24 de agosto de 2026
As actividades, gratuítas e con inscrición previa, terán lugar os días 27 de agosto e 17 de setembro e permitirán coñecer de primeira man o percorrido do produto do mar desde a lonxa ata os mercados
O Concello continúa coa programación das Rutas Mariñeiras nos mercados municipais, unha iniciativa desenvolvida no marco do proxecto "Mercados Coruñeses II", financiado a través das axudas aprobadas ao GALP Golfo Ártabro Sur, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e parte da estratexia de dinamización do Goberno de Inés Rey que busca poñer en valor os mercados locais.
"Os mercados son unha parte fundamental da identidade coruñesa, porque son o mar e os produtos gastronómicos da terra, de calidade e de proximidade. Por iso cremos que é moi importante atopar formas dinámicas e lúdicas de achegarlle á cidadanía todo o traballo que que hai detrás da marabillosa rede de instalacións que temos na Coruña", subliñou o concelleiro Juan Ignacio Borrego.
Tras as dúas primeiras rutas organizadas nos meses de xullo, a iniciativa contará con dúas novas citas os días 27 de agosto e 17 de setembro, que lles ofrecerán ás persoas participantes a oportunidade de achegarse á tradición pesqueira da Coruña a través dun percorrido guiado que conecta a lonxa da Coruña cos mercados municipais.
As rutas combinan patrimonio, gastronomía e divulgación do sector pesqueiro, permitindo coñecer de primeira man o funcionamento da cadea de comercialización dos produtos do mar e o papel que desempeñan tanto a lonxa como os mercados municipais.
Durante a actividade, as persoas participantes poderán:
Asistir á poxa de peixe e marisco na lonxa da Coruña.
Coñecer o funcionamento da cadea de comercialización dos produtos pesqueiros.
Percorrer diferentes espazos emblemáticos da cidade vinculados á súa tradición marítima e comercial.
Visitar os mercados municipais e coñecer o seu funcionamento directamente da man dos praceiros e praceiras.
Descubrir o valor do produto fresco e de proximidade.
Participar nunha degustación de produtos do mar como mostra da gastronomía local vinculada ao Atlántico.
Dúas novas datas para participar
A programación continúa con dúas rutas:
27 de agosto de 2026: da lonxa da Coruña ao mercado de Elviña.
17 de setembro de 2026: da lonxa da Coruña ao mercado de Eusebio da Guarda.
As actividades están dirixidas a público adulto, son gratuítas e contan con prazas limitadas, polo que é necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición a través desta ligazón.
Poñer en valor o patrimonio pesqueiro da Coruña
A iniciativa ten como obxectivo achegar a cidadanía á actividade pesqueira local e poñer en valor o papel da lonxa e dos mercados municipais como elementos fundamentais da economía e da identidade da Coruña.
Ademais, as rutas buscan fomentar o consumo de produto fresco e de proximidade, divulgar o patrimonio cultural, gastronómico e arquitectónico da cidade, darlle visibilidade ao papel das mulleres no sector pesqueiro e promover os principios da economía azul e de sostibilidade ambiental.
Con estas actividades, o Concello aposta por ofrecer unha experiencia que permita coñecer a cidade desde a perspectiva da súa relación co mar e, ao mesmo tempo, descubrir o traballo das persoas profesionais que participan cada día na comercialización dos produtos pesqueiros que chegan ás mesas coruñesas.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible