28 de xullo de 2026
O Concello e a Federación Galega de Atletismo avanzan cos preparativos de cara a proba, que abriu xa o seu prazo de inscricións cun lanzamento inicial de 3.000 dorsais
O Concello e a Federación Galega de Atletismo (FGA) avanzan na definición do cadro de atletas elite que participarán na XX edición da Coruña10, que terá lugar o vindeiro 4 de outubro e que xa conta coa súa primeira confirmación: será o galego Adrián Ben, finalista nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 e un dos grandes referentes actuais do mediofondo.
Ben, inmerso na recta final da súa preparación para o Europeo de Birmingham (Reino Unido), vén de revalidar o título de campión nacional de 1.500 metros no Campionato de España, disputado en Málaga a pasada fin de semana e no que o viveirense -considerado o herdeiro xeracional de homes récord como o coruñés Andrés Díaz-, se impuxo na súa categoría nunha carreira vibrante ata o final.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, subliñou a importancia de contar con deportistas coma Adrián Ben en citas como a C10. "É un competidor nato e, polos seus valores, un exemplo a seguir para as novas xeracións do atletismo. Con tesón, esforzo e humildade chegou ao máis alto e iso é un motivo de orgullo para todas as galegas e galegos. Será un pracer contar con el nesta edición tan especial da nosa carreira máis lonxeva", indicou Rey.
Non será a primeira vez que o atleta da Mariña percorra o trazado da C10. Xa o fixo no pasado nas categorías inferiores da carreira, mais a súa próxima participación na XX edición suporá, na práctica, o seu debut na proba como atleta sénior.
O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, destacou "a garra e o pundonor" de Ben, "un ídolo de masas que aumentará o caché atlético da C10 e atraerá a moita xente". Sanmartín apuntou, ademais, que "o feito de que sexa galego é importante, porque para el será como correr na súa casa".
A confirmación de Adrián Ben na Coruña10 supón un aliciente engadido e moi destacado con vistas á xornada do 4 de outubro, na que A Coruña asistirá en vivo e en directo ao desempeño dun deportista que, aos seus 27 anos, goza dun amplo palmarés nacional e tamén internacional, como o campionato de Europa de 800 metros en pista cuberta en Estambul (Turquía), colleitado hai tres anos.
Neste sentido, Inés Rey aproveitou para desexarlle sorte ao atleta galego na súa próxima participación no Europeo de Birmingham, que terá lugar a mediados de agosto.
En cinco días, case 800 persoas inscritas na carreira do 4 de outubro
Cunha oferta inicial de 3.000 dorsais de cara á carreira do 4 de outubro, prosigue o goteo de inscricións na XX Coruña10, con case 800 persoas xa anotadas en só cinco días.
Cómpre lembrar que, tal e como se informou a semana pasada, o calendario de inscricións está establecido en tres fases: un primeiro prazo a custo reducido, ata o 16 de agosto; un segundo prazo ordinario ata o 15 de setembro e un terceiro prazo, extraordinario, o 26 e 27 de setembro. Isto, sempre a expensas de que non se esgoten antes as prazas dispoñibles.
Ademais, á hora de inscribirse haberá bonificacións especiais para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e tamén para familias numerosas.
En función da demanda existente, o Concello prevé habilitar unha listaxe de agarda para lanzar unha oferta de dorsais extra.
Tamén che pode interesar

24 de xullo de 2026

11 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible