1 de junio de 2025
A entrada será de balde ata completar capacidade e as persoas asistentes recibirán como agasallo unha obra gráfica do autor
O Concello da Coruña renderá homenaxe o vindeiro martes 10 de xuño ao artista coruñés Tono Correa Corredoira. "Desde o Goberno de Inés Rey queremos que os nosos artistas máis destacados sexan recoñecidos pola cidadanía e coñezan de primeira man a súa obra, por iso promovemos este acto de homenaxe nun dos espazos culturais máis importantes de Galicia", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O acto comezará ás 20.00 horas e a entrada será libre ata completar capacidade. Ademais, todas as persoas que asistan recibirán como agasallo unha obra gráfica do propio autor. O acto contará cun acompañamento musical e será presentado por Víctor Barús. Proxectarase o documental 'A Caverna dos Soños', dirixido por Javier Sega, Víctor Barús e Jerl. Tamén participarán no acto o escritor Francisco Fernández Naval e a poeta, escritora e xornalista, Eva Veiga.
Tono Correa Corredoira, nado na Coruña en 1952, é un artista galego multidisciplinar recoñecido pola súa traxectoria como pintor, escultor, gravador, ceramista e muralista. Comezou a súa carreira artística nos anos 70, tras abandonar os estudos de Arquitectura e Belas Artes para dedicarse plenamente á creación artística. Foi membro fundador dos colectivos A Galga e GrupOrzán, e participou activamente no movemento Atlántica, clave na renovación da arte galega contemporánea.
A súa obra caracterízase por unha figuración expresionista que aborda temas como a maternidade, o erotismo, os mitos clásicos e o mar. Entre as súas creacións máis emblemáticas destaca o mural '27 golfiños e unha estrela' (1992), situado na praia de Santa Cristina, en Oleiros, realizado en vitrocerámica. Tamén é autor da 'Rosa dos Ventos' (1994), o mosaico no parque escultórico da Torre de Hércules.
En 2017, a Fundación Luis Seoane dedicoulle a exposición retrospectiva 'Os días pintados', que reuniu case un centenar de obras e consolidou a súa posición como figura fundamental na arte galega das últimas décadas. Correa Corredoira tamén ten desenvolvido unha destacada actividade como ilustrador e poeta, e continúa a ser unha voz activa na defensa do patrimonio artístico e cultural de Galicia.

17 de diciembre de 2025

17 de diciembre de 2025

17 de diciembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible