9 de setembro de 2026
Inés Rey destaca que a cidade liderou a ocupación hoteleira en Galicia e foi a única urbe que incrementou o número de viaxeiros aloxados nos meses de xuño e xullo
A alcaldesa, Inés Rey, mantivo este mércores un encontro co sector turístico, hoteleiro, hostaleiro e gastronómico da cidade para facer balance da tempada estival, un verán que estivo marcado pola celebración da eclipse total de Sol do pasado 12 de agosto e polo éxito da programación cultural impulsada polo Concello. Durante a súa intervención, Rey destacou que A Coruña consolidou os excelentes rexistros turísticos acadados nos últimos anos, confirmando a súa posición como principal destino urbano de Galicia e como gran referente turístico do noroeste peninsular. Na reunión, todas as persoas asistentes destacaron o traballo conxunto para acadar e consolidar un turismo de calidade ao longo do ano.
No encontro, a alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, o xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Antón Álvarez, e o director de Turismo, Ignacio Dopico. Asistiron tamén Agustín Collazo, presidente de Hospeco e vogal do Clúster de Turismo de Galicia, Álvaro Lens, xerente de Coruña Convention Bureau, Manuel Pintor, presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxe, Óscar Regal, vicepresidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxe, Rafael Serrano, vicepresidente da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Álvaro Méndez, vogal da Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña, Andrés Fernández, xerente de Expocoruña, Pilar López Cordal, directora de eventos de Expocoruña, Samantha García-Carro de la Colina, xefa da divisió comercial da Autoridade Portuaria, e Irene Otero, membro do departamento comercial da Autoridade Portuaria.
Os datos do balance turístico reflicten unha ocupación media do 84,37% durante os meses de xuño, xullo e agosto, mantendo practicamente os niveis históricos de 2025. Ademais, a cidade foi a única das grandes urbes galegas que incrementou o número de viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros durante os meses de xuño e xullo. A alcaldesa fixo fincapé en que estas cifras son as primeiras da época estival tras a posta en marcha da taxa turística na cidade. "Os datos evidencian dita aportación non disuadiu ao visitante de vir á Coruña", indicou Rey. A alcaldesa destacou que a recadación acadada permitirá ao Concello mellorar moitos servizos para a ciudadanía e as persoas visitantes.
Tamén se rexistraron bos resultados nos principais recursos turísticos da cidade. A Torre de Hércules superou as 49.500 entradas durante o verán e as oficinas de información turística atenderon máis de 37.600 persoas. Pola súa parte, o tráfico de cruceiros continuou a súa tendencia ascendente, con 55 escalas e máis de 174.000 pasaxeiros entre xuño e agosto.
Máis de 850.000 asistentes aos eventos de agosto
A programación cultural e festiva impulsada polo Concello volveu situar a cidade como referencia en Galicia. Só durante o mes de agosto, os distintos concertos, actividades e eventos celebrados no marco das Festas de María Pita e doutras programacións apoiadas polo Concello sumaron 854.000 asistentes.
Esta cifra supón un incremento do 6,75% respecto ao ano anterior, con 54.000 persoas máis que en 2025, confirmando a capacidade da oferta cultural coruñesa para atraer público tanto da cidade como doutras localidades galegas e do resto do Estado. No conxunto dos meses de xuño, xullo e setembro, a cidade rexistrou 1,59 millóns de persoas asistentes a eventos e actividades organizadas ou patrocinadas polo Concello.
A eclipse total de Sol reuniu máis de 225.000 persoas
A xornada do 12 de agosto converteuse nun dos acontecementos máis multitudinarios da historia recente da cidade. Máis de 225.000 persoas seguiron desde A Coruña a eclipse total de Sol, nun dispositivo que transcorreu sen incidencias destacadas grazas ao traballo coordinado dos servizos municipais, corpos de seguridade, persoal sanitario e equipos de emerxencias.
A ocupación hoteleira rozou o cheo, alcanzando o 99%, mentres que miles de visitantes chegaron á cidade para asistir ao fenómeno astronómico. Entre eles destacou a presenza de turismo internacional, especialmente procedente dos Estados Unidos. O impacto económico da eclipse tamén foi significativo, cun aumento do 43% do gasto realizado por turistas estranxeiros nesa semana.
Un modelo baseado na cultura, os grandes eventos e a colaboración co sector
Durante o encontro co sector, a alcaldesa puxo en valor o traballo realizado de forma coordinada entre o Concello e os distintos axentes turísticos, hostaleiros, culturais e comerciais da cidade. "A Coruña conta hoxe coa mellor oferta cultural, de ocio e de grandes eventos do verán galego. Os resultados que presentamos son consecuencia dunha estratexia sostida no tempo, cunha aposta decidida pola cultura, pola promoción da cidade e pola organización de grandes acontecementos que xeran actividade económica e emprego", destacou Rey.
A alcaldesa destacou o importante retorno económico que as cifras do verán de 2026 na Coruña reflicten, tendo en conta os datos do INE que apuntan a un gasto medio por visitante de 1.344 euros, 177 euros por día e turista.
A rexedora subliñou que os datos do verán confirman que A Coruña "é xa o gran polo turístico do noroeste peninsular" e asegurou que o Goberno municipal continuará impulsando novas conexións aéreas, infraestruturas e grandes citas culturais para reforzar o posicionamento da cidade nos vindeiros anos. "A Coruña está nun gran momento e imos seguir traballando para que continúe liderando a oferta cultural e turística de Galicia e do noroeste de España", concluíu.

11 de agosto de 2026

14 de xullo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible