Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de agosto de 2026

O Concello promove dúas novas Rutas Mariñeiras para descubrir a tradición pesqueira da cidade a través da lonxa e dos mercados municipais

As actividades, gratuítas e con inscrición previa, terán lugar os días 27 de agosto e 17 de setembro e permitirán coñecer de primeira man o percorrido do produto do mar desde a lonxa ata os mercados

O Concello continúa coa programación das Rutas Mariñeiras nos mercados municipais, unha iniciativa desenvolvida no marco do proxecto "Mercados Coruñeses II", financiado a través das axudas aprobadas ao GALP Golfo Ártabro Sur, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e parte da estratexia de dinamización do Goberno de Inés Rey que busca poñer en valor os mercados locais.

"Os mercados son unha parte fundamental da identidade coruñesa, porque son o mar e os produtos gastronómicos da terra, de calidade e de proximidade. Por iso cremos que é moi importante atopar formas dinámicas e lúdicas de achegarlle á cidadanía todo o traballo que que hai detrás da marabillosa rede de instalacións que temos na Coruña", subliñou o concelleiro Juan Ignacio Borrego. 

Tras as dúas primeiras rutas organizadas nos meses de xullo, a iniciativa contará con dúas novas citas os días 27 de agosto e 17 de setembro, que lles ofrecerán ás persoas participantes a oportunidade de achegarse á tradición pesqueira da Coruña a través dun percorrido guiado que conecta a lonxa da Coruña cos mercados municipais.

As rutas combinan patrimonio, gastronomía e divulgación do sector pesqueiro, permitindo coñecer de primeira man o funcionamento da cadea de comercialización dos produtos do mar e o papel que desempeñan tanto a lonxa como os mercados municipais.

Durante a actividade, as persoas participantes poderán:

  • Asistir á poxa de peixe e marisco na lonxa da Coruña.

  • Coñecer o funcionamento da cadea de comercialización dos produtos pesqueiros.

  • Percorrer diferentes espazos emblemáticos da cidade vinculados á súa tradición marítima e comercial.

  • Visitar os mercados municipais e coñecer o seu funcionamento directamente da man dos praceiros e praceiras.

  • Descubrir o valor do produto fresco e de proximidade.

  • Participar nunha degustación de produtos do mar como mostra da gastronomía local vinculada ao Atlántico.

Dúas novas datas para participar

A programación continúa con dúas rutas:

  • 27 de agosto de 2026: da lonxa da Coruña ao mercado de Elviña.

  • 17 de setembro de 2026: da lonxa da Coruña ao mercado de Eusebio da Guarda.

As actividades están dirixidas a público adulto, son gratuítas e contan con prazas limitadas, polo que é necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición a través desta ligazón. 

Poñer en valor o patrimonio pesqueiro da Coruña

A iniciativa ten como obxectivo achegar a cidadanía á actividade pesqueira local e poñer en valor o papel da lonxa e dos mercados municipais como elementos fundamentais da economía e da identidade da Coruña.

Ademais, as rutas buscan fomentar o consumo de produto fresco e de proximidade, divulgar o patrimonio cultural, gastronómico e arquitectónico da cidade, darlle visibilidade ao papel das mulleres no sector pesqueiro e promover os principios da economía azul e de sostibilidade ambiental.

Con estas actividades, o Concello aposta por ofrecer unha experiencia que permita coñecer a cidade desde a perspectiva da súa relación co mar e, ao mesmo tempo, descubrir o traballo das persoas profesionais que participan cada día na comercialización dos produtos pesqueiros que chegan ás mesas coruñesas.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión