21 de agosto de 2026
O festival combina bandas consolidadas do panorama estatal e galego con formacións emerxentes e actividades pensadas para favorecer a participación da veciñanza
A programación medra este ano con dous escenarios e amplía as propostas para todos os públicos, con dúas xornadas do Flores Kids e o Mercado do Flores
O Barrio das Flores volverá converterse a comezos de setembro nun dos grandes puntos de encontro da música en directo na Coruña coa celebración do décimo aniversario do Flores Rock, que este ano amplía a súa programación a tres xornadas, do venres 4 ao domingo 6 de setembro, cunha ampla oferta gratuíta de concertos e actividades para todos os públicos.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación desta edición especial xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e co secretario da Plataforma Veciñal do Barrio das Flores, David Pujades. O festival, impulsado desde o propio Barrio das Flores, conta co apoio do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia, ademais doutras entidades colaboradoras.
"O Flores Rock é un exemplo de como a cultura pode nacer desde os propios barrios, medrar da man da veciñanza e acabar converténdose nunha cita de referencia para toda a cidade", destacou Castro, quen puxo en valor "dez anos de traballo colectivo arredor da música e da cultura, mantendo sempre o acceso gratuíto e abrindo oportunidades ás bandas que están comezando".
O concelleiro lembrou tamén que o Goberno de Inés Rey aposta por "unha programación cultural descentralizada, diversa e capaz de chegar a todos os barrios da Coruña", e destacou a evolución experimentada polo festival ao longo da última década. "O Flores Rock mantén intacta a súa identidade e, ao mesmo tempo, continúa medrando. Este ano faino con tres días de programación, dous escenarios e máis actividades para as familias, sen renunciar á súa aposta polo talento local e emerxente", sinalou.
Un décimo aniversario con tres días de programación
O Flores Rock naceu en 2016 como unha iniciativa de base veciñal destinada a achegar cultura e música en directo ao Barrio das Flores. Dez anos despois, o festival conserva os seus principais sinais de identidade: acceso libre, participación comunitaria, utilización do espazo público e apoio á música independente e ás formacións emerxentes.
Para conmemorar esta década de traxectoria, a organización deseñou unha edición especialmente ampla, con programación durante os días 4, 5 e 6 de setembro e propostas repartidas en dous escenarios.
O venres 4 abrirá a programación musical Komando Kombate, ás 19.25 horas, seguido de Ewaric, ás 20.00h; Onza, ás 21.15h; Kaos Urbano, ás 22.35h; Non Servium, ás 00.05h; e Mar de Fondo, ás 1.20 horas.
A xornada do sábado 5 comezará xa ao mediodía cunha sesión vermú de Lamatumbá, ás 13.15 horas, mentres que Txavalada actuará entre concerto e concerto. A programación continuará con Brais das Hortas e Peter Punk, ás 15.00h; Collón de Lola, ás 16.30h; Moonshine Wagon, ás 18.00h; Penitence in Darkness, ás 19.05h; True Mountains, ás 20.10h; Dakidarría, ás 21.30h; The Lizards, ás 23.00h; e Angelus Apatrida, ás 00.05 horas. A noite pecharase ás 1.30 horas cunha banda sorpresa.
A programación completarase o domingo 6 cunha xornada orientada especialmente á convivencia e ao público familiar. O Mercado do Flores desenvolverase entre as 12.00 e as 20.00 horas e contará con postos e actividades. No apartado musical actuarán Los Alcántara, ás 14.00 horas; La Yaya DJ, ás 16.00 e ás 18.00 horas; e Pako Pakolas, ás 17.00, dentro da programación infantil Flores Kids.
Flores Kids, mercado, gastronomía e actividades para todas as idades
A celebración do décimo aniversario vai máis alá dos concertos. O festival reforza nesta edición o seu carácter interxeracional coa programación de Flores Kids durante dúas xornadas, sábado e domingo.
O sábado están previstos obradoiros musicais, unha chocolatada popular e actividades infantís como xogos, globoflexia e manualidades, ademais das actuacións de Brais das Hortas e Peter Punk e Collón de Lola. O domingo, o Mercado do Flores combinará artesanía e actividades infantís coa actuación de Pako Pakolas.
A programación inclúe ademais propostas como a sesión vermú, gastronomía popular e o Mercado do Flores, co obxectivo de converter o festival nun punto de encontro aberto non só ás persoas afeccionadas ao rock, senón ao conxunto da veciñanza e ás familias.
"Falamos dunha festa feita desde o barrio e para o barrio, pero que hai tempo que transcendeu as súas fronteiras e atrae público do resto da Coruña e de fóra da cidade", indicou Gonzalo Castro. "Esa capacidade para mesturar música, convivencia, actividades infantís e participación veciñal é precisamente unha das claves que explican que o Flores Rock chegue aos dez anos cunha identidade propia e plenamente recoñecible", engadiu.
Un escaparate para as bandas emerxentes
O apoio aos novos talentos continuará sendo outro dos piares do festival. O Concello da Coruña e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores puxeron en marcha este ano unha nova edición da Batalla de Bandas, cuxa fase final se celebrou o pasado 16 de maio na praza do Sol Nacente.
Oito formacións participaron na final -Keepers, Five Pipers, Here Comes The Pain, Baila Cuchillo, Graxa, Ewaric, Replicantes e Penitence in Darkness-, da que Penitence in Darkness resultou gañadora e Ewaric obtivo o segundo posto. Ambas as formacións incorporáronse así á programación do Flores Rock 2026.
A iniciativa busca dar visibilidade ás bandas emerxentes e ofrecerlles a posibilidade de compartir programación con formacións de maior traxectoria, consolidando o festival como escaparate para novos proxectos musicais.
Dez anos de cultura feita desde o barrio
A décima edición reforza a filosofía coa que naceu o Flores Rock: facer do espazo público un lugar de encontro arredor da música e da cultura e implicar activamente á comunidade na organización das actividades.
O aniversario conta tamén cunha identidade gráfica especial baixo o lema "feito no Barrio das Flores e sen marchitar desde 2016". A organización deseñou ademais unha camiseta conmemorativa na que cobra protagonismo o número 26, en referencia ao ano 2026 e como xogo gráfico coas iniciais BF, correspondentes ao Barrio das Flores ao seren B e F a segunda e a sexta letras do alfabeto.
"O mellor xeito de celebrar estes dez anos é seguir medrando sen perder a esencia coa que naceu o festival", concluíu Castro, que agradeceu "o traballo da veciñanza e de todas as persoas que fan posible que, ano tras ano, o Barrio das Flores sexa tamén un referente cultural da Coruña".
A programación completa e as novidades desta décima edición poden consultarse nas canles oficiais do Flores Rock (@floresroc).

15 de agosto de 2026

14 de agosto de 2026

13 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible