todos os anos no hall do Forum Metropolitano para dar lugar despois da emisión ao debate cun convidado
Programación na web :

21 de agosto de 2026

21 de agosto de 2026

20 de agosto de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible