Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

Cuándo:

6 de abril de 2026

O Teatro Rosalía de Castro acollerá este mércores 8 os XXX Premios María Casares cunha gala que homenaxea a Manuel Lourenzo

Gloria Rico dirixirá un espectáculo que convida a festexar a vida e a obra do histórico dramaturgo galego, finado o pasado verán

O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta mañá a presentación da 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia. O acto contou coa participación de Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, e Gloria Rico, directora da gala. Tamén interviron o director da Agadic, Jacobo Sutil, a deputada provincial, Avia Veira e a presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Eva Fórneas.

Os XXX Premios reunirán este ano 17 espectáculos que optan a 16 galardóns en categorías que abranguen desde a interpretación ata os apartados técnicos e os espectáculos infantís e de monicreques. Entre as montaxes con máis candidaturas destacan 'Reconversión', de Ibuprofeno Teatro, con 11 finalistas -incluíndo Espectáculo, Dirección e Texto-; 'A serie clopen', do Centro Dramático Galego, con 10 -incluíndo Espectáculo, Dirección e Actriz Protagonista-; e 'TROMSØ', de Morraoconto, con 7 -incluíndo Espectáculo e Dirección-.

A gala deste ano terá como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego, Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997, finado o pasado verán. Baixo a dirección de Gloria Rico, o espectáculo propón non a melancolía nin o eloxio fúnebre, senón a celebración. "O Goberno de Inés Rey continúa a amosar a súa sensibilidade polas artes escénicas, convertendo un ano máis este Teatro Rosalía no epicentro do teatro galego e rendendo homenaxe a unha das grandes figuras da actuación da historia do noso país, ao que xa temos amosado o noso recoñecemento público tras as súas innumerables aparicións sobre as táboas da Coruña", indicou Gonzalo Castro.

Rico, quen foi amiga, alumna e compañeira de traballo de Lourenzo, concibiu un espectáculo para os María Casares de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera como representación da perfección que encarna a figura do homenaxeado; o azul da zona do Valadouro; e as doas, as bolas tradicionais que se integran na vida cotiá da xente. Cores e formas que trasladan ao público á idea dunha festa popular.

"Queremos reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel, e farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura", expón.

Elenco artístico da gala

No transcurso da presentación e, por primeira vez, presentouse o equipo artístico completo que subirá ao escenario o 8 de abril e dará vida ao espectáculo dirixido por Gloria Rico. No escenario coincidirán catro actores e actrices -Arantza Villar, Carlos Mosquera "Mos", María Barcala e Roberto Leal- xunto a un cuarteto musical: Josito Porto (voz, guitarra e gaita), Carlos Arévalo (batería), Rafa Otero (guitarra e baixo) e Sabela Dacal (acordeón e voz).

Homenaxe a Luma Gómez

Nesta edición, entregarase un recoñecemento especial á actriz e activista Luma Gómez, figura fundamental do teatro galego e do movemento asociativo profesional. Eva Fórneas, presidenta da AAAG, subliña o seu perfil único: "Luma é un referente en moitos aspectos: muller que fundou e cofundou tanto a Asociación como entidades artísticas, nunca deixou de adicarse ao teatro. Sempre moi concienciada coa profesión e cos dereitos e loitas sindicais. Queremos darllo agora para que poida gozar e desfrutar do recoñecemento desde o escenario, como cada día, tamén detrás dos papeis, porque Luma é unha curranta nata", sinala.

Categorías de la noticia

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión