11 de junio de 2026
Este ano amplíase o horario, de 10.00 a 14.00 horas, e incorpóranse as actividades do Día do Xogo, pensadas para nenos e nenas de 2 e 3 anos, na praza de Portugal
A Cidade Deportiva de Riazor e as praias de Riazor e Orzán converteranse este domingo 14 de xuño no grande escaparate do deporte coruñés coa celebración do XXXIX Día do Deporte na Rúa, unha das citas máis consolidades e queridas do calendario deportivo da cidade. Trátase dunha xornada que serve como peche das actividades das Escolas Deportivas Municipais e das entidades deportivas durante o curso 2025-2026 e permitirá á cidadanía coñecer, probar e gozar de máis de 60 modalidades deportivas diferentes da man de preto de 90 clubs, federacións e entidades deportivas da Coruña.
"O deporte coruñés ten unha base sólida e este é un día moi especial, no que a cidadanía poderá comprobar a ampla variedade de modalidades que temos e animarse a practicalas", indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña. As actividades desenvolveranse entre as 10.00 e as 14.00 horas na contorna da Cidade Deportiva de Riazor, ampliando ademais unha hora o horario habitual para responder á demanda das persoas participantes. Os deportes náuticos terán o seu espazo nas praias de Riazor e Orzán, mentres que o resto de modalidades ocuparán as distintas zonas da contorna deportiva da cidade.
Este ano incorpóranse á programación as actividades previstas polo Día do Xogo, que se celebrarán na praza de Portugal. Esta iniciativa pretende poñer en valor a estreita relación existente entre o xogo e o deporte. Por primeira vez habilitarase un espazo específico para nenas e nenos de 2 e 3 anos na Praza de Portugal. Será unha zona pensada para que os máis pequenos poidan participar xunto coas súas familias en actividades adaptadas á súa idade. Neste espazo haberá un circuíto de psicomotricidade, xogos de construción, unha estación de pintura, mesas de area, ademais dunha mesa de tatuaxes infantís e reparto de globos. "Queremos que o Día do Deporte na Rúa sexa tamén unha festa para as familias e unha oportunidade para introducir os máis pequenos nos valores da actividade física desde as primeiras etapas da vida", indicou Inés Rey. Ademais, o Palacio dos Deportes contará este ano cunha estancia de lactancia e cambiadores.
A programación comezará incluso antes das actividades centrais. Ás 09.30 horas terá lugar a saída do club Oysho Running desde a explanada das Esclavas, que farán un quecemento e correrán 5 quilómetros. Posteriormente, no mesmo espazo, celebrarase o Día Internacional do Ioga a partir das 10.30 horas, unha disciplina que cada vez conta con máis seguidores e que representa perfectamente a importancia de coidar tanto o corpo como a mente.
Ao longo da mañá poderanse practicar deportes tan diversos como atletismo, baloncesto, bádminton, boxeo, escalada, ximnasia, marcha nórdica, xadrez e moitos outros. Tamén haberá protagonismo para os deportes náuticos como a vela, o piragüismo, o surf, o paddle surf ou o waterpolo.
"O deporte axuda a construír hábitos saudables, fomenta valores como o esforzo, o compañeirismo e a superación, e contribúe a facer unha cidade máis activa e máis inclusiva", dixo Inés Rey. A participación será totalmente gratuíta e non será necesaria inscrición previa. Ademais, repartiranse 2.500 camisetas entre as primeiras persoas participantes e realizarase un sorteo de material deportivo cedido polas entidades colaboradoras entre todas aquelas persoas que completen a súa tarxeta de participación.

28 de julio de 2026

25 de julio de 2026

24 de julio de 2026
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible