29 de abril de 2026
O festival programa a súa novena edición do 6 ao 17 de maio cunha ampla variedade de propostas culturais e artísticas de teatro, danza, encontros e literatura
Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual máis importante do Noroeste, celebra este ano a súa novena edición entre os vindeiros días 6 e 17 de maio cunha ampla variedade de actividades culturais e artísticas que achegarán á Coruña a diversidade, a identidade e a memoria para construír unha cidade máis aberta, máis diversa e máis consciente do valor das diferenzas como motor cultural e social. As entradas para os espectáculos están xa dispoñibles a través de Ataquilla.
A programación foi presentada este mércores pola alcaldesa, Inés Rey, e Xosé Leis, director do certame xunto a Gustavo del Río. Baixo o lema "Unha cidade que acolle, unha cultura que transforma", o Corufest 2026 pon en marcha unha engrenaxe de creación e pensamento que o converte nun festival singular e único no Estado español. A súa natureza transversal conecta disciplinas como a danza e o teatro con procesos de memoria e mediación, configurando unha aposta coruñesa que sitúa a diversidade e a identidade como eixes de transformación social. É, en definitiva, un ecosistema plural que proxecta a imaxe dunha cidade aberta que lidera a construción de novos relatos culturais. "A Coruña é unha cidade diversa e aberta. E dende o Concello queremos que esa esencia se abra tamén aos nosos espazos municipais, con múltiples actuacións e actividades que no marco do CoruFest encherán teatros e auditorios", sinalou a alcaldesa.
O festival desenvolverá a súa programación en diversas sedes da cidade, grazas ao apoio do Concello da Coruña, co fin de promover, un ano máis, a reflexión e o debate. Farao en diálogo coa cidade, activando espazos públicos como o Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, o Centro Ágora ou a Casa Museo Casares Quiroga, e tamén alianzas co tecido privado a través de espazos como Galgo Azul. Esta rede permite que Corufest non sexa só un evento, senón unha experiencia expandida que atravesa o urbano e conecta comunidades diversas.
O Corufest 2026 abrirá a súa programación o mércores 6 de maio ás 20.30 horas no Teatro Colón, co concerto do actor e creador galego Xoán Fórneas, Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Protagonista, que presentará o seu primeiro proxecto musical baixo o nome artístico O Xoán, que combina escena e creación sonora. A súa proposta parte da tradición e da voz para dialogar con linguaxes contemporáneas, xerando atmosferas performativas entre a raíz e a experimentación.
Ao día seguinte, o xoves 7 de maio, a biblioteca municipal do Centro Ágora acollerá ás 19.30 horas a entrega do Recoñecemento Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+, que este ano recaerá en Boti García Rodrigo, figura clave na historia do movemento LGTBIQ+ español. A súa traxectoria, iniciada no activismo e desenvolvida tamén no ámbito institucional, contribuíu de xeito decisivo á conquista de dereitos, á visibilidade e á construción dun marco de igualdade no que hoxe habitamos.
Tras a entrega do recoñecemento, terá lugar o encontro 'Escritas desbordadas: Narrar o que incomoda', un espazo de reflexión sobre a escritura como territorio de ruptura, onde a palabra se expande máis alá do normativo para falar de identidade, corpo e conflito. O encontro contará coa presenza de Daniel Amarelo, Nee Barros e Alva Lourenço, coordinadores da 'Guia de linguagem não binária'; Andrea Nunes e Leticia Citoula, coordinadoras de 'Razóns de peso' e Miguel Calvo Marques, autor de 'As esquinas' (Premio Pinto e Maragota 2026).
O festival conta un ano máis co apoio do programa TRC Danza, que traerá o venres día 8 ao Teatro Rosalía de Castro o espectáculo 'Orgía', ás 20.30 horas, unha peza de danza contemporánea que explora o corpo como espazo de encontro, identidade e transformación. A proposta parte dunha investigación física intensa onde o movemento se constrúe desde a vulnerabilidade, o desexo e a relación co outro.
O Centro Cívico dos Mallos será o escenario o sábado día 9 ás 20.30 h da obra 'Manual para follarse a un macho con vagina', con entrada libre. Unha peza que, a través do humor, a ironía e a experiencia persoal, aborda a construción da masculinidade desde unha perspectiva trans. Entre o íntimo e o político, a obra transita entre a confesión, a crítica e a celebración para reivindicar a multiplicidade de experiencias trans e a necesidade de facelas visibles.
A programación do Corufest traerá este ano a diversidade LGTBIQ+ aos máis novos coa peza teatral 'Manual básico de lengua de signos para romper corazones', de Roberto Pérez Toledo, que aborda o amor, a comunicación e a diversidade funcional a través da relación entre un home xordo e un oínte. A obra terá lugar o mércores 13 de maio no Teatro Colón (12.00 horas) cunha función programada para centros escolares e entidades sociais grazas á Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, a obra abrirase ao público xeral cunha función no mesmo escenario.
O festival trasládase de novo ao Teatro Rosalía o xoves 14 de maio ás 20.30 horas coa peza escénica 'Caballito de mar' de Pau Coya, que combina corpo e palabra para abordar a experiencia dun home trans embarazado. O seu autor estará tamén o sábado 16 de maio no Galgo Azul nun encontro co público que terá lugar ás 12.30 horas.
Tamén o Galgo Azul acollerá, o día anterior, venres 15 ás 18.00 horas, un encontro sobre Dereitos culturais e identidade LGTBIQ+. A xornada contará coa participación de creadoras, autoras, activistas e axentes institucionais vinculados ao ámbito da diversidade afectivo-sexual e os dereitos culturais.
A danza regresa o sábado día 16 ao Centro Ágora ás 20.30 horas con 'Nik·Eu 2.0', a última produción do proxecto iXa, unha peza contemporánea que afonda na construción da identidade desde o corpo, explorando as tensións entre o eu íntimo e a imaxe proxectada cara ao exterior.
O festival chegará ao seu fin o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas e o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia. O Galgo Azul acollerá a partir das 12.30 horas un encontro co escritor, profesor e activista galego Ismael Ramos, unha das voces máis fulgurantes e internacionais da nosa literatura, recente gañador do prestixioso Premio O. Henry (sendo o primeiro autor español en conseguir este galardón).
Sergio Marey recupera a figura de 'Trini'
A Casa Museo Casares Quiroga acollerá ata finais de mes a exposición 'Maricones y travestis a la calle', coa que o artista visual galego Sergio Marey recupera a figura da coruñesa Trinidad Falcés (Trini), muller trans represaliada durante o franquismo, para activar unha memoria histórica silenciada das primeiras loitas pola diversidade afectivo-sexual. A inauguración da mostra terá lugar o martes 12 de maio ás 19.00 horas e contará cunha performance por parte de Sergio Marey..
Laboratorio escénico con Noemí Rodríguez
A actriz, creadora e docente Noemí Rodríguez será a encargada de conducir o laboratorio escénico 'Drama, Glitter y Revolución', un dispositivo centrado na exploración do corpo, a palabra e a experiencia persoal como materia de traballo. A través de dinámicas colectivas e exercicios de investigación, o obradoiro propón ferramentas para transformar o vivido en material escénico, abrindo procesos de creación desde o íntimo cara ao colectivo. O obradoiro levarase a cabo os días 13 e 14 de maio no Centro Ágora, con prazas limitadas.

24 de julio de 2026

23 de julio de 2026

19 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible