2 de diciembre de 2025
O CPA Maxia será homenaxeado nesta edición pola súa traxectoria no deporte local
A proba celebrarase o 31 de decembro e xa supera os 3.000 inscritos
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá no Salón Real do Palacio Municipal, xunto co concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, a XVI edición da San Silvestre Coruña, unha das citas máis destacadas do calendario deportivo e social da cidade, que se celebrará o 31 de decembro. No acto participaron tamén o organizador da carreira, David Iglesias, o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, representantes das entidades colaboradoras e patrocinadoras, así como do CPA Maxia, que será homenaxeado nesta edición.
A proba xa supera os 3.000 inscritos e continúa aberta. O 43 % das persoas anotadas son mulleres, e destaca a ampla participación de nenas e nenos entre os 3 e os 12 anos, así como a presenza de maiores de 70. Trátase dun evento aberto a todas as idades, con categorías infantís, Marcha Nórdica, equipos de empresa e mesmo a opción de correr acompañados de cans na modalidade CanSilvestre.
A carreira será tamén un impulso para o turismo local: máis do 15 % das persoas inscritas proceden de fóra da provincia da Coruña, incluíndo participantes de distintas comunidades autónomas e de máis de 30 países, entre eles Italia, Venezuela, Irlanda, México, Afganistán, China, Francia ou Estados Unidos. Unha proba que, ademais de deportiva, contribúe á proxección exterior da cidade.
Como novidade, o evento amplía a súa programación coa I Regata San Silvestre Coruña, que se celebrará o 28 de decembro en colaboración co Real Club Náutico da Coruña. A carreira é, ademais, un dos eventos deportivos subvencionados polo Concello da Coruña, no marco do seu apoio ao deporte de base, á inclusión e ao fomento de hábitos saudables.
Durante a presentación, a alcaldesa subliñou que "a San Silvestre representa como poucas actividades o espírito da Coruña: unha cidade aberta, participativa e solidaria, que vive o deporte como un espazo de encontro e celebración colectiva". Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, puxo en valor "o traballo conxunto de clubs, entidades e patrocinadores, que converten esta cita nun exemplo de cohesión social, participación e saúde".
O Concello recoñecerá este ano ao CPA Maxia, club de patinaxe artística da cidade con máis de tres décadas de historia e numerosos éxitos a nivel autonómico e estatal. Entre os seus logros máis recentes destacan as patinadoras coruñesas Marta Fraga, campioa da Copa de Europa na categoría cadete, e Martina Alonso, subcampioa na categoría infantil. A súa traxectoria é símbolo do compromiso co deporte base e cos valores da constancia, o esforzo e a igualdade.
A San Silvestre mantén tamén o seu espírito solidario, colaborando nesta edición con entidades como Reyes Magos de Verdad, a Cociña Económica -a través da Asociación O Silbato-, Bolboretas e o Club Auga Dragon Boat, en apoio a persoas afectadas por cancro de mama.
O Concello convida a toda a veciñanza a participar activamente nesta carreira xa tradicional, que pecha o ano con deporte, solidariedade e orgullo coruñés.

30 de noviembre de 2025

27 de noviembre de 2025

21 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible